Imaxina que alguén recibe un forte golpe na cabeza. Vai directamente a urxencias porque ten unha contusión cerebral pero, afortunadamente, dinlle que é leve. Porén, a inflamación do cerebro a consecuencia do golpe pode desencadear problemas neuropsicolóxicos e perdas de memoria a longo prazo. Pese a esta certeza, a día de hoxe non existe ningún fármaco aprobado para tratar os danos cerebrais. A neurocientífica galega Sonia Villapol leva anos traballando nesta liña; buscando activamente alternativas terapéuticas que reduzan a inflamación cerebral. Coa esperanza posta na nanomedicina, o seu último estudo en ratos demostra que “as nanopartículas de dexametasona, un fármaco contra a covid, poden reducir á metade a lesión cerebral”. Con todo, este tratamento experimental demostrou ser máis efectivo nos machos que nas femias.
Segundo explica a neurocientífica galega, a dexametasona úsase habitualmente para tratar a fase aguda da covid, pero tamén certos tipos de danos cerebrais. Porén, este fármaco pode non ser suficientemente efectivo e provocar efectos secundarios dependendo da concentración que se administre. Con esta premisa, o equipo de Villapol decidiu apostar por encapsular dexametasona en nanopartículas que se dirixiran directamente ás rexións do cerebro afectadas e, así, reducir o impacto noutros órganos. Co estudo, publicado recentemente na revista Bioengineering & Tranlational Medicine, demostraron que é posible “preparar unha concentración óptima” de dexametasona que contribúa a reducir a inflamación do cerebro “e, consecuentemente, tamén a lesión cerebral aproximadamente á metade”.
O estudo levouse a cabo en ratos e os resultados preliminares, malia demostrar a eficacia do tratamento, revelaron que os grandes beneficiados son os machos. É dicir, eles mostraron unha maior diminución da neuroinflamación ocasionada por un dano cerebral. Villapol cre que detrás deste resultado agóchase a forma na que machos e femias responden á inflamación, dado que os picos inflamatorios e a morte neuronal non son os mesmos en ambos sexos. “Pensamos que os niveis máis altos de inflamación nas femias son diferentes aos dos machos, polo que a administración da terapia debería ser a distintos tempos despois da lesión cerebral”, indica a neurocientífica galega. Con todo, cre que pode haber “factores hormonais e mecanísticos” que inflúan na resposta das femias a este tratamento.
A complexidade do cerebro humano
O equipo de Villapol lidera un avance esperanzador para o tratamento dos danos cerebrais, para os que aínda non existe un medicamento efectivo. A científica galega explica que se avaliaron máis de 800 ensaios clínicos, algúns deles prometedores, como por exemplo algúns medicamentos antiinflamatorios, antiepilépticos, anticoagulantes e trombolíticos. Porén, “a eficacia é escasa e depende da severidade das lesións”, apunta Villapol. O motivo polo que ningún medicamento dá na diana débese, en parte, á complexidade do cerebro humano. “Ten unha capacidade rexenerativa moi limitada, e sabemos que as neuronas danadas non se substitúen facilmente, o que dificulta a reparación de por si despois dunha lesión”, sostén a científica galega. Outro factor en contra é a barreira hematoencefálica, é dicir, a que separa o torrente sanguíneo do cerebro. Dita barreira evita que os medicamentos accedan facilmente ás rexións afectadas, reducindo así a súa eficacia.
Fronte ás dificultades coas que se atopa a ciencia para atopar tratamentos efectivos contra os danos cerebrais, Villapol pon toda a súa esperanza na nanomedicina. “As nanopartículas poden transportar os fármacos a rexións específicas do cerebro, atravesar a barreira hematoencefálica, e esta entrega de fármacos dirixida aumenta a eficacia e minimiza os efectos secundarios”, expón a neurocientífica galega. Un exemplo da súa explicación está, precisamente, neste novo experimento en ratos no que lograron encapsular dexametasona. O obxectivo de Villapol é que este tipo de fármacos, como o que acaba de probar o seu equipo, sexan efectivos no curto e no longo prazo. A científica galega lembra que “o 80% dos danos cerebrais son leves” pero a inflamación crónica pode derivar en problemas neuropsicolóxicos, perdas de memoria, ansiedade, depresión e incluso aumentar o risco de ter enfermidades neurodexenerativas nun futuro.
Tratamentos para cada paciente
Villapol espera que este estudo sente as bases para novas investigacións que constaten que as nanopartículas de dexametasona serven para reparar os danos cerebrais crónicos. Pero, indo ao xeral, o que quere a neurocientífica é continuar ensaiando terapias que consigan rexenerar as lesións do cerebro a través da nanomedicina. “O meu soño sería deseñar tratamentos específicos á encarga para cada paciente”, explica. É dicir, valoraríanse unha serie de factores, como o tipo de lesión e as condicións biolóxicas do doente, para darlle a combinación de fármacos máis axustada ás súas necesidades. O obxectivo, a fin de contas, sería “rexenerar as rexións cerebrais lesionadas usando organoides e deseñar tratamentos para paliar os efectos a longo prazo”.
Con todo, este non é o único proxecto que ten entre mans o equipo de Sonia Villapol relacionado coa nanomedicina e os danos cerebrais. Segundo informa a científica, o seu laboratorio do Hospital Methodist de Texas acaba de recibir financiamento dos Institutos Nacionais de Saúde para desenvolver un proxecto de administración intranasal de nanopartículas. O obxectivo é alongar os telómeros das células e, para iso, están a probar a tecnoloxía CRISPR como terapia dirixida á inflamación no cerebro. “As dianas terapéuticas para os danos cerebrais no futuro serán a combinación de fármacos que se encapsulen nas nanopartículas e por medio da administración intranasal, que ten a habilidade de chegar antes ao cerebro e exercer as súas funcións reparadoras”, conclúe a neurocientífica.
Referencia: Sex-dependent improvement in traumatic brain injury outcomes after liposomal delivery of dexamethasone in mice (Publicado en Bioengineering & Tranlational Medicine)