Adeus ao golfiño 3.000

O pasado sábado 9 de xuño foi localizado varado en Corrubedo (Ribeira) un golfiño común (Delphinus delphis) vivo que finalmente non sobreviviu, malia os esforzos da Coordinadora para o Estudo dos Mamíferos Mariños (CEMMA). Era o individuo número 96 da especie dos rescatados este ano 2018, un número dentro dos valores habituais na costa galega, onde se rexistra unha media de 230 varamentos cada ano, incluíndo todas as especies de cetáceos, lobos mariños e tartarugas. Mais ao integrar o rexistro na base de datos totais da Rede de Varamentos, dende que CEMMA empezou o seu traballo en 1990, resultou que ese golfiño común representaba o rexistro número 3.000 para a especie na costa galega.

O golfiño común é a especie de cetáceo máis abundante nas augas cálidas e temperás do Atlántico, e iso reflíctese tamén nos varamentos en Galicia, representando o 54% do total de cetáceos. En traballos realizados por CEMMA a poboación de golfiño común en Galicia estímase en torno aos 7.4000 – 9.500 exemplares e nun recente estudo do IEO ese valor para toda a costa cantábrica é de entre 4.700 e 22.500 exemplares dependendo do método estatístico utilizado.

Publicidade

Logotipo da CEMMA.
Logotipo da CEMMA.

Aínda así e pese a esa aparente abundancia, o número de individuos varados non deixa de ser abraiante. Máis aínda ao ter conta de que en distintos estudos realizados en Galicia demostrouse que o número de cetáceos que chegan á costa é só do 25%  dos que morren no mar. O que supón que eses 3.000 rexistrados, que foron atopados varados, son a testemuña da morte de 12.000 golfiños reais.

Os varamentos son unha importante fonte de información sobre os cetáceos. Grazas á asistencia e recollida de mostras da Rede de Varamentos de Galicia, que conta con financiación da Xunta de Galicia, ao longo destes anos leváronse a cabo investigacións en colaboración con centros de investigación estatais e internacionais sobre ecoloxía, anatomía, idade, dieta, reprodución, patoloxías, acústica e contaminantes na especie.

Publicidade

A CEMMA amósase sorprendida co estudo de microplásticos no aparato dixestivo en colaboración co IEO, do que se conclúe que están presentes no 100% dos individuos examinados, pero a principal ameaza da especie segue sendo a morte por captura accidental en artes de pesca.

Un 43% dos golfiños comúns que aparecen varados e que aínda presentan un bo estado de conservación para poder valorar a posible interacción, presentan indicios de que a súa morte é compatible con esta actividade humana. Isto significa, unha vez aplicado o factor de corrección dos varamentos fronte ás mortes reais, que cada ano uns 212 individuos morren por captura accidental en Galicia. Nunha poboación duns 10.000 exemplares suporía o 2,12%, un valor por enriba do máximo asumible para mortalidade dentro dunha poboación segundo os criterios de ASCOBANS, que establecen o límite no 1,7%.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Galicia presenta no Parlamento Europeo unha ferramenta pioneira para avaliar o uso do galego na IA

O Proxecto Nós, impulsado pola USC, amosa os resultados iniciais de “Arena Nós”, que analiza como os grandes modelos comprenden, xeran e representan a lingua

Unha nova investigación identifica os xenes asociados a defectos de pigmentación en rodaballos de cultivo

Un equipo do IIM-CSIC revela unha importante base xenética tras as anomalías e abre novas vías para a mellora dos programas de selección en acuicultura

⁠Algas e microalgas: o tesouro biotecnolóxico que agocha o mar galego

O centro tecnolóxico ANFACO presenta en BioSpain o seu aproveitamento da biomasa mariña para crear novos ingredientes

Vigo, entre as 20 cidades europeas con máis alertas de po sahariano de 2026

Un novo informe de Copernicus contabiliza nove xornadas con avisos no enclave galego, na súa maioría de intensidade moderada-alta