Xerais abre a porta á divulgación científica en galego

4.400 títulos e millóns de exemplares despois, tal e como destacou Manuel Bragado, director da editorial, Xerais dá o paso para achegar ao gran público unha colección baseada na divulgación científica. Este martes presentouse na libraría Couceiro de Compostela Xerais Básicos Ciencia, que nace con intención de estenderse durante moito tempo, co obxectivo de fortalecer o galego como lingua de ciencia.

Os presentes coincidiron en sinalar que o nacemento  deste proxecto supón abrir unha nova porta para a lingua e para a ciencia en Galicia. “É un día de moita ledicia”, sinalou Bragado, engadindo que esta colección nace cunha “clara intención normalizadora”. Estivo acompañado polo director da colección, Miguel Vázquez Freire, e polos tres autores que inauguran esta nova nova andaina: Xurxo Mariño, Daniel Soutullo e Antom Labranha. Miguel Vázquez apuntou que o obxectivo de Xerais Básicos Ciencia é procurar que o público “desexe ler” divulgación científica.

Publicidade

Os tres primeiros libros (aos que sucederan dous ou tres títulos cada ano, segundo adiantou o director de Xerais) xa están á venda nas librarías. O primeiro autor en falar durante a presentación foi Daniel Soutullo, autor de Historia do ADN, un percorrido polos avances científicos que foron descubrindo a natureza desta estrutura, desde os avances de Watson e Crick ata o desenvolvemento do sistema CRISPR. Soutullo, profesor de Bioloxía e Xeoloxía, sinalou que o obxectivo é “divulgar sen empobrecer”, para evitar o “coñecemento falso” e a “deformación da natureza” do ADN.

Tomou a palabra a continuación Antom Labranha, que publica O universo matemático. Labranha, profesor e Doutor en Matemáticas, explica na súa obra os fundamentos, a evolución e o papel que os contidos matemáticos teñen na ciencia e na cultura. A carreira de Aquiles e a tartaruga, o voo de Ícaro, un paseo por Monforte ou unha aposta nunha lancha de Marín poden servir, segundo o autor, para explicar algúns dos contidos que teñen que aprender os estudantes de Bacharelato. “Quero que os lectores observen desde un novo punto de vista eses contidos”, sinalou Labranha.

Publicidade

Pechou a rolda de presentacións Xurxo Mariño, autor de Terra, un libro que mestura literatura de viaxes, antropoloxía, historia e, por suposto, ciencia. A obra é froito dunha viaxe de Mariño (doutor en Ciencias Biolóxicas, experto en Neurofisioloxía e coñecido divulgador) por todo o mundo. O autor remarcou que no mundo actual, “é preciso ter coñecementos científicos para poder ser cidadáns, para saber separar o que é ciencia do que non o é”. Por iso é importante, como explicou Mariño, a necesidade de comunicar a ciencia para combater o descoñecemento.

A colección sairá á venda cunha primeira tirada de arredor de entre 600 e 1.500 exemplares, que tamén se repartirán por bibliotecas públicas e de centros  de ensino.

 

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

A G-Night superará as 200 actividades na súa quinta edición

Vigo, Ourense e Pontevedra sumarán máis de 40 eventos que achegan a ciencia á cidadanía e espertar vocacións científicas, especialmente entre a mocidade

Kip Thorne, premio Nobel: “É probable que descubramos a orixe do universo en 30 ou 40 anos”

O físico albisca un futuro próximo no que as ondas gravitacionais desvelen a orixe do cosmos e defende a universidade fronte á "estupidez" de Trump

Intelixencia artificial para detectar TDAH nas aulas e outros proxectos de Galiciencia 2024

A feira científica reúne un centenar de traballos de alumnado de Secundaria, Bacharelato, FP e Primaria de toda a comunidade

Cinco libros para agasallar ciencia este Nadal

Unha listaxe con opcións para adultos e nenos que mostra o mundo científico e a súa historia en lingua galega