O reitor da UVigo, Manuel Reigosa, fala na presentación do congreso de ciencias mariñas xunto a Abel Caballero, Belén Rubio e Ana Bernabeu. Foto: Duvi.
O reitor da UVigo, Manuel Reigosa, fala na presentación do congreso de ciencias mariñas xunto a Abel Caballero, Belén Rubio e Ana Bernabeu. Foto: Duvi.

Vigo convértese na capital mundial das ciencias mariñas

Vigo converterase no epicentro das ciencias mariñas por uns días. Arredor de 500 investigadores e investigadoras de 14 países daranse cita os vindeiros 20, 21 e 22 de xuño no Auditorio Mar de Vigo no VI International Symposium on Marine Sciences, a cita máis importante para as ciencias mariñas en España, xa que por primeira vez aglutina nun mesmo sitio e data seis simposios de referencia internacional: ISMS, EOF, Siquimar, Redibal, ISC CDM e o workshop Patrimonio Cíes. Promovido pola Conferencia de Decanos de Ciencias do Mar de España e as universidades de Vigo, Valencia, Gran Canaria, Barcelona, Cádiz e Alacante, CSIC e Instituto Español de Oceanografía, o ISMS conta tamén nesta edición coa colaboración do Concello de Vigo.

O congreso aglutina por primeira vez nun mesmo lugar seis simposios de referencia internacional

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, quixo “agradecer aos comités organizadores de cada un dos simposios a súa implicación, o seu traballo e o enorme esforzo que veñen realizando ao longo destes meses, asegurando así a máxima calidade científica do evento nunha contorna incomparable”. Fíxoo durante a presentación do ISMS no Concello de Vigo, na que estivo acompañado polo reitor da Universidade de Vigo, Manuel Reigosa; pola Vicerreitora de Investigación e coordinadora do simposio, Belén Rubio; e pola decana en funcións da Facultade de Ciencias do Mar, Ana Bernabeu.

O reitor, Manuel Reigosa, aproveitou a oportunidade para salientar a importancia do mar e das ciencias mariñas para a Universidade de Vigo, que crece ao carón “dunha ría que cimenta á cidade e á universidade”. Pola súa banda, Belén Rubio, vicerreitora de Investigación e coordinadora do ISMS, destacou a importancia dos seis conferenciantes plenarios, Óscar Romero, Jörg Schäfer, Aída Alvera, Marina Montresor, Jorge Cortés e Ricardo Torres.

Tres días e seis congresos

Vigo será durante tres días punto de encontro entre persoal investigador, expertos e expertas, alumnado e profesionais do ámbito das ciencias de ata 74 cidades de países como España, Portugal, México, Colombia, Costa Rica, Arxentina, Chile, Perú, Reino Unido, Alemaña, Irlanda, Países Baixos, Brasil, Italia e Tunisia. Con 420 comunicacións e pósteres, o ISMS servirá de escaparate dos avances científicos que se están a conseguir en distintos eidos. Aínda que ten un marcado carácter científico, o simposio tamén terá unha parte aberta ao público: a cidadanía poderá participar na mesa de debate A muller e a ciencia, que se celebrará o xoves 21 ás 19.30 horas, ou no workshop Patrimonio Cíes.

A reunión acollerá tamén un simposio sobre a candidatura das Illas Cíes a Patrimonio da Humanidade

O ISMS é o paraugas baixo o que se porán en marcha seis simposios. Por unha banda, no International Symposium on Marine Sciences, investigadoras e investigadoras do sector terán a oportunidade de expor os resultados e conclusións dos seus estudos en diferentes áreas de investigación mariña e onde o alumnado poderá difundir os resultados dos seus Traballos de Fin de Grao ou de Mestrado. O Encontro da Oceanografía Física 2018 está organizado polas universidades de Vigo, Las Palmas de Gran Canaria e Aveiro, o Consejo Superior de Investigaciones Científicas (CSIC) e o Instituto Español de Oceanografía (IEO) e permitirá á comunidade da Oceanografía Física española e portuguesa divulgar os últimos avances alcanzados, establecer sinerxías e crear unha valiosa rede de colaboracións. A terceira cita é o Siquimar, o Seminario Ibérico de Química Mariña, que constitúe un punto de encontro entre científicos españois e portugueses que empregan a química e as súas ferramentas para o estudo dos procesos mariños.

Pola súa banda, Redibal, XIII Reunión Ibérica de Algas tóxicas e biotoxinas mariñas, busca a transferencia de coñecemento entre investigadores para enfrontar novos retos e futuros desafíos vencellados coas microalgas nocivas mariñas. O quinto simposio é o ISC CDM. Campus do Mar ISC’18, organizado polo Campus do Mar da Universidade de Vigo, preséntase como un valioso foro para debater novos progresos en investigación, tecnoloxía e xestión mariña. Finalmente, celebrarase un monográfico sobre a candidatura das Illas Cíes, que ten por obxectivo seguir apostando polo fortalecemento científico da candidatura das illas a Patrimonio da Humanidade, un dos piares e fortalezas do proxecto.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.

Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.