Nove persoas con parálise volven camiñar grazas á estimulación eléctrica da medula espiñal

Un estudo identifica as neuronas que permiten volver andar tras unha nova terapia que tamén inclúe fisioterapia intensa

Estimulación neuronas
Representación de neuronas estimuladas

Un recente estudo levado a cabo por expertos do grupo de investigación suízo NeuroRestore demostra que mediante a combinación da estimulación eléctrica da medula espiñal e a fisioterapia intensa pode reverterse a parálise daquelas persoas que non poden camiñar.

Para acadar estes resultados, os investigadores, a través do emprego de ratos, identificaron os grupos nerviosos exactos estimulados pola terapia. A investigación efectuouse en nove persoas voluntarias con lesións espiñais crónicas, que percibiron melloras ao contado, e incluso continuaron amosando progresos cinco meses despois.

As células nerviosas que posibilitan camiñar aos individuos atópanse na parte da medula espiñal que atravesa a parte baixa do lombo. Deste xeito, unha lesión nesta parte do sistema nervioso pode interromper a cadea de sinais do cerebro, impedindo a mobilidade incluso cando estas neuronas lumbares específicas aínda están intactas. Neste sentido, incapaces de recibir ordes, as neuronas deixan de ser funcionais, o que pode conducir a unha parálise permanente das pernas.

Desenvolvemento da investigación

Investigacións anteriores demostraron que a estimulación eléctrica da medula espiñal pode reverter a parálise, pero nunca se constatou, de forma moi clara, este proceso. Por esta razón, a neurocientífica, Claudia Kathe, do Instituto Federal Suízo de Tecnoloxía de Lausana (EPFL), xunto coa axuda dos seus compañeiros, probaron unha tecnoloxía, coñecida como estimulación eléctrica epidural, en nove individuos. Así, estimularon a medula espiñal mediante un neurotransmisor implantado cirurxicamente.

Entre tanto, os pacientes tamén se someteron a un proceso de neurorehabilitación intensiva que implicou un sistema de apoio robótico que os axudaba mentres se movían en múltiples direccións. Os pacientes pasaron por cinco meses de estimulación e rehabilitación, de catro a cinco veces por semana. Asombrosamente, todos os voluntarios conseguiron dar pasos coa axuda dun andador. Para sorpresa dos investigadores, os pacientes recuperados en realidade amosaron unha redución na actividade neuronal na medula espiñal lumbar ao camiñar. O equipo sostén que a razón radica en que a actividade se precisa a un subconxunto específico de neuronas que son esenciais para camiñar.

Deste xeito, Claudia Kathe e o seu equipo, adaptaron o proceso en ratos e empregaron unha combinación de secuenciación de ARN e transcriptómica espacial, unha técnica que permite aos científicos medir e mapear a actividade xénica en tecidos específicos, para comprender que células estaban facendo que. Así, identificaron unha soa poboación de neuronas, previamente descoñecidas, que poden intensificarse para facerse cargo despois dunha lesión, que se atopan dentro das láminas intermedias da medula espiñal lumbar.

Neste sentido, Juan de los Reyes Aguilar, investigador do Grupo de Neurofisioloxía Experimental e Circuitos Neuronais, sinalou que os autores “son cautos porque, coñecendo a complexidade de tipos celulares da medula espiñal consideran que este é so un dos tipos que está implicado no proceso, e podería haber outros grupos de neuronas implicados en diferentes aspectos da recuperación”, segundo declaracións recollidas en Science Media Centre España.

Este tecido, composto por unhas células denominadas neuronas SCVsx2::Hoxa10, non é preciso para camiñar en animais sans, pero si esencial para recuperarse despois dunha lesión na columna, xa que destruílas imposibilitaría que os ratos se recuperasen. En relación a isto, Reyes Aguilar aclarou que os investigadores “recoñecen que o traballo se realizou en animais, e é posible que existan diferentes tipos celulares entre diferentes especies. Por isto, haberá que confirmar máis adiante (en tecido postmorten en humanos) que estas células están modificadas por efecto da terapia epidural”. 

Con todo, o emprego destas neuronas depende da actividade, pois están nunha “posición única” para transformar a información do tronco encefálico en mandatos executivos. Posteriormente, as ordes transmítense ás neuronas responsables de camiñar, explican a neurocientífica e os seus compañeiros no artigo.

Con todo, e aínda que “o estudo ten alta calidade científica e demostra os efectos positivos que a terapia de electroestimulación epidural ten en pacentes con lesión medular”, segundo salienta o investigador Reyes Aguilar, trátase dun compoñente dunha cadea moi complicada de mensaxería e recepción de celdas, polo que aínda queda moito por investigar. Non obstante, “os experimentos confirmaron que a participación das neuronas SCVsx2::Hoxa10 é un requisito fundamental para a recuperación da marcha despois da parálise”, conclúen os responsables do estudo. Co tempo, esta nova comprensión podería xerar máis opcións de tratamento e brindar unha mellor calidade de vida ás personas con todo tipo de lesións da medula espiñal.


Referencia: The neurons that restore walking after paralysis (Publicado en Nature)

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.

Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.