Sábado 20 Abril 2024

Deseñan desde Galicia un novo sistema intelixente para a alimentación en granxas acuícolas

O proxecto, financiado pola Axencia Galega de Innovación, é froito da colaboración entre a UVigo e varias empresas

Tras dous anos e medio de traballo, o consorcio formado polas empresas Feeding Systems, Engranor, Quantum Innovative e Montajes Cancelas e a Universidade de Vigo presentou este luns o prototipo final dun sistema autónomo e intelixente para a alimentación de gaiolas acuícolas no mar. Este deseño é o froito do proxecto de investigación Seafeed, que botou a andar en marzo de 2018 co fin de deseñar e fabricar un alimentador que servise para granxas acuícolas pequenas e mediadas. Ata o momento, o sector estábase vendo obrigado a adaptar os sistemas que se empregan nas explotacións de salmón de Noruega e Escocia, xa que non son compatibles co resto de especies como a robaliza ou a dourada. Deste xeito, o tecido empresarial e o investigador uniron as súas forzas para crear un sistema ad hoc que se adaptase ás granxas de menor tamaño.

O proxecto desenvolveuse no marco do programa Conecta Peme 2018, subvencionado pola Axencia Galega de Innovación (GAIN) co apoio da Consellería de Economía, Emprego e Industria de la Xunta de Galicia e cofinanciado polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER) da UE. Liderado pola empresa viguesa Feeding Systems e cun orzamento de algo máis dun millón de euros, contou coa participación por parte da Universidade de Vigo do grupo CIMA e do Centro de Investigación Mariña (CIM). Mentres os primeiros traballaron no deseño e desenvolvemento da plataforma autónoma flotante, así como do sistema de alimentación e dos sistemas de xeración de enerxía eléctrica, dende o CIM achegaron os seus coñecementos para a definición dos parámetros biolóxicos das especies de acuicultura que definan a actuación e control intelixente do conxunto.

Publicidade

Estes luns as instalacións de Montajes Cancelas, en Moaña, acolleron a presentación do pontón ou plataforma flotante, coa presenza de Patricia Argerey, directora de GAIN; Miguel Arostegui, de Fish Farm Feeder; Jorge Costas, de Montajes Cancelas; Alejandro Arias, por parte de Quantum Innovative e Manuel Loureiro, CEO de Engranor. Agora queda por diante a etapa da comercialización dos deseños, da que se encargará directamente Feeding System SL, a través de Fish Farm Feeder, “ao ser a única empresa do consorcio cunha presenza comercial internacional no sector acuícola, contando co interese de todos os membros do consorcio”, como explica Javier Osuna, responsable de I+D de Fish Farm Feeder. Os mercados obxectivo son a vertente europea mediterránea e atlántica, así como as áreas de produción de Latinoamérica, “onde os requisitos de produción de especies diferentes ao salmón non poden ser cubertos cos pontóns de alta tonelaxe que se fabrican en Noruega e Escocia”. De feito, nos últimos meses e unha vez rematada a construción desta primeira unidade, xa contactaron co consorcio seis empresas interesadas en contar cun destes alimentadores, “polo que somos moderadamente optimistas respecto do futuro comercial do proxecto”, como avanzaba Miguel Aróstegui, managing director de Fish Farm Feeder.

Presentación do prototipo, este luns en Moaña. Foto: Duvi.
Presentación do prototipo, este luns en Moaña. Foto: Duvi.

O obxectivo do proxecto era crear un sistema de alimentación destinado a acuicultura en mar, ben sexa offshore, ben preto da costa, automatizado, intelixente e autónomo, instalado nunha plataforma flotante enerxeticamente eficiente, que permita optimizar os procesos de alimentación e garantir a independencia tecnolóxica da industria acuícola galega fronte á importación técnica de terceiros países. Durante este último ano do proxecto, unha vez rematado o deseño, procedeuse á construción da plataforma flotante e á integración dos equipos de dosificación de alimento, xeración de enerxía e control de sistemas.

O proxecto contou cun orzamento total de 1.064.241 €, dos cales 613.261 € corresponden á  axuda do programa ConectaPeme 2018 e 450.980 € foron achegados polas empresas.

Innovación

A idea de deseñar, construír e testar este sistema de alimentación nace da necesidade da industria galega da acuicultura de contar con desenvolvementos propios e apoiase en tres innovacións tecnolóxicas principais. Por unha banda, en Seafeed desenvolvéronse sistemas intelixentes con capacidade para tomar decisións en base á interpretación de parámetros de cultivo e experiencia acumulada. É dicir, é un sistema capaz de aprender, a través do machine learning, de modo que se xere unha mellora continua dos protocolos de alimentación e garanta que sexan estables e replicables. Por outra banda, o proxecto apostou porque o alimentador se basee na xestión intelixente da información, de xeito que se poidan transformar os datos en coñecemento para obter unha vantaxe competitiva e unha mellora continua nos procesos produtivos. Finalmente, o terceiro eixo son os sistemas de produción eco-innovadora e eco-eficiente, que permiten contar con estruturas mariñas flotantes que minimicen o uso de enerxía fósil, as emisións de CO2 e as verteduras.

Servizo para 12 gaiolas

Este sistema de alimentación flotante para engorde de piscifactorías pode empregarse tanto no mar como en lagos e ten unha capacidade de almacenamento de ata 50 toneladas de penso en catro silos. Conta con dous selectores con oito saídas e os seus correspondentes dosificadores, o que permite atender as necesidades de 12 gaiolas.

A embarcación, sen métodos de propulsión propios, ten 14 metros de manga e 4,5 de eslora. Como fonte de enerxía para desenvolver as súas funcións, o pontón inclúe paneis solares fotovoltaicos, un motor xerador, un tanque de gasóleo, outro de auga doce e un terceiro para augas grises. Para realizar a tarefa de distribución de comida, o pontón conta con dous soprantes de 15 kW que impulsan o penso cunha ratio de alimentación de 50 kg/minuto. Os equipos de control e o aseo co que conta a estrutura están situados nunha caseta colocada na cuberta e dispón de 12 m3 útiles.

Ademais, no seu deseño tívose en conta o mercado global ao que vai dirixido, polo que se  trata dun pontón facilmente transportable, tanto por estada como por mar, ata a piscifatoría de destino; poder ser subministrado por pezas para ser ensamblado en calquera parte do mundo e pode ser fabricado en calquera estaleiro baixo a coordinación e supervisión dos socios do consorcio.


Podes ler a noticia do DUVI nesta ligazón.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

O CIM impulsa a súa presenza na investigación mariña europea

O centro vigués busca converterse nun referente establecendo colaboracións con persoal investigador e institucións internacionais

A acidificación nas costas, un problema descoñecido que ataca os ecosistemas mariños

O proxecto ACID busca analizar o impacto biolóxico e social do incremento de CO2, incluíndo unha perspectiva de xénero

Científicos galegos buscan na Antártida procesos naturais que afecten á supervivencia do planeta

Falamos co investigador Mariano Lastra, quen estuda a degradación das algas baixo distintos niveis de radiación e como isto afecta aos nutrientes dispoñibles

A planta ‘Zostera’, aliada para mitigar os efectos da baixada de salinidade nas rías

Un equipo do CIM realiza un estudo pioneiro nas instalacións de Toralla onde imitan as condicións das mareas e os efectos das precipitacións intensas