Descubertas as células responsables das recaídas no cancro de colon

A investigación en ratos demostra que a inmunoterapia temperá, anterior á cirurxía, permite eliminalas antes do inicio da metástase

Organoide de cancro colorrectal con células residuais responsables da recaída marcadas en vermello. Crédito: IRB Barcelona
Organoide de cancro colorrectal con células residuais responsables da recaída marcadas en vermello. Crédito: IRB Barcelona

Con preto de dous millóns de novos casos cada ano, o cancro colorrectal é o terceiro máis común no mundo. A maioría dos pacientes son diagnosticados cando o tumor aínda está localizado no colon ou no recto. Estes tumores extírpanse mediante cirurxía, e en moitos casos, trátanse con quimioterapia coa intención de evitar as recaídas na enfermidade.

Aínda así, nunha porcentaxe de pacientes comprendida entre un 20% e un 35%, o cancro reaparece noutros órganos vitais en forma de metástase. Esta orixínase por células tumorales residuais que permanecen ocultas no momento da cirurxía, principalmente no fígado ou o pulmón. As metástases son a principal causa de morte de case todos os tipos de cancro, incluído o de colon.

Identificáronse as células tumorales residuais responsables da reaparición do cancro noutros órganos

A maior parte da investigación en cancro colorrectal centrouse en entender a enfermidade primaria. Nos últimos anos tamén houbo avances importantes na caracterización da enfermidade metastásica unha vez se manifesta, pero non se puido abordar a investigación desta pequena poboación de células tumorais, que se atopa diseminada e que é invisible ás técnicas diagnósticas utilizadas na clínica.

Este descoñecemento traduciuse nunha falta de terapias efectivas para eliminar a enfermidade residual e evitar a recorrencia metastásica que ten un mal prognóstico.

Neste contexto, científicos do IRB Barcelona, liderados por Eduard Batlle, investigador ICREA e xefe de grupo no CIBER de Cancro (CIBERONC), identificaron por primeira vez células tumorais residuais ocultas no fígado e pulmón, e caracterizaron como evolucionan ata dar lugar á aparición de metástase nestes órganos. O estudo publícase en Nature.

Eduard Batlle, investigador ICREA e xefe de grupo no CIBER de Cancro (CIBERONC), liderou o estudo. / IRB Barcelona

“Entender e evitar o fenómeno das recaídas despois da cirurxía é unha necesidade médica non resolta. Despois de moitos anos investigando o cancro de colon, demos un primeiro paso para previr as metástases en pacientes que debutan cunha enfermidade localizada”, explica Batlle, xefe do laboratorio de Cancro Colorrectal no IRB Barcelona.

Modelo animal para estudar recaídas no cancro de colon

Os científicos xeraron un novo modelo experimental en rato que recrea o proceso que seguen os pacientes que sofren recaídas, e que tipicamente pasa polas etapas de diagnóstico, cirurxía curativa, e posterior recaída. En paralelo, desenvolveron unha metodoloxía que permite illar unha fracción minúscula de células tumorais diseminadas ocultas no organismo.

“O noso modelo, moi similar ao progreso da enfermidade en pacientes, permitiunos caracterizar o tumor primario e a dinámica da enfermidade residual. Estudamos desde micrometástases de tres ou catro células, a metástases de tamaño medio, ou mesmo máis grandes, caracterizando como evoluciona cada unha delas durante a progresión da enfermidade”, comenta Adrià Cañellas-Socias, investigador do mesmo laboratorio e primeiro autor do estudo.

Caracterizar as ‘células de alta probabilidade de recaída’

Desde hai anos, os científicos saben que o cancro de colon está composto por distintos tipos de células tumorais, que exercen funcións diferentes durante a progresión da enfermidade. Dentro da amálgama de tipos celulares que forma os cancros de colon, os autores identificaron unha poboación, á que chamaron HRC polas súas siglas en inglés (High Relapse Cells ou células de alta probabilidade de recaída).

Estas células presentan pouca actividade proliferativa e non contribúen ao crecemento do tumor primario. Con todo, grupos de HRC son capaces de desprenderse do cancro no colon, migrar ata alcanzar o torrente sanguíneo, chegar ao fígado e permanecer ocultas durante un tempo tras a cirurxía. En mostras procedentes de pacientes con cancro de colon os investigadores puideron constatar a presenza destas mesmas células nos pacientes que teñen un maior risco de recorrencia da enfermidade despois do tratamento.

Extravasación de célula tumoral de cancro colorrectal residual nunha vea porta hepática. / IRB Barcelona

Os investigadores ademais confirmaron que, eliminar estas células mediante técnicas xenéticas é suficiente para previr a formación de metástase; é dicir, os ratos que desenvolven cancro de colon mantéñense libres de enfermidade tras a cirurxía do tumor primario, sen sufrir posteriores recaídas.

O equipo tamén desenvolveu unha estratexia terapéutica para erradicar especificamente a enfermidade residual e previr a recorrencia. Así demostraron que as metástases incipientes, cando aínda non son visibles, poden eliminarse mediante un tratamento con inmunoterapia, previo á cirurxía.

“O noso descubrimento abre vías de desenvolvemento de novas terapias”

EDUARD BATLLE, investigador do IRB Barcelona)

“O noso descubrimento revela por primeira vez como se comporta o grupo de células tumorais responsable das recaídas, e tamén os xenes que as definen; ademais, representa unha proba de concepto que abre vías de desenvolvemento de novas terapias, dirixidas especificamente a eliminar a enfermidade residual, así como de novas ferramentas diagnósticas para identificar aqueles pacientes con maior risco de recaída”, apunta Batlle.

“Por último –conclúe–, o noso estudo suxire unha revisión das pautas clínicas no tratamento deste tipo de cancro porque, en moitos casos, sería recomendable aplicar a inmunoterapia antes da cirurxía”.

Estes descubrimentos abren a posibilidade de desenvolver novas liñas de investigación. O laboratorio de Batlle céntrase agora en estudar en que momento as HRC que alcanzaron o fígado se “activan” para volver xerar un tumor, coa intención de interferir neste proceso e evitar a formación de metástase. Tamén investigan para entender que factores inflúen na aparición destas células e por que o número destas células varía entre un paciente e outro.


Referencia: Metastatic recurrence in colorectal cancer arises from residual EMP1+ cells (Publicado en Nature)

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.

Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.