Venres 29 Marzo 2024

Premio europeo para o Centro de Investigación Mariña de Vigo

Vigo acolle hoxe e mañá a 5ª Atlantic Stakeholder Platform Conference, unha xuntanza anual na que se reúnen decenas de axentes interesados na Estratexia Atlántica Europea, co obxectivo de buscar formas de cooperación, intercambiar información e identificar oportunidades financeiras e socios potenciais para os seus negocios. Aprobado no ano 2013 pola Comisión Europea, o Atlantic Action Plan (AAP) é o plan deseñado para desenvolver a Estratexia Atlántica Europea, que se centra en identificar desafíos e oportunidades na rexión atlántica e avaliar iniciativas existentes que poidan apoiar o crecemento e a creación de emprego. Trala inauguración celebrada esta mañá no Auditorio Mar de Vigo, a conferencia acolleu a entrega dos Atlantic Project Awards, seis galardóns cos que a Comisión Europea recoñece, a través de varias categorías, as mellores iniciativas aliñadas coas prioridades da Estratexia Atlántica e o seu plan de acción en áreas como emprendemento e innovación; medio ambiente mariño e costeiro atlántico; accesibilidade, conectividade  e sostenibilidade e cooperación internacional.

Tamén premiaron aos proxectos SpilLess e Mariner, nos que participan desde a UVigo os grupos Geoma e Divulgare

A Universidade de Vigo converteuse hoxe na gran protagonista dos Atlantic Project Awards ao ser a institución académica viguesa a coordinadora dun dos proxectos premiados (EBB) e participar noutros dous (SpilLess e Mariner), do total de seis outorgados, seleccionados de entre máis dunha vintena. “O proxecto European Marine Biological Resource Centre Biobank, EBB, é o mellor exemplo de que o Centro de Investigación Mariña da Universidade de Vigo tomouse moi en serio a busca da excelencia liderando un proxecto con 10 institucións de referencia en bioloxía mariña en Europa e catro clústers empresariais mariños, no que se busca a transferencia de coñecemento aos sectores produtivos e ás administracións e no que se fortalecen colaboracións internacionais que nos fan mellores”, explica Antonio Villanueva, representante científico de España no consello do EMBRC e representante do CIM.

Publicidade

Ao premio na categoría Protect, secure and enhance the marine and coastal environment outorgado hoxe ao EBB, cómpre sumar os outorgados aos proxectos SpilLess e Mariner, nos que participan o grupo Geoma e Divulgare, respectivamente. SpilLess (First-line response to oil spills based on native microorganism cooperation) é un proxecto europeo liderado polo Centro Interdisciplinar de Investigación Mariña e Ambiental (Ciimar) da Universidade do Porto, en colaboración coa INESC TEC, da mesma Universidade, o grupo Geoma da Universidade de Vigo e as empresas ACSM, Biotrend e Marli, co obxectivo de desenvolver servizos e produtos con valor comercial para responder a incidentes no mar provocados por verteduras de petróleo. Pola súa banda, o grupo Divulgare da Universidade de Vigo leva dous anos involucrado no proxecto Mariner (Enhancing HNS preparedness through training and exercising), coordinado polo Cetmar, que ten como obxectivo mellorar a capacidade de resposta ante vertidos químicos mediante o desenvolvemento de plans de adestramento e resposta coordinados entre distintas rexións da Europa atlántica, como Reino Unido, Francia, España e Portugal.

EBB, unha referencia mundial

O EBB é a primeira iniciativa mundial que propón a coordinación transnacional a nivel práctico e a longo prazo de biobancos mariños, contribuíndo a que unha iniciativa europea, o EMBRC (European Marine Biological Resource Centre) se converta nun referente global para o estudo da bioloxía e ecoloxía mariñas. “Tras acadar o financiamento do primeiro proxecto liderado pola Universidade de Vigo no Programa Interreg Área Atántica, o que foi un logro moi importante, creo que este premio serve de recoñecemento ao esforzo que estamos a facer en implementar o noso plan estratéxico coa visión de converter o CIM nunha referencia en investigación mariña”, sinala Villanueva.

Ademais de facilitar a valorización biotecnolóxica dos recursos biolóxicos mariños e aumentar a capacidade do espazo atlántico para innovar, o EBB é pioneiro na implementación de procedementos para dar cumprimento á nova lexislación sobre acceso a recursos xenéticos, desenvolvida co obxectivo de que parte dos beneficios xerados pola explotación biolóxica sexan investidos na protección da biodiversidade nos países de orixe dos recursos explotados. “A categoría na que se nos concedeu o premio está totalmente aliñada coa súa filosofía. Os biobancos contribúen á conservación da biodiversidade mariña complementando as técnicas tradicionais de conservación in situ con métodos ex situ que son seguros e reproducibles para o almacenamento a curto, medio e longo prazo de mostras biolóxicas”, sinala o representante do CIM.

Dous anos por diante para desenvolver o proxecto

Cumprido o seu primeiro ano, o EBB rematará no ano 2020. Sentadas as súas bases e desenvolvidos os canais de comunicación e identidade do proxecto, no seu primeiro ano de vida a iniciativa europea “foi quen de crear conciencia sobre as regulacións sobre acceso a recursos xenéticos entre os investigadores mariños dos sectores público e privado, se ven todos os froitos deste traballo se irán materializando nos próximos meses”, aclara Villanueva.

En canto a futuras accións que emprenderá o proxecto coordinado pola Universidade de Vigo, destacan a implementación dun plan de capitalización  dos resultados do proxecto; a finalización e materialización de medidas estándares comúns para todos os biobancos ou a selección e desenvolvemento, en colaboración coa industria, de casos prácticos no uso de recursos biolóxicos mariños para a investigación comercial ou próxima ao mercado, que servirán de base para desenvolver unha guía sobre que deben facer as compañías que queiran acceder a recursos xenéticos mariños para cumprir coa lexislación.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

O CIM impulsa a súa presenza na investigación mariña europea

O centro vigués busca converterse nun referente establecendo colaboracións con persoal investigador e institucións internacionais

A acidificación nas costas, un problema descoñecido que ataca os ecosistemas mariños

O proxecto ACID busca analizar o impacto biolóxico e social do incremento de CO2, incluíndo unha perspectiva de xénero

Científicos galegos buscan na Antártida procesos naturais que afecten á supervivencia do planeta

Falamos co investigador Mariano Lastra, quen estuda a degradación das algas baixo distintos niveis de radiación e como isto afecta aos nutrientes dispoñibles

A planta ‘Zostera’, aliada para mitigar os efectos da baixada de salinidade nas rías

Un equipo do CIM realiza un estudo pioneiro nas instalacións de Toralla onde imitan as condicións das mareas e os efectos das precipitacións intensas