Xoves 25 Abril 2024

Un detector de estrés que cabe no peto: o último da computación afectiva

Nelly Condori, investigadora na Universidade da Coruña, desenvolve un prototipo que converte sinais fisiolóxicas en números

Kusisqa é unha palabra quechua que significa alegría, mais tamén é o nome que recibiu o proxecto financiado polo goberno peruano e polo Banco Mundial e que pretende axudar a regular as emocións nos procesos de ensinanza e aprendizaxe. Dentro desta liña, Nelly Condori, investigadora e docente na Universidade da Coruña (UDC), desenvolveu xunto co seu grupo un detector de estrés con sensores de baixo custe.

Cun hardware baseado nunha placa Arduino para observar e controlar os sinais e un software que analiza os datos recollidos para visualizalos nunha aplicación móbil, o aparello “informa á persoa dos niveis nunha escala de 0 a 5, sendo 0 relaxado e 5 altamente estresado, cando existe un estímulo estresor, o que permite ter máis conciencia das sensacións”, explica Condori.

Publicidade

Axudar a regular as emocións

Aínda que polo momento só é un prototipo, este modelo foi presentado no expositor do Centro de Investigación en TIC (CITIC) nas xornadas de Ciencia na rúa, atrapando as miradas tanto de maiores como de rapaces: “Era a primeira vez que poñía a proba o detector cunha participación tan diversa e foi moi positivo. Había persoas moi relaxadas e outras que xa chegaban no nivel 5, pero tamén era moi interesante observar os cambios ao introducir un estresor“, manifesta a investigadora.

https://twitter.com/citicresearch/status/1523012590439391232

Precisamente pola facilidade de controlar tanto os estresores como as reaccións fisiolóxicas, o grupo de Condori optou por centrarse no estrés agudo: “O corpo reacciona de diferentes formas aumentando o latexo do corazón, o fluxo do sangue ou o ritmo da respiración, pero o que nós medimos cos nosos sensores é a condutancia do nivel de enerxía a través da pel. Do que se trata é de evitar que as persoas cheguen ao estrés crónico”.

Por este motivo tamén decidiron centrarse, nun primeiro momento, na comunidade universitaria, polo fácil acceso a ela tanto para medir os cambios ante os estímulos como para intervir. “Co proxecto Kusisqa buscamos, ademais de detectar, dar unha atención de maneira que podamos axudar a regular as emocións. Hai cousas que non podemos evitar no noso día a día, pero se observamos que os episodios de estrés son habituais e constantes pode chegar a converterse en estrés crónico“, sinala Condori.

Próximos pasos

Agora que hai un prototipo deseñado, quedan por desenvolver os experimentos para validar o modelo, unha etapa da investigación que se viu interrompida pola pandemia xa que, tal e como explica a investigadora, “necesitamos unha poboación diversa, tanto en características persoais como en número, e os experimentos que puidemos facer estiveron moi limitados”.

As lecturas do prototipo chegan a un dispositivo móbil.

Coa volta á normalidade, o grupo está centrándose en medir a exactitude do detector e tamén en desenvolver, polo menos, dous modelos máis do prototipo para poder axilizar as probas: “Aínda que son sensores de baixo custe, só temos un modelo, o que dificulta as oportunidades de poder executar os experimentos. Ademais, o proxecto inicial foi financiado polo goberno peruano, pero agora estamos solicitando unha nova financiación para o estado actual da investigación“.

Usabilidade

O obxectivo final de toda a investigación é a súa implementación en sectores como a educación ou a sanidade. Con todo, o hardware actual impide que sexa cómodo de utilizar no día a día, como podería ser no caso dos reloxos smart: “A tecnoloxía wearable está evolucionando moi rapidamente, agora hai ata aneis ou camisetas. Por ese lado, nós somos conscientes de que quedamos atrás. Imos sacando proveito das capacidades que ofrecen en canto a baterías ou durabilidade, pero a idea é centrarnos en facer as probas de validación e posteriormente contar con algunha empresa especializada no desenvolvemento deste tipo de dispositivos”, explica Condori.

Este prototipo de detección do estrés desenvólvese no marco da denominada computación afectiva, un eido da investigación que cada vez vai gañando máis forza e que interesa especialmente á investigadora: “A idea xurdiume hai moito tempo, cando aínda non se falaba tanto do tema. Agora hai moitísimos datos sobre isto, dende extraer emocións a partir dunha análise facial ata a expresión de emocións en plataformas sociais. E pode facerse con variedade de algoritmos, con intelixencia artificial ou non. Nós por exemplo non a utilizamos”.

Optimismo e pesimismo: así traballa a máquina que analiza as emocións en Twitter

Esta maior investigación e popularización traduciuse nunha baixada dos custes, fomentando que sexan dispositivos accesibles para moitas máis persoas: “Estamos vendo como a xeolocalización ou a contabilización dos pasos serviu para estimular as actividades físicas. A pandemia axudounos a acelerar o que xa se viña desenvolvendo dende o eido tecnolóxico aplicado ás emocións e a darlle máis valor”, afirma Condori.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Un equipo da UDC patenta un sistema pioneiro que mide a postura vertebral en tempo real

Investigadores do CITENI crean unha tecnoloxía non invasiva e de baixo custo para mellorar o diagnóstico e tratamento das doenzas da columna

Si, pódese crear acuarela con bacterias: a UDC impulsa a divulgación a través da arte

CICAGallery estrea a súa primeira edición con cinco artistas que convivirán con distintos grupos de investigación da universidade

Como medir as estrelas para revelar os misterios da Vía Láctea

Os investigadores do CITIC Xabier Pérez e Lara Pallas participan na misión Gaia, que pretende crear o maior mapa 3D da nosa galaxia

Unha científica galega secuenciará o xenoma da ‘herba de namorar’

A especie 'Armeria pungens' está presente nas illas Cíes, o único lugar de Galicia onde se pode atopar