Un libro que bota luz sobre aspectos ata agora ocultos da figura de Rof Codina (1874‐1967), esencial para a veterinaria española do século XX, resultou gañador da segunda edición do Premio Jesús García Calvo que convocan o Instituto Universitario de Estudos e Desenvolvemento de Galicia (Idega) da Universidade de Santiago e a Fundación Feiraco para recoñecer investigacións que contribúan ao coñecemento e ao desenvolvemento do medio rural e o cooperativismo en Galicia.
As virtudes de Juan Rof Codina. Renovación na veterinaria e gandería galega contemporánea, publicado en 2015 por Diego Conde Gómez en Xerais, pasan, segundo o xurado, pola singular combinación da metodoloxía histórica– o autor é colaborador do grupo de investigación Histagra– e a formación como veterinario do autor. Así mesmo, saliéntase a relevancia do estudo para comprender o pulo modernizador que a agricultura e o medio rural de Galicia experimentaron no primeiro terzo do século XX.
No libro Diego Conde Gómez fai un percorrido sobre as transformacións que durante ese período se levaron a cabo na gandaría e veterinaria galega da man do que foi un dos seus principais promotores, Juan Rof Codina, que co seu labor pedagóxico soubo canalizar as inquedanzas de renovación que agromaban no ámbito agropecuario e reivindicar o papel protagonista que a profesión veterinaria demandaba para a súa dignificación, xogando un papel protagonista no artellamento do corporativismo profesional galego.
O premio está dedicado a investigacións sobre o medio rural e o cooperativismo galego
O xurado tamén destacou, asimesmo, o traballo Action research for tourism planning in rural areas? Examining an experience from the Couto Mixto (Galicia, Spain), presentado por Valerià Paul Carril, Juan Manuel Trillo Santamaría e Paula Pérez Costas.
Na modalidade de tese de doutoramento o xurado premiou o estudo Análisis y tipificación de explotaciones de bovino de carne en Galicia mediante un método de control basado en lógica difusa, de Álvaro García Corral, pola orixinalidade da aplicación da lóxica difusa á caracterización dun sector de actividade agro-gandeiro, pero tamén a utilización dunha fonte de datos de carácter administrativo ata o momento de escaso uso en investigacións.
Este estudo centrouse na creación dunha aplicación informática que simula o razoamento dun experto, baseándose na lóxica difusa e os conxuntos borrosos, que pode ser utilizada como ferramenta de apoio na toma de decisións. A información sectorial utilizada obtívose de explotacións acollidas aos Contratos de Explotacións Sustentables e agregada en diferentes indicadores que foron sometidos a unha análise exploratoria.
Na modalidade de tese, o xurado premiou un sistema de tipificación de explotacións gandeiras
De aí fíxose unha tipificación das explotacións en tres grupos: o primeiro agrupa unha cuarta parte das unidades produtivas, que corresponde ás menos competitivas, caracterizadas por un grao de profesionalización moi baixo, unha baixa rendibilidade e dependencia de apoio público; o segundo, composto por un terzo delas, apenas alcanza viabilidade económica; e o terceiro, que concentra o 43 %, está formado por explotacións que poden competir por consumos intermedios con outras unidades produtivas, soportar o custo laboral dun traballador a tempo completo e ser a actividade principal na renda familiar.
Xa na modalidade de traballos de fin de grado ou mestrado conseguiu o premio o asinado por Diego Fernando Avendaño Cantor titulado Programas agroambientales e impacto territorial en la provincia de Lugo-Galicia, que ofrece unha avaliación dos programas agroambientais usando información orixinal procedente das explotacións sometidas a un Contrato de Explotación Sustentable. Aínda que o seu ámbito é limitado, o método permitiría a súa extensión ao conxunto de Galicia.
Nesta modalidade, o xurado destacou os méritos do traballo finalista Formas de resistencia ao franquismo: o caso do estraperlo en Tomiño, presentado por Natalia Jorge Pereira.