O estudo atopou microplásticos en todos os mariscos analizados.

Un estudo en mariscos atopa plástico en todas as mostras

Atopouse cloruro de polivinilo en todas as mostras, mentres que o plástico atopado en concentracións máis altas foi o polietileno

Medra a preocupación pola presenza de microplásticos nos peixes e mariscos de consumo habitual. O pasado ano, un estudo do Centro Oceanográfico de Vigo atopaba microplásticos nos mexillóns de rocha en mostras de toda a ría viguesa.

Ademais, un recente estudo do IEO e o CSIC en Galicia atopaba microplásticos no 94% dos golfiños varados en Galicia entre os anos 2005 e 2010. Na Universidade de Vigo, o investigador Ricardo Beiras, do grupo Ecotox, leva anos estudando neste eido e tamén concienciando e divulgando, con audiovisuais como o que reproducimos nesta publicación.

Agora, un novo estudo amosa que o problema semella ser global. E que non é preciso zarpar nun buque de investigación e tomar mostras no medio do mar. Abonda con ir a un mercado e analizar os produtos que se poden mercar nel.

Porque a investigadora portuguesa Francisca Ribeiro, formada na Universidade do Porto e actualmente na británica de Exeter, empregou unha nova técnica cunha mostraxe moi sinxela. Os investigadores compraron ostras, lagostinos, luras, cangrexos e sardiñas nun mercado de Australia e analizáronos utilizando un método recentemente desenvolvido que identifica e mide cinco tipos de plástico diferentes simultaneamente.

O estudo, liderado pola Universidade de Exeter e a Universidade de Queensland, atopou niveis de plástico de 0,04 miligramos (mg) por gramo de tecido en luras, 0,07 mg en lagostinos, 0,1 mg en ostras, 0,3 mg en cangrexos e 2,9 mg en sardiñas.

“Considerando unha porción media, un consumidor de mariscos podería estar exposto a aproximadamente 0,7 mg de plástico ao inxerir unha porción media de ostras ou luras, e ata 30 mg de plástico ao comer sardiñas, respectivamente”, dixo a autora principal Francisca Ribeiro.

“A modo de comparación, 30 mg é o peso medio dun gran de arroz.

“Os nosos achados amosan que a cantidade de plásticos presentes varía moito entre especies e difire entre individuos da mesma especie”, engadiu a investigadora lusa: “Das especies de mariscos analizadas, as sardiñas tiñan o maior contido de plástico, o que foi un resultado sorprendente”.

“Pescadores de plásticos”, un novo vídeo divulgativo da UVigo

A coautora, a profesora Tamara Galloway, do Instituto de Sistemas Globais de Exeter , dixo: “Non entendemos completamente os riscos para a saúde humana de inxerir plástico, pero este novo método vai facilitar descubrilo”.

Os investigadores compraron mariscos crus: cinco cangrexos azuis salvaxes, dez ostras, dez lagostinos tigre de cultivo, dez luras salvaxes e dez sardiñas salvaxes. Logo analizáronos para os cinco tipos diferentes de plásticos que poden identificarse co novo método.

Todos os plásticos utilízanse comunmente en envases de plástico e téxtiles sintéticos e atópanse con frecuencia no lixo mariño: poliestireno, polietileno, cloruro de polivinilo, polipropileno e poli (metacrilato de metilo).

No novo método, os tecidos comestibles trátanse con produtos químicos para disolver os plásticos presentes nas mostras. A solución resultante analízase utilizando unha técnica altamente sensible chamada Espectrometría de masas por cromatografía de gases de pirólisis que pode identificar os diferentes tipos de plástico na mostra ao mesmo tempo.

Atopouse cloruro de polivinilo en todas as mostras, mentres que o plástico atopado en concentracións máis altas foi o polietileno.

Os microplásticos son pezas moi pequenas de plástico que contaminan gran parte do planeta, incluído o mar, onde son devorados por criaturas mariñas de todo tipo, desde pequenas larvas e organismos planctónicos ata grandes mamíferos.

Os estudos realizados ata a data amosan que os microplásticos non só ingresan á nosa dieta a partir dos mariscos, senón tamén da auga embotellada, o sal mariño, a cervexa e o mel, así como o po que se deposita nas nosas comidas.

O novo método de proba é un paso cara á definición dos niveis de microplásticos que poden considerarse nocivos e a avaliación dos posibles riscos de inxerir microplásticos nos alimentos.

O artigo, publicado na revista Environmental Science & Technology, titúlase: “Análise cuantitativa de plásticos seleccionados en mariscos australianos de alto valor comercial mediante espectrometría de masas por cromatografía de gases de pirólisis”.

Aquí podes consultar o artigo en Environmental Science & Technology

1 comentario

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.

Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.