Alertan da elevada presenza de microplásticos nos peixes de especies comerciais

Dous traballos publicados por investigadores do Instituto Español de Oceanografía veñen de revelar que unha elevada porcentaxe dos peixes de especies comerciais presentes nas costas españolas do Atlántico e do Mediterráneo teñen microplásticos nos seus estómagos.

No primeiro dos estudos, recentemente publicado na revista Marine Pollution Bulletin, e no que participou o Centro Oceanográfico de Vigo, analizáronse un total de 212 peixes de fondo de gran interese comercial: 72 melgachos, 12 pescadas e 128 salmonetes de lama. En total, 37 destes animais, un de cada seis, tiñan restos de microplásticos no seu corpo.

Publicidade

“Non existe evidencia de efectos negativos para a saúde humana, pero sería conveniente estudalo”

A maior presenza destes compostos sintéticos detectouse nos salmonetes de lama, seguidos das pescadas e os melgachos. As tres especies adoitan empregarse como bioindicadores da contaminación mariña. En canto ás rexións xeográficas, a presenza foi maior nas augas do Mediterráneo, especialmente nas próximas a Barcelona. Tamén destacan as cifras de plásticos que apareceron nos melgachos do Cantábrico e do Golfo de Cádiz. Juan Bellas, coordinador do estudo, sinala que aínda que “non existen evidencias de efectos negativos na saúde humana, sería conveniente estudar” a relevancia destes achados.

A segunda das investigacións, publicada en Environmental Pollution, estudaba a presenza de microplásticos no tracto gastroinstestinal da boga, un peixe común no Mediterráneo, especialmente arredor das Baleares. As autoras do traballo, Salud Deudero e Carmen Alomar, sinalan que case o 70 por cento das bogas estudadas conteñen polímeros de plástico menores de 5 milímetros nos seus estómagos. Os indicios apuntan a que a contaminación por plástico nas costas de Mallorca e Ibiza é ampla e procede de múltiples fontes. “Os resultados son importantes e proporcionan evidencias da presenza destes compostos do medio mariño, podendo ser inxeridos pola biota e transferidos nas redes tróficas”, sinalan as autoras.

Publicidade

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Que revelan 11.000 anos de sedimentos sobre as chuvias de Galicia? Así o investigan dende a UDC

Un estudo liderado polo CICA analiza as ceras vexetais preservadas nun lago portugués para reconstruír a evolución da humidade no oeste peninsular

Tres cruceiros coinciden (outra vez) no porto de Vigo: isto é o que contaminan

Colectivos ecoloxistas denuncian o desembarque de 14.000 pasaxeiros provoca un turismo de altas emisións contaminantes, equivalente a que 18 millóns de coches circulen pola cidade

Unha grande obra hidráulica bloquea o caudal do río Umia: estas son as consecuencias medioambientais

Os biólogos alertan da alteración do ecosistema por unha obra que algúns dos afectados sospeitan que pode estar ligada ao abastecemento de auga da Illa da Toxa

O rastro da esquiva quenlla branca no noroeste peninsular: menos de 30 avistamentos en cinco séculos

Unha investigación con participación galega segue os rexistros do animal nas augas do Atlántico nororiental