Co seu rechamante colorido e cunhas aletas e colas particulares, o peixe loitador siamés, peixe betta ou Betta splendens é un habitual dos acuarios das casas. Unha sinxela busca en Google permite atopar casos de persoas preocupadas pola conduta agresiva dos seus exemplares: se o seu betta femia ataca o macho ou á inversa ou, en xeral, se ataca aos demais peixes. Este comportamento non é casual e as súas orixes e particularidades van máis alá de decorar as casas: serven para afondar na agresividade en humanos.
Neste área está a traballar a galega Paula Rodríguez Villamayor, investigadora posdoutoral Fulbright na Universidade de Columbia, quen participou recentemente no IYIMeeting 2024, organizado polas universidades da Coruña e Vigo. Neste encontro de investigadores novos no estranxeiro, Villamayor encargouse de pechar as sesións de charlas co relatorio Que nos ensinan os peixes betta sobre a agresión e o cerebro?
Cara a unha nova especie modelo
“Non hai moitos grupos de investigación a nivel mundial que traballen con peixes betta”, explica Villamayor. “É unha especie emerxente, ou sexa, estamos tentando establecela como modelo de investigación”. A razón é, precisamente, a súa agresividade. “Estas peixes son moi agresivos por natureza. É unha maneira de traballar con condutas robustas, escapando dos modelos típicos como os ratos ou o peixe cebra”, indica.
Este é un traballo pioneiro, no que se están a desenvolver técnicas novas e ferramentas para a marcaxe de actividade en vivo desta especie. Tamén é un dos retos que atraeron a Villamayor cando buscou en que centrar o seu posdoutoramento: “Quería traballar cunha especie que supuxera un reto, que non fose tradicional”.
A agresividade nos peixes betta
Máis aló de tentar conformar unha nova especie modelo, o estudo do peixe betta permite extraer conclusións clave que se poden (ou, co tempo, poderán) extrapolar aos seres humanos. Cando se fala de animais, explica Villamayor, “a agresión é unha conduta fundamental a nivel social para a evolución da especie”. Coñecer como funcionan as bases neurolóxicas da agresión pode resultar esencial para descubrir como se pode frear cando este tipo de condutas se converten nun problema, tal e como expuxo na súa charla. Isto pasa, por exemplo, cando a agresividade cursa con enfermidades neurolóxicas, como son a esquizofrenia, o autismo e determinados tipos de depresión.
A persistencia da agresión
Ata a data, as investigacións do equipo no que traballa en Columbia permitiron chegar a distintos achados. Entre eles, hai unha rexión do cerebro destes peixes que está implicada na persistencia da agresión. “É dicir, cando eliminas ou quitas esa parte dos cerebros dos peixes con cirurxías in vivo, despois vese que empezan ese patrón condutual agresivo, pero esa agresión en cuestión de segundos decae”, apunta. Esta rexión do cerebro, análoga á amígdala dos mamíferos, está por tanto implicada na persistencia da agresión. “Agora estamos traballando en ver os mecanismos moleculares e xenéticos que hai detrás disto. Vimos que hai uns xenes implicados, unha comunicación sináptica moi interesante”, detalla.
Outro dos descubrimentos do grupo sinala patróns de coordinación entre os peixes, o denominado turn-taking, como o que ocorre entre humanos cando falan: un agarda a que termine o outro e, por sinais como a redución do ton, sabe que vai parar. No caso dos peixes betta, descubriuse que se coordinan para discutir un co outro: cando un está discutindo o outro espera a que pare. ”A principal manifestación desta conduta agresiva é un comportamento que se chama flaring behaviour, que os opérculos que están a ambos lados da cara os desprazan cara a adiante, e ese é a principal marcaxe da súa conduta agresiva”, sostén.
Factores que inflúen na agresividade
Pero os patróns de conducta non son iguais entre todos os tipos de peixe betta. Para comezar, atópanse diferencias entre sexos. “A maior parte das conductas de agresión presentan diferencias entre sexos, entre machos e femias. Teñen máis incidencia en homes que en mulleres. Iso está descrito”, explica Villamayor. Pasa tamén nos peixes betta, nos que “hai tamén unha diferenza entre sexos considerable. Os machos son moito máis agresivos que as femias en xeral”.
Non é o único cambio que se ve: hai factores externos que contribuíron a que uns tipos de betta evolucionasen cara a unha maior agresividade. En Tailandia, un dos países de onde son nativos estes peixes, a tradición das pelexas entre bettas, nas que as persoas apostan por un ou outro exemplar, remóntase canda menos ao século XVIII. Isto contribuíu a que, de forma case natural, se producise un proceso de selección. “Soamente os peixes que resistían, os máis agresivos, mantíñanse ao longo da evolución. Agora temos unha variante de peixe que é más agresivo; e logo temos o peixe salvaxe, que é menos agresivo”, engade.
Comparacións entre peixes
“O interesante destas diferencias é que nos permiten facer comparacións entre os diferentes tipos de peixes”, explica. Ademais destes dous tipos, hai outros. “Temos algúns mutantes. Estamos traballando con liñas de CRISPR e demais para comprobar certos xenes. Tamén temos algúns ornamentais, os que a xente ten nos acuarios nas súas casas”, apunta. Esta variedade permite facer comparacións a través das que lograron conclusións como a existencia de xenes concretos que semellan estar implicados directamente na agresión.
Outro dos factores que entran en xogo no estudo da agresividade en peixes betta é o seu vínculo coa reprodución. Nesta especie, son os machos os que fan unha especie de niño na superficie da auga con burbullas, e cando se aparean, recollen os ovos e póñenos aí, sen permitir que ninguén se achegue. “Outra das cousas coas que estamos traballando é ver os diferentes tipos de condutas agresivas: a conduta de macho-macho e a conduta de macho con conduta paterna. E logo a transición: os machos ao principio son moi agresivos coa femia, pero de aí a un tempo, hai un cambio que transforma unha conduta agresiva nunha conduta reprodutiva”, sostén.
Vínculos cos seres humanos
Aínda que de momento a investigación céntrase nos peixes betta, “a idea do traballo é intentar trasladalo á especie humana nalgún momento”, desenvolve Villamayor. Máis aló de se na especie humana a agresividade ten unha función como noutras especies, as posibilidades desta liña apuntan a poder freala cando sexa un problema. “É igual que cos teus sentimentos ou emocións. Non podes evitar estar triste, pero si tes que evitar unha depresión“, indica.
Trátase, pois, de saber como funciona para poder controlala. “A idea é saber que hai detrás, que xera a agresión, porque non se sabe. Sábese que é unha conduta asociada a moitas enfermidades, pero non como ocorre”, indica. Aínda que queda moito traballo polo medio, as posibilidades son interesantes. “Son animais que non teñen enfermidades neurolóxicas; é a conduta, simplemente, que é moito máis agresiva. Ao mellor, no futuro, pódense desenvolver modelos de animais que cursen con algún tipo de enfermidade neurolóxica, máis, sumada a agresión, e a partir de aí desentrañar o que implica”, conclúe.