TodoCosmos cumpre cinco anos divulgando a astronomía

O programa impulsado polo Observatorio Ramón María Aller achega o coñecemento do ceo a centos de persoas en vilas e cidades

O programa TodoCosmos, impulsado pola Universidade de Santiago de Compostela, acaba de rematar a súa quinta edición, na que levou de novo a astronomía a numerosos recunchos de Galicia. O proxecto está financiado pola Fundación Española para a Ciencia e a Tecnoloxía (FECYT), organismo dependente do Ministerio de Ciencia, Innovación e Universidades, e coordínao José Ángel Docobo, director do Observatorio Astronómico Ramón María Aller da USC. Como explica DocoboComo explica o director do Observatorio Astronómico Ramón María Aller da USC (OARMA), TodoCosmos “é unha consecuencia de décadas de divulgación astronómica (dende 1982) por parte do Observatorio universitario, sendo herdeiro directo do programa ‘Astronomía Itinerante’ dentro do cal, con mínimos recursos, se atendían solicitudes de colexios, institutos e actividades puntuais en varios concellos e institucións galegas”.

En 2014 xurdiu a proposta actual de TodoCosmos, co lema “A Astronomía ao alcance de todos“. O apoio da Fecyt desde aquel ano permitiu “unha mellor organización do programa, ofertándoo en principio a sete concellos: Ames, Lalín, Rianxo, Ribadeo, Santiago de Compostela, Sanxenxo, e Teo”, lembra o profesor Docobo. O docente engade tamén que o programa puido contar así varios colaboradores do OARMA para o seu desenvolvemento. A maiores destes concellos, cos que xa existía relación anterior, iniciáronse noutros un número destacado de actividades puntuais especialmente dirixidas a distintos colectivos específicos.

Publicidade

Como explica o director do observatorio Aller, “dado o éxito acadado, ao ano seguinte houbo que ampliar o programa a un total de doce concellos, cuxo número foi medrando ano a ano ata chegar á realización de actividades en medio centenar de municipios no último quinquenio”. Ademais, en 2015 TodoCosmos foi catalogado pola Fecyt como ‘Práctica Innovadora en Cultura Científica e posto como exemplo en convocatorias seguintes.

O éxito de TodoCosmos “débese a que leva a divulgación astronómica (presentacións, cursos, obradoiros e observacións astronómicas a simple vista e con telescopios) a todas partes e a toda a sociedade con preferencia aos colectivos mais desfavorecidos e con menos posibilidades de ter esta clase de oportunidades”, explica a modo de valoración do director do OARMA. Ademais, as actividades propostas adáptanse a todo tipo de situacións posible: aldeas, parroquias, concellos, cimas emblemáticas, lugares simbólicos, observatorios, paseos marítimos e fluviais, centros educativos de todos os niveis, asociacións, diferentes colectivos, centros penitenciarios ou centros de rehabilitación, entre moitos outros. A listaxe completa de todas as actividades desenvolvidas nos últimos cinco anos pódese consultar na web do programa así como na do propio OARMA.

Publicidade

Ademais, no pasado mes de marzo organizáronse en Lalín dúas exposicións conmemorativas tanto do 50º aniversario da chegada do home á Lúa como do 75º aniversario da creación do OARMA. Estas exposicións moveranse por Galicia nos vindeiros meses. Aparte da propia USC, dende o comezo, a empresa Óptica Val e o departamento de Educación do Concello de Santiago son co patrocinadores do programa. De cara á próxima edición, a Federación Galega de Municipios e Provincias xa ten confirmado o seu apoio.

O equipo que desenvolve TodoCosmos está integrado por Jorge Gómez Crespo, José Ramón González Romay, José Ángel Docobo Durántez (promotor e director), María Brea Mato e Pedro Pablo Campo Díaz.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

A investigadora do grupo GeoTech Patricia González gaña a Gargallada Científica da UVigo

O vindeiro xoves participará nunha gala final con Quico Cadaval e máis divulgadoras

Por que o inverno meteorolóxico empeza o 1 de decembro e o astronómico o 21?

A AEMET explica as razóns polas que as estacións definidas polo clima seguen un criterio fixo diferente ao marcado pola órbita terrestre

Descubertas novas pistas sobre a orixe de Theia, o hipotético planeta que formou a Lúa

Unha análise de isótopos de rocas lunares e terrestres revela que o obxecto celeste chocou contra a Terra e deu lugar ao noso satélite fai 4.500 millóns de anos

A UVigo promove o coidado do mar nas aulas de Vilaboa polo Día Mundial da Pesca

O alumnado do CPI do Toural participará en actividades gamificadas e artísticas no mes de decembro