Unha tese do IIM estuda a materia orgánica disolta do Mediterráneo

Unha tese doutoral realizada no Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC) estuda a orixe e as transformacións experimentadas pola materia orgánica disolta (MOD) no océano, un dos principais reservorios de carbono orgánico do planeta, tomando como referencia o mar Mediterráneo.

A autora, Alba María Martínez Pérez, realizou a investigación no Laboratorio de Xeoquímica Orgánica do Instituto de Investigacións Mariñas (Vigo) baixo a dirección de Xosé Antón Álvarez Salgado, profesor de investigación do CSIC, e María del Mar Nieto Cid, investigadora contratada.

Publicidade

Se o carbono disolto no oceáno se oxidara, a cantidade de CO2 na atmosfera duplicaríase

A tese, Caracterización elemental e molecular e biodisponibilidad da materia orgánica disolta no mar Mediterráneo, enmárcase no proxecto de investigación do Plan Estatal “HOTMIX”, liderado pola universidade de Las Palmas de Gran Canaria e o IIM e que contou coa participación de investigadores do Institut de Ciènces del Mar (Barcelona), o Instituto Español de Oceanografía (A Coruña), a Universidad de Granada, o Instituto Mediterráneo de Oceanografía (Marsella), a universidade de Viena e a universidade de Oldemburgo.

“A materia orgánica disolta serve como substrato para os microorganismos, regula a cantidade e calidade da luz solar que penetra no interior do océano e actúa como complexante de elementos traza. A maioría desta materia orgánica disolta no océano persiste durante miles de anos no canto de oxidarse a CO2 e pasar á atmosfera. Por iso, se todo o carbono orgánico disolto que hai no océano se oxidase, a cantidade de CO2 na atmosfera duplicaríase, incrementando substancialmente o actual problema de quecemento global que estamos a sufrir”, destaca a autora.

Publicidade

“O mar Mediterráneo presenta unha serie de peculiaridades que o fan especialmente adecuado para o estudo da materia orgánica disolta. En concreto, cabe citar a súa circulación análoga á do océano aberto pero cun tempo de renovación moito menor, o que permite observar cambios que ocorren a escala global en miles de anos, nunha escala de tempo de centos de anos; así como que as temperaturas das súas augas profundas son uns 10° C máis cálidas que no océano global, polo que os procesos que dependen da temperatura, como o consumo microbiano da materia orgánica disolta, van estar favorecidos no mar Mediterráneo en comparación co océano global”, explica.

O Mediterráneo ten características que facilitan o estudo da materia orgánica disolta nas súas augas

Nesta tese reportouse por primeira vez como se distribúen as substancias húmicas que forman parte da materia orgánica disolta ao longo de todo o Mediterráneo, atopándose os ácidos húmicos típicos do océano global pero ademais detectáronse uns ácidos fúlvicos unicamente presentes no Mediterráneo.

Tamén se analizou por primeira vez a composición molecular da materia orgánica disolta no mar Mediterráneo. Para iso, a autora especializouse na espectrometría de masas por transformada de Fourier, unha nova técnica, durante estancias de investigación no Grupo de Geoquímica Mariña da Universidade de Oldemburgo (Alemaña).

“A análise da materia orgánica disolta require dunha concentración e desalinización previa da mostra xa que a materia orgánica disolta está presente en auga de mar en concentracións extremadamente baixas no medio dunha cantidade enorme de sal. As análises que realizamos revelaron que a materia orgánica disolta no mar Mediterráneo está composta, principalmente, por substancias altamente insaturadas, que permanecen durante miles de anos no océano e que a composición molecular está influenciada polo lugar de formación das augas (Golfo de León e mares Adriático e Exeo) e polos procesos de degradación que sofre a materia orgánica disolta durante o seu tránsito polo mar Mediterráneo”, sinala a autora, quen destaca que “a materia orgánica disolta que entra no mar Mediterráneo a través do Estreito de Xibraltar presenta unha composición menos degradada en comparación coa que sae desde o Mediterráneo cara ao océano Atlántico”.

A estes resultados únese a procura de respostas científicas a se existe unha relación entre o tamaño das moléculas da materia orgánica disolta e a súa utilización por parte dos microorganismos. “Considerar ao mar Mediterráneo como unha “planta piloto” permitiu observar, seguindo o cambio de composición da materia orgánica disolta das augas na súa circulación ao longo de todo este mar, que as moléculas de maior tamaño son principalmente consumidas durante os procesos de degradación da materia orgánica disolta” detalla a autora.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Beatriz Novoa: “Foi un exemplo de tenacidade e esforzo”

A actual directora do IIM, Beatriz Novoa, lembra a Científica Galega do Ano e analiza os retos que ten por diante o instituto no seu 75 aniversario

Nace unha app de ciencia cidadá para o seguimento da agresiva alga asiática presente en Galicia

A ferramenta deseñada polo CSIC busca mellorar o coñecemento dunha especie invasora que apareceu nas costas galegas en 2024

O CSIC liderará a recuperación e musealización das singulares salinas romanas do Aguncheiro

A intervención permitirá escavar 300 metros cadrados, consolidar as estruturas e abrir o singular complexo da época imperial ás visitas

Noites que matan: cando a calor non dá tregua aínda que caia o sol

En noites de exceso de calor extrema, o risco de morrer aumenta un 2,6% respecto ás noites sen tensión térmica. Por Dominic Royé