Venres 6 Decembro 2024

Tomás Batuecas, Científico Galego do Ano 2019

A Real Academia Galega de Ciencias homenaxea ao primeiro catedrático de Química Física da USC no 150º aniversario da táboa periódica

Tomás Batuecas Marugán (Aldeanueva del Camino, Cáceres, 1893-Santiago de Compostela, 1972) é o homenaxeado pola Real Academia Galega de Ciencias como Científico Galego do Ano 2019. Batuecas, primeiro catedrático de Química Física da Universidade de Santiago, xogou un papel determinante no método para determinar o peso atómico dos elementos químicos e logrou calibrar os do aluminio, o plomo, o potasio e o sodio, entre outros. É por isto que, co gallo da celebración do Ano Internacional da Táboa Periódica, a homenaxe ao científico foi aprobada unanimemente polos académicos da RAGC con base na traxectoria de Batuecas como referente internacional na determinación dos pesos atómicos dos elementos químicos.

Biografía de Tomás Batuecas

Tomás Batuecas, en 1921, durante a realización da súa tese de doutoramento en Xenebra. Fonte: RAGC.
Tomás Batuecas, en 1921, durante a realización da súa tese de doutoramento en Xenebra. Fonte: RAGC.

Tras licenciarse en ciencias químicas na Universidade de Salamanca en 1913, Batuecas orientou o seu doutoramento ao tema que había de protagonizar toda a súa traxectoria científica: a revisión do peso atómico do carbono. Do Laboratorio de Investigacións Físicas en Madrid, onde foi discípulo de Blas Cabrera, pasou á Universidade de Xenebra grazas a unha bolsa de dous anos outorgada pola Xunta para Ampliación de Estudos, institución antecesora do Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC). Alí coñeceu o destacado científico Enrique Moles, co que formou equipo durante moitos anos á súa volta a Madrid, xunto con outros recoñecidos investigadores como Julio Palacios.

Publicidade

En 1932 gañou por oposición a primeira cátedra de Química Física habilitada en España, que foi a de Santiago de Compostela. Isto supuxo a creación de novos laboratorios e liñas de investigación na universidade compostelá. Alí foi recibido como a figura de relevancia internacional que xa era. No discurso de inauguración do curso 32-33, o profesor Montequi dáballe a benvida como “un nome prestixiosísimo que se cotiza entre os máis destacados valores internacionais consagrados á medida de masas atómicas”. Ata a súa xubilación en 1963, Batuecas progresou alí nas súas investigacións neste campo e foi mestre de varias xeracións de discípulos que continuaron e ampliaron o prestixio da Escola de Química Física compostelá.

O estudo do peso atómico do carbono

Publicidade

O peso atómico dos elementos químicos que compoñen a táboa periódica é unha propiedade física moi relevante que permite estudar o comportamento dos distintos tipos de materia e establecer relacións entre eles. Un aspecto fundamental para o seu coñecemento e o deseño de aplicacións na química, a física, a bioloxía, a ciencia aeroespacial, a xeoloxía, a medicina e todo tipo de industrias.

O enfoque científico sobre o peso atómico dos elementos foi evolucionando ao longo do tempo. Aínda que nun principio se considerou unha medida estable, desde principios do século XX asumiuse que o peso atómico dun mesmo elemento podía variar en función da orixe da mostra. Por exemplo, hoxe sábese que o boro de Turquía ten un peso diferente que o de California. Ademais, durante moitos anos houbo grandes controversias sobre cal era o elemento cuxo peso debía usarse como valor de referencia idóneo para establecer os demais. Durante décadas, a discusión centrouse no osíxeno e o hidróxeno, así como no isótopo 16 do osíxeno.

Dirixía a Comisión Internacional de Pesos Atómicos cando se estableceu o isótopo 12 do carbono como unidade universal de referencia

E neste aspecto, Batuecas xogou un papel moi relevante. En 1961, sendo presidente da Comisión Internacional de Pesos Atómicos, quedou establecido que o isótopo 12 do carbono sería a unidade universal de referencia, convención que segue vixente na actualidade para os 118 elementos que forman parte da táboa polo de agora (os catro últimos foron incorporados en 2016). O importante papel do catedrático da USC nesta decisión da comunidade científica estaba directamente relacionado coa súa participación no grupo internacional de traballo dedicado a determinar da maneira máis precisa posible as masas atómicas dos elementos e o establecemento dunha escala única.

Ao longo da súa traxectoria, Batuecas publicou 139 traballos científicos, dos que arredor de 50 foron difundidos por revistas internacionais de primeiro nivel. Neles queda constancia dos esforzos do químico da USC por afinar todo o posible diversos métodos de determinación rigorosa de masas atómicas. Grazas a estes, el e o seu equipo conseguiron especificar as de varios elementos: o aluminio, o magnesio, o silicio, o sodio, o potasio, o arsénico e o plomo.

Con motivo da súa xubilación, a Real Sociedade Española de Física e Química dedicoulle en 1964 unha sesión extraordinaria e a véspera do seu falecemento, en outubro de 1972, a cidade de Santiago de Compostela nomeouno fillo adoptivo e concedeulle a súa medalla de prata.

Divulgación da figura de Batuecas

Aínda que o acto académico de homenaxe terá lugar o 8 de outubro, a RAGC iniciará de inmediato os contactos con todas as institucións científicas vinculadas ao investigador e ao seu campo de coñecemento para organizar nos vindeiros meses actividades de difusión e divulgación sobre a figura de Batuecas, no marco do Ano Internacional da Táboa Periódica dos Elementos Químicos (designado pola ONU).

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Jaime Martín, o científico vasco que investiga en Galicia as células solares orgánicas

O investigador da UDC estuda a maneira de evitar a degradación dos materiais para poder utilizalos en ventás que xeren corrente eléctrica

O Consello de Europa pide que se permita ensinar física, matemáticas, química ou tecnoloxía en galego

Segundo o informe, España estaría incumprindo algúns dos compromisos adquiridos coa Carta Europea en materia de protección das linguas minoritarias e cooficiais

Unha placa rende homenaxe a Manuel Colmeiro, Científico Galego do Ano 2023

Está situada no Parque das Ciencias, onde a Academia fixo honores anteriormente a outras personalidades da nosa comunidade

A RAGC homenaxea cunha placa a Manuel Colmeiro, Científico Galego do Ano 2023

O acto terá lugar o vindeiro luns no Parque das Ciencias ás 12:30 horas, ao que asistirá a alcaldesa da cidade, Goretti Sanmartín