O Aquarium Finisterrae da Coruña reúne nas súas instalacións unha gran variedade de especies, alén das súas exposicións, que nos permiten coñecer nunha visita o mundo do mar polo miúdo. E para que todo isto funcione é preciso o traballo de moitas persoas, que xestionan unha zona técnica pensada para controlar todos os detalles: a temperatura da auga, os seus compoñentes, a comida que se lles dá aos animais, etc.
Para dar a coñecer todo isto á sociedade, os Museos Científicos Coruñeses celebran de novo a actividade “Viaxe ao centro do Aquarium”, unha visita guiada pola zona técnica das instalacións, que inclúe o laboratorio, a cociña, as salas de filtración ou as salas de corentena.
Son visitas dunha duración aproximada de 90 minutos, dirixidas a maiores de 14 anos e cun límite de prazas de 15 persoas por día. Celebrarase ás 12 do mediodía durante dous días dos meses de marzo (sábado 16 e domingo 17), abril (sábado 27 e domingo 28) e xuño (sábado 8 e domingo 9)
Como inscribirse?
Os Museos Científicos Coruñeses abrirán ás 10 horas deste venres 8 un formulario (ver ligazón) no que as persoas interesadas poderán anotarse. Poderanse inscribir un máximo de catro persoas por solicitude.
A organización só contactará coas persoas que obteñan praza, mentres que o resto de persoas pasarán a formar parte da lista de agarda. Despois de recibir a confirmación de contar con praza (a través do correo electrónico facilitado) é necesario abonar o prezo de entrada ao Aquarium Finisterrae (gratis para titulares de Tarxeta 20 e membros da Asociación de Amigos da Casa das Ciencias).
Podes atopar toda a información sobre o Aquarium Finisterrae na súa páxina web.














