Ducias de millóns de quenllas que habitan os océanos son atrapadas por buques pesqueiros cada ano. Con todo, a pesca dalgunhas especies como a quenlla oceánica (Carcharhinus longimanus) segue sen ser regulada. Unha investigación internacional, recollida pola axencia SINC, ten localizado as zonas onde se superpoñen as maiores concentracións de escualos e de buques de pesca.
A investigación seguiu á quenlla no Atlántico norte e tamén aos buques con actividade pesqueira. David Sims, científico da Asociación de Bioloxía Mariña do Reino Unido lidera o traballo que rastrexou por satélite nesta zona máis de 100 tiburóns de seis especies diferentes.
As súas pescudas indican que dentro do rango preferido de cada especie, as quenllas tenden a concentrarse naqueles lugares caracterizados por fortes gradientes de temperatura. Ademais, os autores rastrexaron 186 palangreiros españois e portugueses a través de GPS e atoparon que os buques pesqueiros e quenllas dirixíanse a lugares similares.
[box size=”large”]A investigación internacional rastrexou por GPS 186 palangreiros de España e Portugal[/box]
“As poboacións de tiburóns peláxicos son pouco resilientes, é dicir, tardan en recuperarse cando sofren unha sobreexplotación por mor dos seus longos ciclos vitais”, explica a Sinc o investigador Gonzalo Mucientes Sandoval, coautor do estudo no Centro Tecnolóxico do Mar, en Vigo.
Para as especies de quenllas máis intensamente explotadas, como a quenlla azul e o marraxo, arredor do 80% da súa distribución superponse cos buques de pesca. As áreas de maior solapamento inclúen a corrente do Golfo, o Atlántico Norte e a zona ao longo da dorsal suroeste dos Azores no Atlántico medio. Durante o período comprendido entre 2005 e 2009, a superposición entre as quenllas e os buques pesqueiros tivo unha ampla persistencia nestas zonas de captura.
“A eficiencia dos pescadores queda de manifesto neste estudo, e pode comprobarse unha importante superposición xeográfica entre os puntos quentes para as quenllas e a frota, o que pon de relevo a necesidade deste tipo de medidas de xestión”, asegura o experto. Os resultados indican que podería haber risco de sobrepesca, e que poderían ser necesarias novas cotas de captura para protexer ás quenllas oceánicas.
[box size=”large”]O traballo valora crear novas cotas de capturas para protexer ás quenllas[/box]
“Establecer cotas, tallas mínimas ou outras medidas de xestión pode garantir a explotación sustentable destas especies a longo prazo. Deste xeito podería asegurarse o mantemento das poboacións de escualos, claves para o equilibrio ecolóxico do sistema mariño, e ao mesmo tempo, o futuro do sector pesqueiro que vive deles”, engade o científico.
Segundo Mucientes, a explicación de que coincida a actividade pesqueira máis intensa na zona do Atlántico Norte coa maior concentran destas especies se debe a que dita actividade acumula décadas de coñecemento empírico moi completo por parte dos pescadores.
“Estas nocións están baseadas no ensaio e erro, que se transmite de pais a fillos. Ademais, dispoñen actualmente de ferramentas tecnolóxicas apoiadas en datos fornecidos por satélite en tempo real que lles axudan a coñecer puntos ou zonas de alta produtividade (frontes oceánicas) onde se concentran os grandes depredadores como as quenllas”, conclúe.