Arqueólogos en Galicia: precariedade no país dos 20.000 xacementos

A inestabilidade laboral leva a profesionáis da arqueoloxía ao pluriemprego ou ao abandono da profesión

O arqueólogo Lino Gorgoso.
O arqueólogo Lino Gorgoso.

Segundo a última catalogación da Dirección Xeral de Patrimonio, en Galicia existen arredor de 20.000 xacementos arqueolóxicos como castros, mámoas, dolmens e ruínas romanas. Só entre o 2% e o 3% destes xacementos está en terreos de propiedade pública, mentres o resto pertencen a particulares ou sitúanse en montes comunais, o que dificulta a súa explotación. Incluso moitos propietarios descoñecen que hai xacementos nos seus terreos. Con todo isto, é baixo o número de restos escavados, ben por falta de financiamento ou co fin de protexer a información que gardan.

Cada vez que se proxecta unha obra ou unha explotación forestal preto dalgún destes xacementos, un arqueólogo debe realizar un informe para a Dirección Xeral de Patrimonio co fin de certificar a súa integridade. Isto é que se chama arqueoloxía preventiva, e conforma a maior cota de mercado do sector privado.

Os embates da crise do 2008

Un dos traballadores dese sector é Fidel Méndez. Os compañeiros din del que a arqueoloxía galega lle debe moito. Comezou a traballar en 1987 na Universidade de Santiago de Compostela. “O mesmo día que me licenciei tiven a primeira reunión para traballar na Serra do Bocelo, en Toques, Melide”, explica. A súa traxectoria levouno a ter, posteriormente, unha pequena empresa que “ía relativamente ben”, pero coma moitas outras do sector, non resistiu a crise do 2008. “Como na arqueoloxía suspendéronse os concursos públicos xa en 2006, e nós gañabamos moitos deles para facer escavacións de xacementos grandes, non puidemos manternos”, laméntase Méndez.

Esa situación levouno a apartarse da profesión, e durante un tempo estivo a traballar de cociñeiro na hostalería. A volta foi xa como asalariado para Terrarqueos “porque os socios da empresa son máis ou menos da miña promoción”, explica. Pero sempre con contratos por obra e servizo, de menos de 4 meses e con períodos de inactividade.

A situación de precariedade

Lino Gorgoso é tamén arqueólogo, mais un caso distinto do de Fidel. Leva 16 anos traballando en Adro Arqueoloxía con contrato fixo. É delegado sindical e o portavoz de ATAGA, a asemblea de traballadores de arqueoloxía de Galicia. “Aínda estamos adaptándonos á lei Yolanda”, explica Gorgoso en referencia á reforma laboral de Yolanda Díaz que cambia os contratos por obra polos fixos-discontinuos, dando maior estabilidade aos traballadores pero non necesariamente máis traballo. Dos 139 arqueólogos e auxiliares de arqueoloxía que había no sector privado hai uns anos, un 20%-25% eran traballadores fixos, mentres que o resto eran contratados puntualmente para as obras. “Había escavacións de 6 meses, pero tamén as había dunha semana”, explica, o que provocaba que “un licenciado en arqueoloxía podía ter 50 ou 60 contratos ao ano, con catro ou cinco empresas; a precariedade absoluta”.

Pero a estrutura empresarial non vive unha situación moito mellor. Entre 14 e 16 empresas repártense a totalidade do traballo. Segundo Tito Concheiro, arqueólogo dende 1989, director de Arquestudio SL e presidente de AEGA -a patronal do sector-, a arqueoloxía profesional en Galicia move só un millón de euros. “Esta situación é pola natureza da profesión, porque non require de moita xente”, explica. “Non pode entrar ninguén máis, as empresas están perdendo diñeiro e non poden pagar aos seus traballadores e os únicos que gañaron foron os empregados coa reforma laboral” quéixase. Concheiro cre que hai unha demanda escasa, e toda dende a administración. “A nosa arqueoloxía foi espléndida, das mellores do Estado; se ata a temos no himno”, di a modo de chanza en referencia ao confín dos verdes castros de Pondal. Porén, dende o seu punto de vista, “o sector sofre de hipertrofia porque os arqueólogos da administración son tantos coma os do sector privado”, e cre que en poucos anos só vai quedar o sector público.

“Hai quince anos éramos catro veces máis os traballadores no sector privado”

LINO GORGOSO, arqueólogo

Algo no que concorda en parte Lino Gorgoso. “Hai quince anos éramos catro veces máis os traballadores no sector privado, pero actualmente temos tantos arqueólogos coma o persoal que nos ten que controlar”. Segundo os seus datos, hai 25 traballadores na Dirección Xeral de Patrimonio para controlar as 1.000 intervencións anuais, aos que hai que sumar outros tantos empregados nas administracións provinciais e locais. Tampouco existe un investimento en patrimonio acorde ás necesidades que el ve, nin en cantidade nin en destino. “Cada poucos anos decídese facer un investimento na escavación dun xacemento, pero non se fai despois no seu mantemento”. Gorgoso pon como exemplo a situación actual de case abandono do castro de Donón, no Monte do Facho.

Novo convenio colectivo

Nestes momentos a CiG —único sindicato con representación na arqueoloxía— e AEGA, están en negociacións para o novo convenio colectivo que debe adaptarse á última reforma laboral. Un proceso enquistado polo desacordo entre salarios, tipos de contrato, ou as ratios de arqueólogos e auxiliares de arqueoloxía en cada obra. Ambas partes barallan a posibilidade de ir á mobilización.

Fidel, pola súa banda, hai pouco que volveu abandonar a profesión. “Pero de novo, será temporal, para facer un pouco de colchón económico”, explica dende León. Regresou á hostalaría durante varios meses, xunto coa súa muller, tamén arqueóloga. “Ela vai preparar oposicións, e probablemente a chamen da Universidade, e co seu salario de docente e o meu de arqueólogo poderemos manternos”, recoñece. “O sector é duro, porque aínda que somos investigadores, aquí detrás hai moitísimo traballo físico, de mover pedras e terra con calor ou con chuvia, pero cun salario e unhas condicións moi precarias, pero é que a min encántame a miña profesión, e non a quero abandonar”.

A realidade que trasladan todos é que poucas persoas se xubilan na profesión. Moitos buscan saídas na administración ou na docencia, como profesores de historia. “Estamos a perder unha inmensa cantidade de profesionais moi capacitados, especialistas de prestixio estatal en cerámica arqueolóxica, por exemplo, nos que investimos moitos cartos en formación, porque non se lles está a ofrecer unha carreira laboral que lles permita ter unha vida estable e digna”, lamenta Gorgoso. Unha realidade moi comprometida para os encargados de salvagardar a historia galega, esa que xa coñecemos e a que aínda permanece baixo terra.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.

Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.