Rexistran por primeira vez en augas galegas unha rémora “brachyptera”

Os mariñeiros dun buque pesqueiro que faenaba o 7 de marzo de 2017 preto da costa de Corrubedo atoparon un curioso peixe na cuberta do barco cando recollían os aparellos. Era unha Rémora brachyptera, unha especie desta familia de peixes, que adoita vivir pegada a grandes animais mariños, que utilizan como medio de transporte. Adhírense a eles a través dunha especie de ventosa que teñen na parte superior da cabeza, tal e como se pode ver na imaxe.

Despois de analizar o exemplar, un grupo de investigadores galegos do Instituto de Investigacións Mariñas de Vigo, a universidade viguesa e o Centro de Estudios do Medio Mariño de Ribeira publicaron na revista Acta Ichthyologica et Piscatoria a descrición do achado, o primeiro que se rexistra en augas do norte da península Ibérica. Non puideron identificar, de todas formas, a especie asociada á rémora, debido a que o animal apareceu só.

Publicidade

Detalle do disco de succión da rémora. Imaxe: Manuel E. Garci / IIM-CSIC.
Detalle do disco de succión da rémora. Imaxe: Manuel E. Garci / IIM-CSIC.

A especie Brachyptera da rémora é habitual nas augas temperadas e cálidas. En Galicia só estaba citada despois de ser atopada no medio dalgúns exemplares de peixe espada desembarcados na Coruña. Con todo, non había confirmación de que a rémora estivese en augas galegas, xa que os buques espadeiros adoitan traballar en augas internacionais.

Despois da súa captura, o exemplar conservouse vivo nas instalacións do acuario do Grove ata que morreu, un mes despois. Posteriormente, tras ser sometido a procesos de conservación, depositouse na colección de peixes do Museo de Historia Natural da USC.

Publicidade

Segundo sinalan os investigadores no seu artigo, este rexistro supón o 2º situado máis ao norte no Atlántico Oriental. Isto evidencia, a ollos dos científicos, que o quecemento das augas do océano está arrastrando a este tipo de especies tropicais cara o norte.

O traballo está asinado por Rafael Bañón (IIM-CSIC), Alexandre Alonso (Grupo de Estudos do Medio Mariño de Ribeira), Juan Carlos Arronte (Universidad de Santander), e David Barros e Alejandro de Carlos (Universidade de Vigo).

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

O CSIC liderará a recuperación e musealización das singulares salinas romanas do Aguncheiro

A intervención permitirá escavar 300 metros cadrados, consolidar as estruturas e abrir o singular complexo da época imperial ás visitas

Noites que matan: cando a calor non dá tregua aínda que caia o sol

En noites de exceso de calor extrema, o risco de morrer aumenta un 2,6% respecto ás noites sen tensión térmica. Por Dominic Royé

É seguro conservar o peixe en envases de plástico? Isto di un novo estudo

Un estudo do CSIC detecta a migración de compostos químicos cara ao produto almacenado en frío. Por Ethel Eljarrat e Maria Vittoria Barbieri

O océano está cheo de oíntes… e a maioría escoita mellor ca nós

O son viaxa aproximadamente 4,5 veces máis rápido en auga de mar que no aire. Por Antonio Figueras