Un estudo da UVigo demostra que o medo á morte é maior nas mozas que nos mozos

Na investigación participaron máis de 500 alumnos de diferentes institutos e universidades galegas

As imaxes que, con maior ou menor nitidez, as persoas son quen de xerar nas súas mentes inflúen en aspectos como as respostas afectivas ou o estado de ánimo. Pese a iso, apenas existen estudos que poñan en relación a viveza ou o grao de control desas imaxes mentais coa ansiedade ante a morte, como explica a investigadora Esther López, que centrou a súa tese de doutoramento nesta pouco investigada relación. Concretamente, López Pérez analizou a influencia da viveza de imaxe da morte e actitude ante a morte cun grupo de 280 alumnos da ESO e 250 estudantes universitarios, o que lle permitiu constatar que, se ben a diferencia de idade non influía na imaxe da morte, si o facía o sexo, posto que as alumnas mostraron un maior medo e evitación desta, mentres que os alumnos mostraban unha menor ansiedade ante a morte, da que teñen unha imaxe moito máis positiva.

Dirixida polo catedrático da Universidade de Santiago de Compostela Alfredo Campos e codirixida pola catedrática da UVigo Margarita Pino, a tese Viveza de imagen, actitud ante la muerte y ansiedad ante la muerte en personas de diferentes edades constitúe o primeiro estudo no que se a ansiedade ante a morte se vincula coa a capacidade de control desas imaxes mentais e a súa “viveza”. Esta última pode definirse como a calidade das imaxes mentais que unha persoa pode ou non formar ante estímulos verbais indutores, de tal xeito que será maior canto máis se pareza a unha percepción real, o que fai que aqueles capaces de formar imaxes máis vivas verán a morte máis claramente e terán máis ansiedade, como explica López, que levou a cabo a súa tese no Grupo de Investigación en Educación, Actividade Física e Saúde (Gies), da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte. 

Publicidade

Deseño dun instrumento de avaliación

Integrada por tres estudos previamente recollidos nas revistas científicas North American Journal of PsychologyDeath Studies e Revista de Estudios e Investigación en Psicología y Educación, e realizada no doutoramento en Educación, Deporte e Saúde, a tese de Esther López abordou tamén o desenvolvemento dun instrumento específico de avaliación, a Image of Death Scale. Trátase, explica, dunha escala na que se pregunta aos participantes se a súa imaxe da morte sería “positiva” e relacionada co “descanso” ou a “ausencia de dor“, ou “negativa” e ligada “á perda da vida” ou “a apartarse dos familiares”. 

Para a levar a cabo estes tres estudos realizaron unha serie de tests a 280 estudantes da ESO e 250 alumnos universitarios do campus de Ourense

“Actualmente, non existen estudos que analizaran se as imaxes mentais inflúen na ansiedade ante a morte, pero sabemos que inflúen en moitas variables que están relacionadas coa ansiedade, como, por exemplo, nas respostas afectivas, no estado de ánimo, na ansiedade xeral, dor crónica, depresión, ansiedade social, pensamentos suicidas, trastornos de memoria…”, salienta a autora desta tese, que tiña como punto de partida a idea de que estas imaxes mentais ían ter “unha forte influencia na ansiedade e no temor ante a morte”. Para levar a cabo estes tres estudos, López Pérez realizou unha serie de tests, como a propia escala elaborada para esta investigación, a 280 estudantes de 3º e 4º da ESO e a 250 alumnos e alumnas de terceiro e cuarto curso de diferentes titulacións do campus de Ourense. 

Publicidade

Control das imaxes mentais

A través desta mostra, a investigadora buscaba coñecer a influencia da idade nestas variables xa que, sinala, “as persoas máis novas, curiosamente, teñen máis ansiedade ante a morte”. Non obstante, a comparación dos resultados acadados por ambos grupos amosou que a idade non inflúe significativamente na ansiedade ante a morte. Por outra banda, no caso do alumnado de secundaria, detectouse unha diferencia significativa entre aqueles que tiñan unha alta capacidade de control de imaxe e os que a tiñan baixa, no referido á actitude ante este fenómeno, de tal xeito que os primeiros mostran menos medo e unha menor evitación da morte. Por contra, estas diferencias non se detectaron entre o estudantado universitario, no que ese control das imaxes, explica, non inflúe na súa actitude ante esta realidade. 

Unha imaxe máis ou menos negativa determinaba a actitude fronte á morte dos alumnos universitarios

No referido aos universitarios, o resultado máis importante deste estudo foi que o control da imaxe si influía na redución da ansiedade ante a morte, á vez que ter unha imaxe máis ou menos negativa determinaba tamén a súa actitude fronte a este tema. No caso do alumnado da ESO, tamén esa imaxe da morte é a variable que máis inflúe tanto na súa ansiedade como nas súas actitudes fronte este tema. En ambos casos, explica a investigadora, unha imaxe máis positiva implicaba tamén un menor medio e evitación deste tema.  

No referido a esa imaxe da morte, a investigación constatou á súa vez diferencias en función do sexo, de tal xeito que os homes participantes no estudo destacaron por ter unha imaxe moito máis positiva que as mulleres, que referiron unha maior medo á morte e unha maior evitación, en comparación con eles. Do mesmo xeito, tamén se detectaron diferencias entre mozos e mozas, explica a investigadora tanto no referido á actitude como na ansiedade ante a morte.


Podes ler a noticia do DUVI na seguinte ligazón.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Identificados novos factores xenéticos da fatiga persistente tras a radioterapia por cancro de próstata

Un estudo publicado en 'Nature Communications' e con participación galega descobre unha variante no xene ACTR3 asociada a un risco tres veces maior de desenvolver a sintomatoloxía despois do tratamento

GCiencia lanza a décima edición dos premios Galicia Spin-Off

Os galardóns recoñerán un ano máis a empresas innovadoras xurdidas das universidades e a un grupo de investigación

A contaminación atmosférica podería estar detrás do aumento das crises de xaqueca

Un estudo internacional sinala que o número de visitas ao hospital de persoas con síntomas aumenta durante os días nos que hai maiores niveis de polución
01:04:45

EN DIRECTO | Ciencia en feminino. Obstáculos da carreira investigadora

A enxeñeira Soledad Torres, a bióloga Iria Gómez Touriño e a enfermeira Ainara Díaz Geada participan na última sesión do ciclo de GCiencia e da Deputación de Pontevedra