A gran excursión de Rac e Flash, dous arroaces arredor da costa galega

A Cemma identifica dous exemplares que cruzaron de Vigo á Mariña lucense en menos dun mes, "un feito de grande relevancia e interese científico"

Hai apenas dúas semanas, os días 20 e 21 de febreiro, Xan Vizoso e responsables da empresa Maremasma, ambos colaboradores da Coordinadora para o Estudo dos Mamíferos Mariños (Cemma) detectaron a presenza dun grupo de arroaces na costa da Mariña de Lugo. Fixeron fotos que enviaron á Cemma, para que a entidade puidera revisar, clasificar e determinar as características destes animais.

Eran oito exemplares de Tursiops truncatus, coas aletas dorsais ben marcadas. E grazas ao proxecto Turgasur, que a entidade puxo en marcha no pasado mes de decembro, puideron comparar as fotografías co banco de imaxes que recollen o paso destes cetáceos pola costa de Galicia. E atoparon que dous arroaces do grupo foran xa rexistrados o pasado 15 de xaneiro na Ría de Vigo.

Publicidade

Apenas existe información sobre os arroaces referida a este tipo de desprazamentos de longo recorrido, realizados nun espazo de tempo tan reducido, polo que este resultado que presentamos se trata dun feito de grande relevancia e interese a nivel científico“, contan desde a Cemma, destacando que o achado destes dous arroaces é o primeiro resultado relevante de Turgasur, unha iniciativa apoiada polo Ministerio para a Transición Ecolóxica a través da Fundación Biodiversidade, e no marco do Life IP Intemares,”o maior proxecto de conservación do medio mariño que se está executando nestes momentos en Europa, destacan desde a Cemma.

Detalle das alertas de Rac e Flash. Foto: Cemma.
Detalle das alertas de Rac e Flash. Foto: Cemma.

Os exemplares, coñecidos como RAC e FLASH, son “vellos coñecidos” nas Rías Baixas desde 2006 e 2011, respectivamente. No caso de Rac, con código TX-136-RAC, é coñecido pola Cemma desde 2006, cando foi rexistrado por primeira vez na zona sur de Galicia. Aparece de xeito regular na costa galega desde 2009. Nese ano viuse pola Coruña, e baixou logo car aao sur, en Pontevedra (2014) onde coincidiu con FLASH, e en Vigo, ata o ano pasado. É posible “que teña experiencia na realización de longas viaxes percorrendo a costa”, conta a entidade.

Publicidade

O caso de FLASH (TX218-FLASH) é algo distinto. “Posiblemente sexa un macho novo”, di a coordinadora. “É coñecido desde 2011 e dende aquela a súa presenza é regular no sur de Galicia case todos os anos”. De Pontevedra viaxou a Ferrol (2014), e logo a Vigo. “Pode que esta sexa a súa primeira viaxe longa ata as augas do Cantábrico”, din.

Foi, por tanto, unha viaxe a bo ritmo, entre o 15 de xaneiro e o 20 de febreiro, cara as augas do Cantábrico, deixando atrás as Rías Baixas, pasando o Cabo Fisterra, percorrendo a Costa da Morte e virando a Estaca de Bares ata chegar á Mariña de Lugo. En total, máis de 1.000 quilómetros de excursión. E é posible que a viaxe continuara, xa que segundo indica a Cemma, os arroaces non son residentes habituais na Mariña, “e normalmente atópanse en tránsito cara ao Golfo de Biskaia”.

Proxecto Turgasur para protexer os arroaces

A realización de mostraxes para identificar mediante fotografías a exemplares de Tursiops truncatus é a principal actuación de Turgasur. O proxecto desenvolverase nas áreas Rede Natura 2000 da ría de Vigo, contando coa participación dun equipo de máis de 100 voluntarios. Deste xeito búscase acadar o obxectivo xeral do proxecto, contribuír á conservación dos arroaces (Tursiops truncatus) a través das áreas mariñas Rede Natura 2000 e da participación social.

A fotoidentificación consiste na obtención de fotografías das aletas dorsais dos arroaces para poder recoñecer de xeito individual a cada un dos exemplares, mediante as marcas propias e características que presenta cada individuo. Un auténtico “carné de identidade” para cada un dos exemplares, que permite obter información sobre os seus desprazamentos, relacións sociais e uso do hábitat.

A segunda acción de Turgasur consiste na elaboración do Catálogo dos arroaces rexistrados en Galicia, no cal estará incluída unha serie de información básica sobre cada exemplar: onde, cando e con quen foi rexistrado, e no caso das femias, información sobre a súa reprodución.

A participación social

Non en tanto, no proxecto destaca tamén a posibilidade da participación social. Ademais do voluntariado, calquera persoa particular poderá achegar información sobre avistamentos de arroaces, dende calquera punto da costa galega, contactando coa CEMMA a través dos teléfonos 112, 686 989 008 ou no email cemmaorganizacion@gmail.com.

Nestes casos, deberán achegar información básica sobre o avistamento: lugar, hora, número de exemplares e comportamento. Será moi importante se é posible dispoñer de fotografías destes avistamentos, principalmente das aletas dorsais dos animais.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Case a metade dos cetáceos de augas profundas inxiren macrolixo no noroeste ibérico

A CEMMA participa nun estudo que documenta que aproximadamente o 30% dos exemplares acaba falecendo a causa de lesións dixestivas

Morre o arroaz Ladiña a causa dun accidente cunha hélice

Cría e nai percorreron durante case dous anos distintos portos das rías galegas tras seren detectadas por primeira vez na Guarda en 2024

Aparecen máis de 2.000 araos papagaios nas praias galegas afectados polas borrascas

A compoñente suroeste do temporal marítimo no Atlántico produciu a chegada de aves, localizadas entre as Rías Baixas e o sur da Costa da Morte

Galicia rexistra un 45,3% menos de varamentos en 2025

O Cemma explica que as cifras, a pesar da diminución de exemplares afectados, continúan sendo elevadas e preocupantes para a conservación