Restos de baleas atopados en Galicia corroboran a extinción de dúas especies do Atlántico

Unha investigación arqueolóxica reuniu mostras do 3500 a.C. ata o século XVIII no maior estudo de Europa sobre estes cetáceos

Dende hai miles de anos, as comunidades galegas utilizaron as baleas como recurso. Existen restos arqueolóxicos en castros, praias e portos que o corroboran. Estes ósos foron analizados recentemente no maior estudo de zooarqueoloxía de baleas de Europa xunto con mostras doutros 11 países. Na investigación demostrouse que a actividade baleeira causou a extinción de dúas especies no Atlántico europeo: a balea franca e a cincenta, presentes actualmente só no Pacífico. En total, a investigación reuniu 719 mostras do 3500 a.C. ata o século XVIII, asumindo que algúns exemplares foron cazados e outros puideron aproveitarse despois de que os cetáceos varasen. A investigación acaba de publicarse na revista Royal Society Open Sciencie.

O traballo foi coordinado por Youri van den Hurk, investigador das Universidades de Trondheim (Noruega) e Groningen (Países Baixos). Dende Galicia colaborou a Coordinadora para o Estudo de Mamíferos Mariños (CEMMA). No traballo, os científicos concluíron que as dúas especies máis frecuentes eran a balea vasca ou franca (46,5%) e a balea cincenta (15,3%), ambas con rexistros dende España ata Noruega. Dende a CEMMA destacan que outras especies que foron cazadas durante o século XX e que aínda seguen presentes nesta área de estudo non teñen tanta representación nos resultados sobre as mostras antigas, como a balea común (5,1%), a xibarte (4,7%) ou a azul (1,7).

Publicidade

Isto induce a pensar que as especies desaparecidas foron as máis aproveitadas pola poboación naquela época, “utilizadas probablemente polos seus hábitos costeiros que as fixeron máis susceptibles de ser cazadas por pobos do norte de España, normandos, flamencos, frisóns, anglosaxóns e escandinavos“, informan dende a coordinadora. Aínda que xa estaba demostrada a influencia da caza na extinción de baleas francas a principios do século XX, descoñecíase o seu peso sobre a cincenta, xa que apenas se atoparan restos para poder estudala, como no caso de Galicia.

No estudo analizáronse 68 mostras de Galicia. Foto: CEMMA

Pablo Covelo, biólogo da CEMMA, explica que a cincenta é a “balea descoñecida“. “Agora a cincenta só existe no Pacífico. Pensábase que desaparecera do Atlántico por motivos naturais, pero agora sabemos que xa se cazaba en Países Baixos no 3500 a.C.”, apunta. Con todo, non se pode demostrar que a caza activa en Galicia colaborase para a súa extinción, debido ao número limitado de mostras. A comunidade aportou en total 68 restos, e 18 non se puideron identificar. Polo demais, 39 eran baleas francas, catro xibartes, dúas azuis, unha cincenta, unha resultou ser un delfínido e outras tiñan “identificación dubidosa”.

Publicidade

Algúns dos restos arqueolóxicos galegos proveñen do castro da Lanzada, datados do século II a.C.

As baleas francas proviñan do castro da Lanzada (Pontevedra), que son as máis antigas, do século II a.C; da Atalaia de San Cibrao de Alobre e a praia de Cubelas (Lugo); e o porto de Bares (A Coruña), onde se atoparon as máis modernas, entre o século XIII e o XVIII. Do castro da Lanzada recolléronse tamén mostras dunha xibarte, do século I ou II a.C. En San Cibrao (Cervo), recolléronse ósos da balea cincenta, datada entre o século I e o V; unha azul, da mesma época; tres xibartes, dúas delas do mesmo período e outra medieval, a época máis prolífica da caza de baleas en Galicia. A última balea azul, do século XV-XVI, foi atopada en Pontevedra.

É preciso realizar máis estudos arqueolóxicos para poder asegurar que a caza de baleas impulsou a desaparición da especie cincenta. Foto: CEMMA

Covelo explica que hai que ser “conservadores” e que deben realizarse máis estudos arqueolóxicos para poder asegurar que a caza de baleas en Galicia impulsou a desaparición da especie cincenta. “Os datos son moi poucos, pero non podemos descartar esa hipótese. Teñen que aparecer máis que as que se atoparon en varamentos. Claro que existía unha caza, pero empezaría moito máis tarde”, sostén. Igualmente, Covelo resalta o aporte deste estudo sobre a balea vasca, cincenta, común e xibarte como recurso por parte das comunidades humanas. A partir do século XX, cando se desenvolveron os barcos de vapor e os arpóns explosivos, puidéronse cazar as baleas máis rápidas, como a azul, a común ou a xibarte. Unha masacre contra os cetáceos que rematou hai 37 anos coa prohibición mundial sobre a súa caza. Dende 2020 as poboacións comezaron a recuperarse. Iso si, agora terán que loitar con outra gran ameaza: o quecemento dos mares.

Alba Tomé
Alba Tomé
Graduada en Comunicación Audiovisual pola Universidade de Vigo e Máster en Xornalismo e Comunicación Multimedia pola Universidade de Santiago. Traballou como redactora en Público e na Revista Luzes e como responsable de comunicación no Congreso dos Deputados. Os seus primeros pasos no xornalismo foron en RTVE, Europa Press e La Voz de Galicia. Finalista do premio Contar a Ciencia e Premio Egeria 2018.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Corridas de arroaces en Pontevedra: a histórica persecución dos cetáceos en Galicia

A recomendación de cazar a especie Tursiops truncatus remóntase séculos atrás e xa no XVIII o ilustrado Frei Martín Sarmiento defendía esta práctica

Bili, Arou e Afortunada: a historia das tres tartarugas liberadas en Sálvora

Os exemplares pertencentes á especie Caretta caretta voltaron ao mar despois de estar un ano recuperándose nas instalacións do CEMMA

Galicia duplica o promedio anual de varamentos: “Non temos explicación”

Unha toniña no Grove eleva a máis de 520 os exemplares atopados. Os científicos están investigando os motivos deste aumento de casos

É a caza unha medida eficaz para controlar as poboacións de xabarís? Isto opinan os expertos

Algunhas voces apuntan que nunha emerxencia cinexética as batidas favorecen a reprodución do porco bravo