Identificadas dúas proteínas que modifican o comportamento das células nai da pel

O grupo dirixido polo investigador galego Xosé Bustelo comprobou como a alteración desta función favorece a aparición de tumores

Un estudo realizado no Centro de Investigación do Cancro, do grupo dirixido polo investigador galego Xosé Bustelo, vén de identificar dúas proteínas que modifican o comportamento das células nai da pel. A alteración desta función favorece a aparición de tumores de pel, polo que este achado, publicado na revista Oncogene, pode axudar a desenvolver novas terapias antitumorais.

A pel representa unha barreira física que nos protexe do ambiente exterior, ademais de ser un órgano con gran importancia para manter diferentes parámetros fisiolóxicos como, por exemplo, a temperatura corporal. Debido á súa exposición continua ao medio ambiente, a pel ten que ser rexenerada continuamente para manter a súa función. Por iso, cada persoa substitúe completamente toda a súa pel nun período inferior ás dúas semanas. Para manter este proceso, na pel existen unhas células nai que están encargadas de producir todos os compoñentes celulares da nosa pel como son os queratinocitos, as glándulas sebáceas ou o noso pelo.

Publicidade

Alteracións da función destas células nai pode dar lugar a problemas no mantemento da integridade da nosa pel cando funcionan mal ou á formación de tumores cando comezan a proliferar de forma descontrolada. Debido a iso, o coñecemento preciso dos procesos biolóxicos que determinan o número, mantemento e función adecuada das células nai da pel, ten importancia tanto desde o punto de vista da investigación básica como para o desenvolvemento de novas terapias.

Estudos para comprobar os procesos de rexeneración da pel

Usando ratos modificados xeneticamente onde se podía inactivar ou inactivar xenes específicos, o grupo de investigación dirixido por Xosé Bustelo descubriu que as proteínas Vav2 e Vav3 son clave para asegurar que estas células nai logren números suficientes na pel e tamén para que funcionen de forma adecuada. Durante os seus experimentos comprobaron que cando estas dúas proteínas se eliminaban producíanse menores números de células nai que, ademais, non funcionaban de forma adecuada. Isto daba lugar a procesos de rexeneración da pel defectuosos tras sufrir feridas ou tras a depilación. Pola contra, cando estas moléculas activábanse de forma crónica producíase un aumento da poboación de células nai na pel e os procesos de rexeneración da pel eran moito máis rápidos que nos ratos control.

Publicidade

Cando se xeraban tumores, as células nai activadas inducían características máis malignas

“A forma activada destas proteínas compórtase como un crece-pelos natural, dando lugar a unha maior formación de pelo cando se induce a rexeneración da pel nestes ratos. Tamén cicatrizan as súas feridas máis rapidamente”, indica o investigador Francisco Lorenzo-Martín. Con todo, cando se xeraban tumores, estas células nai activadas inducían unhas características máis malignas destes. “Isto non é unha desvantaxe senón unha vantaxe: o estudo deste proceso permitiunos desenvolver novas firmas diagnósticas que predín a evolución dos pacientes de cancro de pel e, ao mesmo tempo, atopar novas vías para inactivar estas funcións malignas das células nai”, explica o investigador Xosé Bustelo.

A análise das células nai normais e tumorais a través de microchips para desentrañar os cambios que se producían permitiu aos investigadores coñecer cales eran os mecanismos regulados por Vav2 e Vav3 asociados a estas funcións fisiolóxicas e malignas. Isto, á súa vez, permitiu desenvolver novas firmas diagnósticas, así como apuntar a dianas moleculares cuxa inhibición farmacolóxica sexa de interese como terapias antitumorais deste tipo de tumores.

“Os resultados tamén mostran que a inhibición das propias proteínas Vav2 e Vav3 podería ser de interese neste proceso, algo que estamos a investigar nestes momentos a través do desenvolvemento de compostos químicos capaces de inhibir de forma específica a súa función”, engade Bustelo. Esta parte traslacional do traballo aínda require de investigación adicional tanto a nivel de modelos experimentais como en humanos.


Referencia: The Rho guanosine nucleotide exchange factors Vav2 and Vav3 modulate epidermal stem cell function. (Publicado en Oncogene)

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

O CSIC liderará a recuperación e musealización das singulares salinas romanas do Aguncheiro

A intervención permitirá escavar 300 metros cadrados, consolidar as estruturas e abrir o singular complexo da época imperial ás visitas

Cando a auga deixa de ser o único fogar das biomoléculas

O químico Adrián Sánchez, distinguido co Premio María Miguel 2026 da ECIS, estuda como os disolventes eutécticos poden modificar o comportamento de proteínas e ácidos nucleicos

Noites que matan: cando a calor non dá tregua aínda que caia o sol

En noites de exceso de calor extrema, o risco de morrer aumenta un 2,6% respecto ás noites sen tensión térmica. Por Dominic Royé

É seguro conservar o peixe en envases de plástico? Isto di un novo estudo

Un estudo do CSIC detecta a migración de compostos químicos cara ao produto almacenado en frío. Por Ethel Eljarrat e Maria Vittoria Barbieri