Martes 16 Abril 2024

O cambio climático ameaza tres especies de grandes baleas en Galicia

A situación que produce o cambio climático nos ecosistemas mariños está a comprometer a supervivencia de tres especies de grandes baleas nas augas galegas e españolas. Así o indican os resultados publicados na prestixiosa revista científica Ecological Indicators no que se mostra a nivel internacional como tres das especies de baleas en perigo de extinción no noso planeta (Balaenoptera musculus ou balea azul, Balaenoptera physalus ou rorcual común, e Balaenoptera borealis, ou rorcual boreal) están seriamente ameazadas polo cambio climático nestas augas.

Hai uns anos, a presenza dos animais máis grandes do planeta nas nosas augas sorprendía aos científicos e á sociedade en xeral, e é agora que “grazas a este estudo científico podemos responder a moitas das preguntas que xurdiron e explicar as razóns que levan a estes animais para visitar a costa española ademais de definir os factores que ameazan a súa supervivencia”, segundo expón o director do Bottlenose Dolphin Research Institute (BDRI) do Grove, Bruno Díaz, que asina o traballo xunto a Séverine Methion, da universidade de Burdeos.

Publicidade

Entre os anos 2016 e 2017, investigadores do instituto BDRI realizaron 32 saídas para estudar a distribución das grandes baleas ao longo de 3.000 quilómetros entre Fisterra e as Illas Cíes. Observáronse un total de 54 baleas destas tres especies, en perigo de extinción segundo a Unión Internacional para a Conservación da Natureza.

O traballo confirma que estas grandes baleas veñen alimentarse en zonas próximas da costa debido á presenza dunha especie de crustáceo malacostráceo da orde Euphausiacea (Meganyctiphanes norvegica) tamén coñecido como krill do norte, que se concentra en determinadas zonas debido aos fenómenos de afloramento costeiro e que se confirma como fonte principal de alimento destas especies. O tamaño dos grupos de baleas foi variable entre individuos solitarios e agregacións de ata 12 exemplares que se alimentaban na mesma zona. Así puido estudarse o comportamento das baleas durante 19 horas e o 66% dos exemplares observáronse alimentándose na costa.

O uso de modelos aditivos xeneralizados “permitiunos entender mellor que tipo de variables oceanográficas, topográficas ou antrópicas condicionan a presenza das baleas na costa galega”, segundo Bruno Díaz. Os resultados tamén permitiron “observar a clara relación existente entre os cambios oceanográficos inducidos polo afloramento costeiro en determinadas zonas e a concentración de baleas”. Estes factores están a cambiar debido ao cambio climático, como o índice de afloramento costeiro ou a temperatura da auga, e “poñen en claro risco a supervivencia e migración das baleas nas nosas augas”, advirten desde o BDRI. Durante este período lográronse identificar ata 23 exemplares grazas á técnica coñecida como foto-identificación, o que fixo posible confirmar o desprazamento  da balea azul e o rorcual común desde as illas Azores ata Galicia.

Confirman a ruta migratoria das baleas dos Azores a Galicia

Este tipo de predicións de carácter científico representan un papel fundamental para alertar ás administracións para a toma de decisións e mellores medidas de adaptación ante as ameazas do cambio climático. Segundo o BDRI, cabe agardar varios efectos negativos sobre estas poboacións. En primeiro lugar, unha modificación das rutas migratorias abandonando as nosas augas ante unha diminución do afloramiento costeiro ou incremento da temperatura da auga, xa que estas variables condicionarán a presenza do krill do norte, esencial para a alimentación destes animais. En segundo lugar, incrementaríase tamén a competencia por este prezado crustáceo con outros animais, como moitas especies de peixes e aves mariñas.

Outra das conclusións do traballo é que a presión pesqueira podería causar un maior impacto na presenza de alimento para as baleas, podendo tamén provocar maiores riscos para os cetáceos, que son vulnerables de sufrir o impacto das embarcacións ou quedar enmallados en redes de pesca.

“Máxima prioridade”

Estes novos resultados científicos, segundo o BDRI, “non fan máis que confirmar a través da investigación científica, as protestas dos máis novos contra a falta de medidas por parte dos gobernos e institucións para frear o cambio climático descontrolado”. Para o instituto arousán, “un claro exemplo é a total ausencia do argumento entre os temas tratados polos representantes dos principais partidos políticos tras varias horas de debate televisivo”. Apunta Bruno Díaz que “s líderes políticos deben converter en máxima prioridade a necesidade de controlar o cambio climático antes de que sexa demasiado tarde, pero parecen estar bastante lonxe da vida dos cidadáns, preocupándose só por gañar as próximas eleccións e ignorar a importancia do devandito tema en moitos dos seus programas e debates televisivos”.

Referencia: Habitat drivers of endangered rorqual whales in a highly impacted upwelling region (Publicado en Ecological Indicators).

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Restos de baleas atopados en Galicia corroboran a extinción de dúas especies do Atlántico

Unha investigación arqueolóxica reuniu mostras do 3500 a.C. ata o século XVIII no maior estudo de Europa sobre estes cetáceos

A balea azul en Galicia: así foi o impacto das capturas no Atlántico sur de Europa

Un estudo analiza a caza baleeira en España e sinala que "a maior presenza desta especie na costa galega é o resultado de anos de protección"

“Os niveis de produtividade nestes días no mar son enormes, e iso atrae ás baleas”

O biólogo Bruno Díaz, director do instituto BDRI do Grove, salienta que entre os rorcuais azuis observados nos últimos días está un nunca visto antes

Identifican catro baleas azuis nos últimos días na costa galega

Fai agora catro anos, a finais do verán de 2017, tivo...