Venres 29 Marzo 2024

Drones para controlar o lixo mariño nas illas Cíes

A comezos de 2017 botaba a andar o proxecto LitterDrone co obxectivo de desenvolver ferramentas innovadoras para o control e xestión remota de lixo mariño a través de UAVs, vehículos aéreos non tripulados. A falta de tres semanas para rematar o estudo, o equipo de investigadores da Universidade de Vigo, da empresa Grafinta e da Asociación Española de Basuras Marinas están xa en disposición de presentar os resultados do seu traballo.

Fernando Martín, investigador do Grupo de Procesado de Imaxe e Realidade Virtual (GPI-RV) da Universidade de Vigo, explica que a parte principal do proxecto era desenvolver un software que procese as imaxes de drone para atopar e clasificar residuos mariños. Esta parte foi todo un éxito, e “contamos cun programa que aproveita as tecnoloxías dos vehículos aéreos non tripulados para obter imaxes e procesalas para detectar posibles residuos presentes nas praias ou noutras zonas costeiras”. Isto permite “saber onde hai lixo e de que tipo para axudar ao persoal encargado da limpeza”.

Publicidade

Análise dos datos recabados con visión artificial en Cíes.

A idea deste proxecto, desenvolto ao abeiro da convocatoria europea BlueLabs, nace do plan de seguimento do Ministerio para monitorizar unha serie de praias de todas as provincias costeiras, dúas delas en Pontevedra: Rodas e A Lanzada. Esta campaña de control realizábase de xeito tradicional, inspeccionando as praias e, coa proposta de Litterdrone preténdese achegar as novas tecnoloxías para a localización e identificación do lixo.

O proxecto desenvolveuse durante dous anos cun orzamento de total de 392.657€, do que a Unión Europea achegou 312.998€. Aebam, entidade impulsora, ocupouse do asesoramento en temas ambientais, así como de determinar onde facer as mostraxes e delimitar os estándares para a clasificación dos residuos.

Grafinta, pola súa banda, achegou os drones e tamén os pilotos (mentres os investigadores da Universidade non conseguiron o título preciso para manexar os UAVs), así como da realización da primeira parte do procesado de imaxe.

Como explica Fernando Martín, “a partir das fotos que capturan os drones obteñen unha soa imaxe empregando un programa de fotogrametría comercial, que xera unha especie de mapa completo da praia”. É neste punto cando entra en xogo a tecnoloxía deseñada polo Grupo de Procesado de Imaxe e Realidade Virtual da Universidade, que se encarga do segundo procesado das imaxes. Para isto, destaca Martín, “elaboramos un software que axuda ao usuario a facer un informe sobre os residuos que hai na praia”. O primeiro é localizar obxectos sospeitosos de ser lixo, para despois identificar e clasificar os máis comúns, diferenciando, por exemplo, entre botellas de vidro, de plástico, latas, tapóns, bastóns dos oídos e mesmo cabichas, se chegan a verse con claridade na imaxe”. Outro tipo de desperdicios que o programa non é quen de clasificar, apunta o investigador, identifícaos como algo estraño, pero ten que ser unha persoa a que se encargue de revisar e identificar estes obxectos.

Un equipo do proxecto Litterdrone.

Catro campañas de mostraxe en Cíes

Para testar a tecnoloxía, os investigadores realizaron catro campañas de mostraxe en dous areais das illas Cíes, unha na praia de Rodas, que forma parte do plan de seguimento do Ministerio, e outra na de Nosa Señora. As probas fixéronse en maio e setembro de 2017 e en abril e setembro de 2018, con entre cinco e dez voos en cada campaña empregando diferentes drones e diferentes cámaras e tanto con lixo colocado a propósito como aproveitando o xa existente nos areais.

Segundo os investigadores, este novo sistema presenta unha serie de vantaxes na loita contra o lixo mariño, entre elas, que o uso de drones reduce o tempo da mostraxe respecto da mostraxe a pé. Ademais, destacan, é posible monitorear varias praias próximas na mesma campaña e tomar imaxes e información de lugares de difícil acceso que, doutro xeito, non se poderían explorar. Por outra banda, grazas a estas ferramentas pódese crear un rexistro dixital con imaxes e informes e facelo realizando o traballo de campo na oficina, xa que as imaxes das praias se poden recibir e procesar en calquera lugar.

O seguinte paso: chegar ao mercado

A valoración destes dous anos de traballo coordinado entre os grupos de Procesado de Imaxe e Realidade Virtual e I-Mark, da Universidade de Vigo, a Aebam e Grafinta é, segundo Martín, “moi positiva, pola experiencia de colaboración e polo coñecemento gañado en drones e tecnoloxía de imaxe aérea e sobre todo en procesado da imaxe ao aire libre e con iluminación non controlada”. Neste sentido, remarca o docente que o potencial da visión artificial é moi amplo, pero adoita empregarse en contornas controladas como instalacións industriais ou para diagnose médica, “mentres neste caso traballamos ao aire libre e sen poder controlar moitas variables”.

Agora, co software xa rematado, o equipo enfróntase a un novo reto: levalo ao mercado. A convocatoria BlueLabs contempla como parte do proxecto que o produto ou servizo desenvolvido se comercialice, e para iso o grupo I-Mark fixo un estudo de viabilidade económica e un plan de márketing e agora queda por rematar o plan de empresa. A finalidade é levar os resultados do proxecto ao mercado como servizo comercial, por exemplo, creando unha spin-off. Para isto están buscando financiamento, coa vista posta na convocatoria europea SME para a creación de pequenas empresas.

Liñas futuras de traballo

Aínda que o proxecto Litterdrone remata este mes, os seus impulsores apostan por continuar con esta liña e valoran outros eidos de aplicación que van máis aló do eido ambiental e do contexto costeiro. Entre outras posibilidades destacan a revisión e inspección de instalacións industriais e enerxéticas, como liñas de alta tensión, aeroxeradores ou granxas solares, nas que normalmente non hai persoal ou hai pouco. Mesmo os investigadores consideran posibles liñas de traballos centradas na identificación de lixo flotante ou incluso afundido, sempre que sexan augas claras.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Os ’pellets’ xa invaden zonas mariñas protexidas de Galicia

Unha simulación realizada pola organización internacional Oceana predí que os plásticos están presentes en todo o litoral da comunidade

Un equipo galego utiliza materiais que respiran CO2 para refrixerar e quentar fogares

O grupo da UDC busca substituír os actuais compoñentes de calefacción, daniños para o medioambiente, por outros máis sostibles e eficientes

Un equipo galego usará IA para detectar contaminantes nas augas termais

Investigadores da UVigo lideran o proxecto Aquapred que predicirá a posibilidade de aparición de bacterias como a lexionela e a E. coli

O petróleo e os seus residuos inducen a metamorfose en invertebrados mariños

Un estudo internacional apunta que estas substancias poden alterar o ciclo e os procesos naturais destes animais