Clasificación dos concellos sustentables de Galicia en función dos dous criterios usados polos investigadores da USC. Fonte: Journal of Cleaner Production.
Clasificación dos concellos sustentables de Galicia en función dos dous criterios usados polos investigadores da USC. Fonte: Journal of Cleaner Production.

Crean unha ‘etiqueta verde’ para os concellos: estes son os máis sustentables

Un estudo de investigadores da USC analiza 64 municipios de Galicia a partir de 38 indicadores sociais, económicos e ambientais

Coa conciencia ecolóxica a preocupación os riscos inminentes do cambio global cun espazo cada vez maior no debate público, cada vez son máis as persoas que se preocupan que os produtos e servizos que consumen deixen pouca pegada ecolóxica no planeta. Así, é xa habitual mirar a etiquetaxe dos electrodomésticos e outros produtos para comprobar a súa eficiencia. Pero poderiamos aplicar esta clasificación aos municipios de Galicia? Iso é o que fixeron un grupo de investigadores da Agrupación Estratéxica Cretus da Universidade de Santiago de Compostela. Analizaron 64 concellos de Galicia, baseándose en diversos criterios, e desenvolveron a partir de 38 indicadores unha etiquetaxe que vai desde AAA (os máis sustentables) a CCC (o menos).

O traballo, que se publica no último número da revista Journal of Cleaner Production, xurdiu a partir dos Obxectivos de Desenvolvemento Sustentable (ODS) da ONU enmarcados na axenda 2030. “Vimos que varios dos aspectos nos que xa viñamos traballando dende unha perspectiva de ciclo de vida encaixaban na proposta”, explica Gumersindo Feijoo, catedrático de Enxeñaría Química da USC e un dos asinantes do artigo.

Un destes ODS, o número 11, refírese á procura de cidades e comunidades sustentábeis, no marco da Economía Circular. Un punto que “podería ter unha gran repercusión para verificar e monitorizar o que xa facían os concellos galegos”, explica Feijoo. En Galicia había tamén un detalle importante a ter en conta: “As metodoloxías estaban moi enfocadas as grandes cidades, co que os referentes poderían non ser os axeitados dende o punto de vista económico e social para as pequenas e medianas cidades”, e “a estrutura demógrafica galega podería ser un bo modelo para extrapolar ao resto de Europa, pois unha grande maioría dos seus cidadáns viven en cidades de menos de 250.000 habitantes“.

Conformouse entón un grupo de traballo dentro da agrupación Cretus, coa colaboración da Federación Galega de Municipios e Provincias, no que participaron expertos en Enxeñaría Química e Ambiental, Economía, Bioloxía ou Psicoloxía, para afrontar a sustentabilidade desde puntos de vista sociais, económicos e ambientais.

As etiquetas sustentables

O equipo seleccionou unha mostra representativa dos concellos, tendo en conta todos os de máis de 35.000 habitantes, unha proporción acaída de cada unha das catro provincias e diversas situacións socioeconómicas e/ou orográficas, así como a demografía (densidade de poboación, numero de entidades) e a dispoñibilidade de datos de calidade precisos para o estudo.

A partir destes criterios, e mediante dous métodos de ponderación, elaboráronse os mapas cos concellos máis e menos sustentables da mostra.

Clasificación dos concellos sustentables de Galicia en función dos dous criterios usados polos investigadores da USC. Fonte: Journal of Cleaner Production.
Clasificación dos concellos sustentables de Galicia en función dos dous criterios usados polos investigadores da USC. Fonte: Journal of Cleaner Production.

Muxía, Vilariño de Conso, Arzúa ou Melide, os máis sustentables

Así, segundo estes 38 indicadores, con aspectos sociais que van desde os casos de violencia de xénero, a porcentaxe de poboación en risco de pobreza, criterios económicos como a taxa de paro ou medioambientais, como a superficie de zonas verdes ou o consumo eléctrico, destacan entre os municipios máis sustentables Muxía ou Vilariño de Conso, que son os únicos que acadan a clasificación AAA nos dous métodos de ponderación. Arzúa ou Melide acadan tamén a tripla A no segundo dos criterios, e outros concellos, como Aranga, Cabanas, Cerdido, Narón, As Pontes, A Coruña, Santiago de Compostela, Mondoñedo, Monterroso, Pedrafita, Rábade, O Vicedo, Vilalba, Lugo, A Pobra de Trives, O Pereiro de Aguiar, A Estrada, Silleda ou Pontevedra aparecen nos marcos do que tamén se poderían clasificar como concellos sustentables.

Táboa realizada polos investigadores da USC. Fonte: Journal of Cleaner Production.
Táboa realizada polos investigadores da USC. Fonte: Journal of Cleaner Production.

En xeral, segundo conclúe o traballo, a presenza de concellos sustentables é maior no norte ca no sur, “onde os baixos niveis de orzamento municipal por habitante afectan de forma negativa á sustentabilidade”.

Trazos dos concellos máis e menos sustentables

Segundo Gumersindo Feijoo, os concellos máis sustentables comparten “uns indicadores chave que fan que a balanza torne cara á sustentabilidade ou non: gasto social por habitante, taxa de desemprego das mulleres, taxa de paro; calidade do aire (específicamente o nivel NO2 na atmosfera); e o consumo enerxético.

Recomendacións

Como conclusión, o traballo ofrece tamén recomendacións para mellorar a cualificación sustentable dos concellos galegos. “No artigo adiantamos melloras como a mellor partición do orzamento municipal, sobre todo nos concellos do sur, e un desenvolvemento nos concellos con maior número de entidades de poboación de fixación demográfica con creación de emprego e dotación dun maior nivel de servizos básicos”, conclúe Feijoo.

Referencia: Embedding environmental, economic and social indicators in the evaluation of the sustainability of the municipalities of Galicia (northwest of Spain). Publicado en Journal of Cleaner Production.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.

Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.