A Universidade de Vigo dá un novo paso para prever as mareas vermellas

A predición das mareas vermellas, que eventualmente afectan ás rías, ocasionando importantes prexuízos económicos, está un pouco máis preto de ser unha realidade. Un modelo de simulación oceánica de alta resolución da circulación da auga na ría de Vigo, deseñado pola Área de Física da Terra do Departamento de Física Aplicada da Universidade de Vigo, confírmase, segundo os seus promotores, “como un paso máis nesta dirección”, aínda que non sería a única, ao tratarse dunha ferramenta que tamén permitiría aos xestores dispor dunha información fundamental á hora de tomar decisións economicamente moi importantes, como a construción dun peirao, dunha depuradora e mesmo dunha central térmica.

Segundo informa María del Carmen Echevarría no DUVI, “coñecer como funcionan sistemas como a ría de Vigo”, explica Carlos Souto profesor da Área de Física da Terra, “é fundamental á hora de tomar decisións que adoitan ser economicamente moi importantes, desde o deseño dunha depuradora de augas ata a produtividade dunha batea, para o que os xestores necesitan a maior cantidade de información posible sobre o funcionamento do sistema á hora de decidir que facer ou como facelo”. 

Publicidade

A Universidade de Aveiro e o CSIC participan tamén neste proxecto

Un bo modelado das correntes e da súa influencia na dispoñibilidade de nutrientes é o primeiro paso á hora de deseñar unha ferramenta que permita realizar predicións de utilidade para os xestores de recursos mariños. Introducindo todos aqueles factores que inflúen nas correntes, salinidade e temperatura, como son a marea, o vento, nebulosidade, precipitacións ou achegas fluviais, o modelo de simulación oceánica resolve unhas ecuacións físicas e como resultado devolve os valores da velocidade da corrente, salinidade e temperatura en cada punto da zona do estudo. “No proxecto desenvolvemos un modelo de alta precisión de circulación da auga para a ría de Vigo e xa foi validado con datos do propio proxecto, así como cos da rede de medidas do Observatorio Oceanógrafico da Marxe Ibérica, Raia”, explica Souto, que aínda que recoñece que “queda algún camiño por percorrer ata poder utilizar esta ferramenta de xeito operacional, dada a importancia que ten para a nosa rexión a actividade económica relacionada co mar, o retorno obtido, supera con moito o esforzo e os recursos empregados”.

Os investigadores queren coñecer os efectos do cambio climático nas rías

O modelo de alta resolución de circulación da auga na ría de Vigo deseñado pola Área de Física da Terra do Departamento de Física Aplicada e validado con datos do Observatorio RAIA, insírese no marco do proxecto REIMAGE, no que participan as universidades de Vigo e Aveiro en colaboración co Instituto de Investigacións Mariñas (CSIC) e que ten como obxectivo coñecer como afectarán á produtividade da ría viguesa o debilitamento do afloramento ibérico e as achegas de nutrientes de orixe antropoxénica, dous fenómenos que no futuro se prevé que se intensifiquen.

“O cambio climático, por unha banda, está debilitando o anticiclón das Azores, que en verán xera ventos do norte, que fan que as augas das rías como Vigo sexan máis frías e ricas en nutrientes e por outra banda a presión antropoxénica está aumentando a achega de nutrientes ás rías”, sinala Carlos Souto, que afirma que “queremos saber como de importante vai ser a combinación destes dous efectos na ría”.

Modelo físico moi avanzado

O modelo ten ademais acoplado ao físico, un modelo bioxeoquímico, no que na actualidade traballan investigadores das universidades de Aveiro e Vigo, de xeito que o primeiro calcula de xeito independente salinidade, temperatura e correntes. “A parte da física está moi avanzada”, explica o investigador, “validamos os resultados, datos de corrente, salinidade e temperatura cubrindo practicamente un ano completo e proximamente publicaremos os resultados. O bioxeoquímico virá a continuación en pouco tempo, pois avanza tamén a bo ritmo. Cando comparemos resultados deste modelo con datos reais durante un período significativo e os publiquemos, será o momento de transformalo nunha ferramenta operacional”. 

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Un equipo de atlanTTic deseña antenas innovadoras para satélites xeoestacionarios

O proxecto da UVigo busca unha redución na masa e o volume da tecnoloxía, así como diminuír os custos

Un equipo da UVigo analiza en alta resolución o transporte de humidade no Atlántico norte

O grupo EphysLab investiga como se altera o ciclo hidrolóxico na rexión oceánica por procesos relacionados co cambio climático

Que é o colapso das correntes atlánticas e como afectará a Galicia

Unha investigación publicada en 'Science Advances' anticipa o freo da ciruclación oceánica e advirte das súas consecuencias climáticas

As cinzas dos lumes de 2017 poden causar alteracións no plancto costeiro da Vigo

O estudo realizado por investigadores do CIM da Universidade de Vigo centra a súa investigación na escorredura posterior ás queimas