Os congresos teñen lugar no auditorio Mar de Vigo. Imaxe: Duvi.
Os congresos teñen lugar no auditorio Mar de Vigo. Imaxe: Duvi.

O mundo das Ciencias do Mar reúnese en Vigo

O VI International Symposium on Marine Sciences, ISMS, xa abriu as súas portas no Auditorio Mar de Vigo, onde, ata este venres, arredor de 500 investigadores e investigadoras “reunirán todo o coñecemento científico nacional e internacional dos distintos eidos do mundo mariño”. Así o asegurou Belén Rubio, coordinadora o simposio e vicerreitora de Investigación da Universidade de Vigo,  durante a inauguración do congreso. Rubio quixo destacar o importante crecemento deste simposio internacional ao longo dos anos, xa que duplicou o número de persoas participantes con respecto á edición de 2009, celebrada tamén en Vigo. 

A reunión acubilla seis congresos internacionais de referencia en diversas disciplinas das ciencias mariñas

Dando un paso máis nese crecemento, por primeira vez o simposio aglutina seis congresos internacionais: o ISMS, o V Encontro de Oceanografía Física (EOF), o XIX Seminario Ibérico de Química Mariña (Siquimar), a XIII Reunión Ibérica de Algas tóxicas e biotoxinas mariñas (Redibal), o International Science Conference do Campus do Mar (ISC CDM) e o workshop Patrimonio Cíes, impulsado e promovido polo Concello de Vigo. “Que Vigo sexa a cidade de acollida deste evento é moi relevante, xa que o 40% da investigación de Ciencias do Mar nacional faise aquí”, subliñou Rubio, que recalcou que a cidade conta coa maior concentración de centros de investigación mariña e de empresas con unidades propias de I+D+i, así como cunha sede da Axencia Europea de Pesca, o que sitúa Vigo “no centro da vangarda da investigación mariña”.

Ese mesmo aspecto foi tamén destacado polo reitor da Universidade de Vigo, Manuel Reigosa, quen se referiu á sexta edición do ISMS como “un lugar perfecto para intercambiar ideas e para atopar futuros socios nun panorama no que cada vez ten máis importancia a colaboración europea para o financiamento de proxectos”. Pola súa banda, o alcalde de Vigo, Abel Caballero, quixo agradecer aos organizadores a oportunidade de celebrar un congreso internacional como o ISMS nunha cidade “que naceu no mar, vive no mar e que está namorada do mar” e sinalou a importancia que teñen para o concello vigués as institucións que traballan neste campo e que se materializou concedendo a Medalla de Ouro ao Instituto Español de Oceanografía de Vigo e a medalla de Vigués Distinguido á Facultade de Ciencias do Mar.

No acto de presentación tamén participou a directora xeral de Pesca da Xunta de Galicia, Mercedes Rodríguez; a directora do Instituto Español de Oceanografía – Centro Oceanográfico de Vigo, Victoria Besada; e a presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, que fixo fincapé na importancia do simposio pola “investigación teórica, polo coñecemento posto en común, porque se poñen debates enriba da mesa e polas conclusións que os investigadores e investigadoras van sacar, pero tamén para facer chegar ao conxunto da sociedade o compromiso de defensa cos océanos”.

Haberá debates abertos ao público sobre o papel da muller na ciencia e sobre a candidatura das Cíes á Unesco

O ISMS está promovido pola Conferencia de Decanos de Ciencias do Mar de España e as universidades de Vigo, Valencia, Gran Canaria, Barcelona, Cádiz e Alacante, CSIC e Instituto Español de Oceanografía e conta tamén nesta edición coa colaboración do Concello de Vigo, quen promove un workshop de investigación e debate científico para apoiar a candidatura do arquipélago das Illas Cíes como Patrimonio da Humanidade. Tamén conta coa colaboración da empresa de tecnoloxía mariña Oceomic e do laboratorio CIFGA.

Durante tres días danse cita investigadoras e investigadores de 74 cidades de países como España, Portugal, México, Colombia, Costa Rica, Arxentina, Chile, Perú, Reino Unido, Alemaña, Irlanda, Países Baixos, Brasil, Italia e Tunisia. Con 420 comunicacións e pósteres, o ISMS servirá de escaparate dos avances científicos que se están a conseguir en distintos eidos. Ademais, contará coas conferencias plenarias da botánica e algóloga Marina Montesor da Estación Zoolóxica de Nápoles; o investigador do Marum de Bremen Oscar Romero, que estuda os efectos dos cambios na biodiversidade e o clima sobre a función crítica dos ecosistemas mariños e dos ciclos bioxeoquímicos; a investigadora da Universidade de Lieja Aida Alvera, que traballa na implementación e validación de modelos hidrodinámicos 3D ou os investigadores Jorge Cortés, da Universidad de Costa Rica e Jörg Schéfer, da Universidade de Burdeos e Ricardo Torres, do Plymouth Marine Laboratory.

Inauguración do congreso. Imaxe: Duvi.
Inauguración do congreso. Imaxe: Duvi.

Aínda que ten un marcado carácter científico, o simposio tamén terá unha parte aberta ao público: a cidadanía poderá participar na mesa de debate ‘A muller e a ciencia’, que se celebrará o xoves 21 ás 19.30 horas, ou no workshop Patrimonio Cíes. Ademais, este mércores 20 o Concello de Vigo organizará unha recepción oficial para todos os participantes no parque de Castrelos.

O ISMS é un congreso de congreso, de modo que ata final da semana se desenvolverán de xeito paralelo seis simposios. Por unha banda, no International Symposium on Marine Sciences, o persoal investigador exporá os resultados dos seus estudos en investigación mariña e o alumnado presentará os resultados dos seus TFG e TFM. Por outra banda, o Encontro da Oceanografía Física 2018 está organizado polas universidades de Vigo, Las Palmas de Gran Canaria e Aveiro, o CSIC e o IEO e permitirá aos especialistas en Oceanografía Física española e portuguesa divulgar os últimos avances alcanzados e establecer sinerxías e unha rede de colaboracións. A terceira cita é o Siquimar, o Seminario Ibérico de Química Mariña, que constitúe un punto de encontro entre científicos españois e portugueses que empregan a química e as súas ferramentas para o estudo dos procesos mariños. Pola súa banda, Redibal, XIII Reunión Ibérica de Algas tóxicas e biotoxinas mariñas, busca a transferencia de coñecemento entre investigadores para enfrontar novos retos e futuros desafíos vencellados coas microalgas nocivas mariñas. O quinto simposio é o ISC CDM. Campus do Mar ISC’18, organizado polo Campus do Mar da Universidade de Vigo, preséntase como un valioso foro para debater novos progresos en investigación, tecnoloxía e xestión mariña. Finalmente, celebrarase un monográfico sobre a candidatura das Illas Cíes, que ten por obxectivo seguir apostando polo fortalecemento científico da candidatura das illas a Patrimonio da Humanidade, un dos piares e fortalezas do proxecto.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.

Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.