Venres 29 Marzo 2024

O cerebro do polbo parécese ao dos humanos máis do que se pensaba

Un equipo italiano descobre unha analoxía molecular específica entre as dúas especies que podería axudar a entender a evolución da intelixencia

A intelixencia dos polbos é xa unha afirmación indiscutible e corroborada pola ciencia. Agora, unha investigación liderada por científicos italianos ofrece unha posible explicación: unha analoxía molecular específica do cerebro dos polbos co cerebro dos humanos. Segundo explican en Science Alert, o xenoma dunha e doutra especie contén un elevado número de “xenes saltaricos” ou transposóns pertencentes á familia LINE (Long Interspersed Nuclear Elements). Atópanse na parte do cerebro do polbo que se encarga das capacidades cognitivas; nun lugar similar ao dos humanos.

“Literalmente saltei da cadeira cando, baixo o microscopio, vin un sinal moi forte de actividade deste elemento, que está no lóbulo vertical, a estrutura do cerebro do polbo que se encarga da aprendizaxe e das capacidades cognitivas. É dicir, funciona de igual modo que o hipocampo dos humanos”, sinala a bióloga Giovanna Ponte, do instituto Stazione Zoologica Anton Dohrn, en Italia, e participante no estudo.

Publicidade

Aprendizaxe e memoria

Máis polo miúdo, investigacións recentes revelaron comos os transposóns LINE están coidadosamente regulados no cerebro humano. É máis: pénsase que están vinculados á aprendizaxe e á memoria, en parte porque son máis activos no hipocampo, dende onde se controlan os procesos de aprendizaxe. Ao atopar estes “xenes saltaricos” no cerebro de dúas especies de polbo, o comun (Octopus vulgaris) e o californiano (Octopus bimaculoides), os investigadores cren que atoparon unha das explicacións á gran intelixencia destas criaturas mariñas.

Aínda que se sabe que os transposóns utilizan mecanismos moleculares de copiar e pegar e de cortar e pegar, o estudo suxire que hai algo máis: existe unha relación directa coa complexidade do sistema nervioso, incluído o cerebro. “O descubrimento dun elemento da familia LINE activo no cerebro das dúas especies de polbos é moi significativo porque apoia a idea de que estes elementos teñen unha función específica que vai máis aló do copiar e pegar”, di Remo Sanges, do instituto de investigación Scuola Internazionale Superiore dei Studi Avanzati, en Italia.

Unha evolución converxente

De feito, os científicos italianos pensan que poderiamos estar antes un exemplo de evolución converxente: cando se desenvolven trazos similares, pero de maneira independente, entre especies non relacionadas, e proporcionan a mesma adaptación, que neste caso é unha capacidade cognitiva superior. Polo tanto, os investigadores seguen atopando trucos evolutivos e respostas neurolóxicas que fan que os polbos destaquen entre os invertebrados, e que os fan máis parecidos aos mamíferos en canto á estrutura e a actividade do cerebro.

“O cerebro do polbo é funcionalmente análogo en moitas das súas características ao dos mamíferos”, afirma o biólogo Graziano Fiorito, da Stazione Zoologica Anton Dohrn. “Por esta razón, ademais, o elemento LINE identificado representa un candidato moi interesante a estudar para mellorar o noso coñecemento sobre a evolución da intelixencia”, conclúe o experto.


Referencia: Identification of LINE retrotransposons and long non-coding RNAs expressed in the octopus brain (Publicado en BMC Biology)

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Así se desenvolve o medo no cerebro

Neurobiólogos da Universidade de California descubriron en ratos como a tensión e o abafo convértense en afeccións como o trastorno de estrés postraumático

A maioría dos mamíferos macho non son máis grandes que as femias

Tras comparar as masas corporais de ambos sexos en 429 especies constatouse que en máis da metade dos casos o tamaño é moi similar

Por que o cerebro dos vertebrados é tan complexo? A clave está en virus antigos

Uunha secuencia xenética derivada de primitivos retrovirus resulta esencial para producir mielina, a capa que protexe as fibras nerviosas

Galicia notifica 10 mortes ao día por consumo de tabaco

A investigadora da USC Julia Rey Brandariz constata na súa tese que a comunidade galega é a duodécima que máis falecementos rexistra por esta substancia