Ángela Nieto: “Hai unha conexión entre o crecemento dos embrións e o cancro”

A investigadora do Instituto de Neurociencias de Alicante ofrece na tarde deste mércores unha conferencia na Domus da Coruña

O pasado mes de xullo, María Ángela Nieto Toledano (Madrid, 1960), convertíase na terceira muller en 37 anos que recibía o Premio Nacional de Investigación Ramón y Cajal, na modalidade de Bioloxía, e que antes só recibiran Margarita Salas e María Blasco. Ángela Nieto e o seu equipo (dirixe o grupo de Fisiopatoloxía dos movementos celulares en vertebrados no Instituto de Neurociencias de Alicante, un centro mixto da Universidad Miguel Hernández e o CSIC) levan moitos anos estudando como determinados procesos implicados no crecemento dos embrións poden aparecer de novo, de forma patolóxica, en adultos, e provocar a aparición de diversas doenzas.

Sobre unha destas enfermidades, o cancro, falará este mércores Ángela Nieto na Domus da Coruña (19.30 horas, entrada libre). A conferencia leva por título “Como os embrións nos axudan a entender as metástases no cancro”. Está organizada por CorBi Foundation, coa colaboración dos Museos Científicos Coruñeses, a Asociación Española Contra o Cancro e o Colexio Oficial de Médicos de A Coruña.

Publicidade

– Que nos poden contar os embrións sobre o cancro?

– Levamos máis de 20 anos traballando nun proceso que ten lugar durante o desenvolvemento embrionario. O que nos interesa é saber como se forman os embrións, e nisto hai algo moi interesante: moitas destas células nacen moi lonxe do seu destino final. E para iso implementan un programa de movementos celulares para desprazarse. Tivemos a sorte de que hai moitos anos atopamos un programa xenético que se encarga disto. É algo fundamental, porque se o programa non funciona ben, o embrión non pode medrar.

Isto é un programa necesario e beneficioso. Pero tamén vimos que hai unha conexión entre o crecemento dos embrións e algunhas patoloxías dos adultos, como o cancro. O que pasa é que estes xenes se apagan nos adultos, pero ás veces este programa actívase de forma patolóxica, aberrante, cando non debería de estar activado, e iso ten consecuencias. No caso do cancro, inflúe na capacidade dos tumores de formar metástases, que ao final son o que acaba causando o 90% das mortes.

– Explican que este programa tamén garda relación coa curación das feridas.

-Si, nos adultos tamén ten efectos beneficiosos, como ese caso. O programa actívase e provoca, mediante un proceso de homeostase epitelial que as células dos bordos das feridas poidan moverse e pechar a ferida. Pero o problema é a súa activación en situacións patolóxicas, como nas metástases ou a fibrose.

– Coñécense algúns factores que poden reactivar os procesos embrionarios para formar metástases?

– Como dicía, coñécense algúns xenes; os máis famosos son os Snail, que atopamos hai 25 anos, pero nos últimos anos nós e outros laboratorios vimos que había máis grupos de xenes cun papel semellante.

– Que hai de certo na frase de que “o cancro é o prezo que pagamos por estar vivos”?

– A aparición do cancro ten que ver coa desregulación dos mecanismos que manteñen ás células funcionando de forma correcta. Hai unha serie de células que sofren cambios e deixan de responder ben aos estímulos normais, e perden os mecanismos de control celular, a estabilidade nos cromosomas e quedan fóra de control.

Isto prodúcese por causas xenéticas e epixenéticas (en función do ambiente). Os danos vanse acumulando ao longo dos anos, e esa é a razón pola que un dos factores de aparición do cancro é precisamente a idade.

– En que obxectivos se centra na actualidade a súa investigación? Que destacaría dos proxectos que desenvolve co seu equipo?

– Hai pouco tempo descubrimos como uns movementos celulares novos son os que colocan o corazón na esquerda. Estes xenes aparecen na liña media do corpo do embrión, e despois móvense. O que vimos foi que unhas células que proceden dos laterais se van incorporando ao corazón, pero que hai moitas máis células que proceden do lado dereito que do lado esquerdo, e que dalgún xeito empurran o corazón cara á esquerda. Tamén estamos estudando estas influencias na colocación doutros órganos, como o páncreas ou o fígado, ou a colocación das voltas do intestino.

Con respecto ao cancro, sempre nos fixamos moito no tumor primario, e no desprendemento das células desde aquí para causar as metástases. O que están facendo moitos laboratorios, nós entre eles, é mirar como as células tumorais chegan para aniñar nos órganos distantes, e actuar alí.

Sempre nos fixamos no tumor primario do cancro, pero temos que empezar a mirar máis como aniñan as metástases

Na fibrose, vimos que os programas embrionarios se activan na acumulación de fibras e a perda da función que acontece nesta doenza no ril. E observamos que se evitamos esta activación, podemos atenuar a fibrose en modelos animais, polo que é unha potencial ferramenta terapéutica.

– Mantén colaboración con algún centro de investigación en Galicia?

– Lamentablemente non, pero nestes días en Galicia vou ter reunións para explorar algunha colaboración. En concreto, con María Mayán falarei este mércores, e quero achegarme tamén ao hospital de Santiago para falar con algúns científicos e médicos que son excelentes.

“Vou ter reunións estes días en Galicia para explorar algunha colaboración con grupos de aquí

– Só dúas mulleres, ademais de vostede (Margarita Salas e María Blasco) recibiron o Premio Ramón y Cajal desde 1982. Que sente ao estar nesa situación?

– Estou moi contenta, por min e por toda a xente que pasou polo equipo durante estes anos. Históricamente houbo, e segue habendo, un déficit moi serio no recoñecemento ás mulleres. Pero hai cousas que están cambiando; este ano, por exemplo, dos cinco Premios Nacionais de Investigación, tres foron para mulleres.

– Cre que esta desigualdade vai mudar nos vindeiros anos?

– Se me preguntas hai 10 anos, eu pensaría que si, que coa incorporación das mulleres ao mundo do traballo, isto cambiaría pronto. Pero no fondo, seguen pasando os anos, xa levamos case dúas décadas de século XXI, e non vemos que as cousas avancen á velocidade que esperabamos. O efecto tesoira, o feito de que moitas máis mulleres empezan a investigar pero máis homes chegan ao máis alto da carreira, segue aí. Esa diferenza non está desaparecendo na medida de que esperabamos.

Está claro que hai outros condicionantes, que teñen que ver con como está establecida a sociedade, que hai que contemplar para favorecer o éxito profesional das mulleres. Isto pasa pola conciliación familiar, e non tanto polas cotas ou a discriminación positiva (que non estou moi de acordo con elas, senón que as condicións de traballo sexan semellantes para homes e mulleres. Que non teñan que comprometer sempre elas a súa carreira para seguir mantendo unha vida familiar plena. A sociedade ten que poñer moito da súa parte para que as mulleres vexan recoñecido o seu traballo e poder dedicarse a el nas mesmas condicións.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

O mapa do cancro de Galicia revela as comarcas con maior incidencia

En Vigo, Lugo e Valdeorras diagnosticáronse en 2022 máis novos casos en homes, mentres que en mulleres lideran Bergantiños, A Mariña Occidental e O Baixo Miño

O cribado de cancro de colo de útero detecta máis de 40 casos en Galicia en tres anos

A Consellería de Sanidade indica que o 76% estaban en fase inicial, o que mellora as posibilidades de tratamento e supervivencia das pacientes

O cribado de cancro colorrectal detecta máis de 2.600 casos en Galicia nunha década

A Consellería de Sanidade informa dunha tendencia ascendente na participación, liderada polas mulleres cun 56% fronte ao 44% dos homes

Pode o dixital ‘matar’ os museos de ciencia e tecnoloxía?

Os máis críticos consideran que a dixitalización das salas distancia os visitantes das pezas físicas das exposicións