Algunhas especies invasoras son chamadas ‘autostopistas‘ porque empregan outras especies máis comúns para viaxar a longas distancias. Tal é o caso do Ocinebrellus inornatus, coñecido tamén como o ‘bígaro xaponés‘, que dende comezos do século XX comezou a espallarse polo mundo aloxado nas ostras que se importan para a súa cría por todo o planeta. En 1924 foi localizado na costa do Pacífico dos Estados Unidos, na primeira vez en que se atopou fóra do seu entorno natural no Mar do Xapón. E agora finalmente xa está localizado en Galicia.
Investigadores do Grupo de Estudo do Medio Mariño (GEMM) localizaron o ‘bígaro xaponés’ en augas galegas, o que supón tamén a primeira cita desta especie en augas españolas. Nos últimos anos, apareceu en Portugal e Francia, e chegou acompañando á cría de ostra que se emprega para o seu engorde nas rías galegas.
O Ocinebrellus inornatus é un gasterópodo depredador dos moluscos bivalvos, especialmente da ostra. E por esa razón foi introducido en Europa a través da cría de ostra en 1995.
Os primeiros exemplares atopáronse na Bretaña francesa e de aí foi estendéndose por diferentes países europeos. “O achado desta especie en Arousa suma unha nova ameaza á xa longa lista de especies exóticas e invasoras que no seu maior parte son voraces predadores de bivalvos de interese comercial”, explica o GEMM.
“Galicia, como potencia internacional na produción de moluscos bivalvos non pode permitirse deixar pasar máis especies que ameacen constantemente os bancos e explotacións marisqueiras”, afirman os investigadores, que reclaman “ás autoridades locais, autonómicas, nacionais e europeas poñer medios para cortar esta preocupante entrada de especies perigosas para a fauna mariña autóctona”.