Desenvolven na USC un dispositivo para tratar a placa dental con aceites esenciais

O doutor en Ciencias Odontolóxicas pola USC Víctor Quintas González constatou na súa tese de doutoramento a eficacia dos aceites esenciais con e sen alcohol sobre o biofilm oral formado na cavidade oral. Este biofilm crece sobre un innovador dispositivo que portan os voluntarios, patentado na USC, que permite analizar as bacterias que se adhiren á superficie dos substratos sen romper a súa delicada estrutura en estado natural.

A investigación, dirixida pola profesora Inmaculada Tomás, tivo resultados moi interesantes no referido á actividade antibacteriana dos aceites esenciais. Ata a data, os traballos dispoñibles que os avaliaban baseábanse en deseños de estudo in vitro ou sobre placa bacteriana desestruturada. Non obstante, ao analizar a súa actividade mediante unha enxaugadura activa, os resultados obtidos variaron notablemente, mostrando unha eficacia moi similar á da clorhexidina, o actual patrón de ouro na antisepsia oral.

Publicidade

A tese demostrou que os aceites esenciais sen alcol poden ser unha alternativa aos que conteñen alcol

Por outra banda, os aceites esenciais sen alcohol presentáronse como unha alternativa válida aos tradicionais de contido alcohólico, sendo a súa actividade antiplaca mesmo superior. Isto atribúese aos ingredientes ‘non activos’ presentes nos aceites esenciais sen alcohol, que puideron ser definitivos nas diferenzas de actividade achadas entre antisépticos.

Dispositivo patentado

A metodoloxía empregada consistiu na análise do grosor, da viabilidade bacteriana e da área ocupada polo biofilm oral formado sobre o dispositivo patentado antes e despois dunha única aplicación de aceite esencial, así como a avaliación da actividade de enxaugaduras continuadas sobre o desenvolvemento do biofilm in vivo.

Publicidade

Para efectuar esta análise empregáronse técnicas de microscopía de barrido láser confocal así como un novo software, denominado Dentius Biofilm, deseñado en colaboración coa investigadora do Centro de Singular de Investigación en Tecnoloxías da Información da USC (CiTIUS) Maria José Carreira para a análise automatizada da viabilidade bacteriana do biofilm oral.

Os resultados foron publicados por entidades de gran prestixio científico

Os primeiros resultados foron divulgados en diferentes sociedades de elevado prestixio científico no ámbito da odontoloxía, como a Sociedade Española de Periodoncia e Osteointegración, onde se lle concedeu un premio de investigación aos resultados presentados, ou a International Association of Dental Research, a sociedade mundial máis importante de investigación en Ciencias Odontolóxicas. Os principais achados publicáronse en varias revistas internacionais, entre elas Frontiers in Microbiology, a segunda de acceso aberto máis citada no ámbito da microbioloxía.

Dada a relevancia dos resultados da tese internacional de Víctor Quintas, membro do equipo de investigación Oral Sciences Research, ao acto de defensa asistiron importantes expertos na área da investigación en Periodoncia e Microbioloxía Oral como o profesor da USC Pablo Ignacio Varela Centelles; a profesora da Universidade de Valencia Yolanda Jiménez ou Marta Relvas, do Centro de Ensino Superior Politécnico e Universitario de Portugal.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Unha nova ferramenta pública creada dende a USC analiza a evolución dos dereitos dixitais na rede

A plataforma DigiTrack, desenvolvida polo CiTIUS, permite identificar tendencias, analizar contidos e comprender o impacto social da conversación en liña sobre liberdades fundamentais

Un novo avance galego revoluciona a rexeneración ósea en odontoloxía

O investigador da USC Mario Pérez Sayáns presentó os resultados clínicos de Galibone+, un produto sanitario obtido tras anos de investigación

Un proxecto galego desenvolve un biopen portátil para rexenerar tecidos bucais

A iniciativa impulsada dende a Universidade da Coruña busca crear unha spin-off de solucións biomédicas innovadoras

Un equipo galego explora o potencial da IA para detectar síntomas de depresión en redes sociais

Un estudo do CiTIUS analiza automaticamente textos publicados en Internet para detectar patróns lingüísticos asociados á saúde mental