Luns 14 Outubro 2024

Máis do 70% dos cosméticos de longa duración non cumpren a lexislación

"Os resultados amosaron que a maioría non ten a composición esperada, polo que son produtos fraudulentos", di a investigadora Laura Rubio

A ampla gama de ingredientes nas formulacións cosméticas dispoñibles actualmente no mercado, así como a potencial presenza de impurezas procedentes das materias primas ou do proceso de fabricación, poden implicar riscos para a saúde dos consumidores. Coa vontade de garantir a calidade e a seguridade dos cosméticos, a investigadora da Universidade de Santiago (USC) Laura Rubio Lareu desenvolveu novas metodoloxías analíticas coas que logrou evidenciar como a maioría dos cosméticos con características extremas —maquillaxe de longa duración, resistente á auga, ou de elevada permanencia, entre outros— non cumpren cos requirimentos da lexislación vixente.

“Os resultados amosaron que a maioría non ten a composición esperada, polo que son produtos fraudulentos, carecen de etiqueta e ademais presentan metais pesados, incumprindo tamén a regulación vixente de cosméticos”, apunta a investigadora. “Todo isto súmase á súa fácil dispoñibilidade no mercado en liña e á posibilidade de que nenos e nenas poidan verse involucrados”, engade a autora desta investigación desenvolvida no Laboratorio de Investigación e Desenvolvemento de Solucións Analíticas (LIDSA) da Facultade de Química da USC.

Publicidade

“A maioría dos produtos non teñen a composición esperada e presentan metais pesados”

LAURA RUBIO LAREU, investigadora da USC

Os traballos incluídos nesta tese de doutoramento abarcaron a determinación de familias de compostos moi utilizados en cosmética —un total de ata 70 ingredientes, incluíndo plastificantes, conservantes e fragrancias— así como a caracterización doutros cosméticos con características extremas e coñecidos pola súa maior permanencia. Respecto a estes últimos, máis do 70% non cumpren coa regulación de cosméticos e máis do 30% tampouco contan cunha etiquetaxe correcta, aclara a investigadora. Tamén se consideraron produtos con características fronteirizas como as tatuaxes e tinturas capilares temporais de orixe vexetal, englobando aquelas a base de henna e jagua. Os resultados amosaron que a maioría non conteñen os ingredientes activos esperados.

De acordo ás novas demandas de produtos máis sustentables de cosmética natural, tamén se analizaron aceites esenciais comerciais e extractos naturais diversos con aplicacións como ingredientes naturais en cosméticos. “A pesar de que conteñen compoñentes bioactivos potencialmente beneficiosos para a saúde e tamén concretamente para a pel, a adición destes pode incorporar outras substancias aromáticas que se consideran alérxenos de contacto para os seres humanos”, relata a investigadora. De aí que sexa preciso identificar e avaliar a súa presenza en produtos cosméticos que os inclúan na súa formulación.

Publicidade

Análise e control dos ingredientes

“As metodoloxías desenvolvidas ao longo da tese implicaron técnicas de preparación de mostra que fosen, na medida do posible, sinxelas, rápidas, de baixo custo, miniaturizadas e amigables co medio ambiente”, explica a investigadora. De maneira xeral, a determinación instrumental foi levada a cabo empregando cromatografía —tanto de gases como de líquidos— acoplada a espectrometría de masas de baixa e alta resolución. Ademais, diferentes enfoques metodolóxicos que implicaron o uso doutros detectores cromatográficos, e outras técnicas espectrométricas e espectrofotométricas, foron tamén aplicados. Demostrouse así a capacidade destas metodoloxías tanto para a análise e control dos ingredientes obxectivo como para a caracterización en profundidade dos produtos cosméticos considerados.

“Nos últimos anos, a preocupación pola imaxe desencadea unha demanda que medra vigorosamente e un elevado consumo diario de produtos cosméticos e de coidado persoal”, explica Laura Rubio. “Isto supón un alto grao de exposición a multitude de compoñentes, polo que existe un crecente interese social polo control da calidade e seguridade destes produtos”, engade.

Cualificación

A investigación doutoral, dirixida polas profesoras Carmen García Jares e Marta Lores, viuse reflectida en varias publicacións en revistas internacionais de impacto no ámbito da Química Analítica (Analytical and Bioanalytical Chemistry ou RSC Advances) así como noutras relacionadas co sector cosmético (Cosmetics) e presentados en diversos congresos de ámbito estatal e internacional. O tribunal encargado de avaliar o traballo acordou por unanimidade concederlle a cualificación de sobresaínte cum laude.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Jaime Martín, o científico vasco que investiga en Galicia as células solares orgánicas

O investigador da UDC estuda a maneira de evitar a degradación dos materiais para poder utilizalos en ventás que xeren corrente eléctrica

Un proxecto liderado pola USC alimentará vehículos espaciais con enerxía láser

Un equipo do CiTIUS recibe 4,7 millóns de euros de Europa para unha tecnoloxía que tamén terá aplicacións na agricultura e na industria

Unha exposición honra ao primeiro científico galego internacional

A mostra, que recolle a vida e traxectoria do Científico galego deste 2024, poderá visitarse na igrexa da Universidade de Santiago ata o 12 de novembro

Foz, Cacheira ou Estebiño: estes son os apelidos en perigo de extinción en Galicia

O proxecto da USC coordinado por Ana Boullón e Xulio Sousa establece cales son os sobrenomes con orixe galega con menos ocorrencias