O Aquarium da Coruña acolle polbos criados en catividade

Na sala Maremagnum poden verse cinco exemplares de arredor de 10 centímetros, que forman parte dun proxecto do IIM e a UVigo

Na sala Maremagnum do Aquarium Finisterrae da Coruña viven desde hai días cinco convidados ben especiais. O tanque acolle cinco exemplares de polbo común (Octopus vulgaris), duns seis meses de vida e arredor de oito gramos de peso. Os polbos forman parte dun proxecto de investigación que desenvolven o Instituto de Investigacións Mariñas de Vigo (IIM-CSIC) e na Estación de Ciencias Mariñas de Toralla (ECIMAT, Universidade de Vigo), para estudar a cría en catividade do cefalópodo.

Segundo explican desde os Museos Científicos Coruñeses, o proceso que deu orixe a estes polbos comezou nun laboratorio da ECIMAT en marzo de 2020. Unha das femias reprodutoras empezou a realizar unha posta de centos de miles de ovos. Este proceso levoulle algo máis de tres semanas, xa que fiaba os ovos un a un, formando colares de entre 600-1400 ovos cada un. Despois da posta, estivo máis de dous meses limpando e osixenando todos os ovos con moito coidado día e noite.

Posteriormente, o 25 de maio eclosionaron os ovos dos que naceron estes polbos que, nese momento, eran do tamaño de medio gran de arroz e tiñan só 3 ventosas en cada brazo. Tras dous meses nos que nadaban constantemente, alimentábanse e crecían rápido, alcanzaron o que se coñece como fase de asentamento, na que pasan máis tempo no fondo do tanque para descansar. Nese momento tiñan xa entre 23 e 28 ventosas en cada brazo e uns 80-100 miligramos de peso. Ademais a súa pel comezou a cambiar e en poucas semanas encheuse dunhas células que cambian de cor e lles axudan a camuflarse.

Publicidade

Agora, pasados 3 meses desde o inicio da fase de asentamento, chegaron ao Aquarium Finisterrae, onde o público pode observalos e coñecer os detalles do proceso que deu lugar ao seu nacemento.

Acadar a cría de polbos en catividade é un dos grandes desafíos da investigación mariña nos últimos decenios. En Galicia acadáronse resultados esperanzadores nos últimos tempos. É o caso do traballo do IEO e Pescanova, que conseguiron en 2018 as primeiras crías nacidas en catividade.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

O CSIC liderará a recuperación e musealización das singulares salinas romanas do Aguncheiro

A intervención permitirá escavar 300 metros cadrados, consolidar as estruturas e abrir o singular complexo da época imperial ás visitas

Noites que matan: cando a calor non dá tregua aínda que caia o sol

En noites de exceso de calor extrema, o risco de morrer aumenta un 2,6% respecto ás noites sen tensión térmica. Por Dominic Royé

O océano do futuro estúdase en Vigo: dúas décadas construíndo un referente europeo da investigación mariña

O Centro de Investigación Mariña da UVigo celebra o seu décimo aniversario xunto ao vixésimo da Estación de Ciencias Mariñas de Toralla. Por Daniel Rey, do CIM

É seguro conservar o peixe en envases de plástico? Isto di un novo estudo

Un estudo do CSIC detecta a migración de compostos químicos cara ao produto almacenado en frío. Por Ethel Eljarrat e Maria Vittoria Barbieri