Xoves 18 Xullo 2024

Investigadoras da USC propoñen a salmoira como alternativa ao formol para conservar material biolóxico

Facultade de Veterinaria do Campus Terra da USC testa a a salmoira como alternativa saudable para a conservación de material biolóxico avanza na eliminación do uso do tóxico formol como práctica cotiá nas prácticas de Anatomía Veterinaria. Os problemas e posibles riscos para a saúde que implica o formol son coñecidos desde hai tempo. A Axencia Internacional de Investigación sobre o Cancro (AIRC) informou en 2006 de que o formol constitúe un composto canceríxeno para os humanos, polo que o seu uso debería estar prohibido.

Os riscos que depara o uso de formol non impulsou a promoción de prácticas ou técnicas de conservación alternativas menos tóxicas e máis saudable, unha dobre finalidade á que si contribúe o traballo desenvolvido por Matilde Lombardero e María del Mar Yllera, profesoras da Área de Anatomía e Anatomía Patolóxica Comparadas do Departamento de Anatomía, Produción Animal e Ciencias Clínicas Veterinarias da Facultade de Veterinaria do Campus Terra da USC.

Publicidade

Desde 2006, o formol está catalogado como un composto canceríxeno, polo que cómpre evitar o seu uso

Estas investigadoras desenvolveron unha técnica alternativa ao formol e baseada nunha idea sinxela, aínda que innovadora, que consiste no uso dunha salmoira ou solución salina saturada (sal de mesa comercial) que se fai circular durante horas polo sistema vascular coa axuda dunha bomba persitáltica. Deste xeito, o material biolóxico está sometido a un proceso de salgado desde o interior, aínda que mantén a textura dos músculos e a mobilidades das articulacións de xeito similar ás dun animal vivo e co aspecto dunha canal de abasto procedente do matadoiro.

A innovación desta técnica, testada con mostras e animais, aínda que extensible a humanos e apta para o seu uso en prácticas de Anatomía e Medicina, radica en infiltrar durante horas unha solución salina saturada procedendo ao salgado do espécime (o tempo de perfusión depende do tamaño do animal), que, logo deste proceso, tampouco require condicións de almacenamento especial ata que se proceda á súa disección. Unha vez iniciado este proceso, as investigadoras da Facultade de Veterinaria recomendan gardar o material biolóxico en cuestión inmerso nun baño de solución salina saturada.

Publicidade

Para realizar a perfusión dunha solución con formol, simplemente se inoculaba a través do sistema vascular certa cantidade da mestura fixadora e despois había que deixar un período de maceración, para que esta difundise aos tecidos para fixalos. Co uso da solución salina saturada inxectada durante varias horas evítase ese período de maceración, e os espécimes poden utilizarse inmediatamente e conservarse longos períodos de tempo (anos), explican as profesoras de Veterinaria.

A nova técnica xa se emprega na Facultade de Veterinaria

Lombadero e Yllera salientan asemade que este novo método, que emprega unha combinación sen compostos tóxicos, e que non xera vapores nocivos, é tecnicamente moi sinxelo, ademais de resultar moi barato (só se utiliza auga corrente e sal), polo que consideran que pode ter gran aceptación (e unha repercusión positiva na saúde de estudantes e docentes) en todas as unidades de Anatomía que precisen procesar as mostras que utilicen nas súas prácticas para prolongar o a súa vida útil.

As autoras deste traballo de investigación, que aparece publicado no último número da prestixiosa revista do ámbito da Anatomía Journal of Anatomy, aplican esta nova técnica de conservación desde hai dous cursos na Facultade de Veterinaria do Campus Terra da USC. O balance do uso deste método é máis que positivo, xa que depara unha notable mellora para a calidade docente, ao tempo que preserva a saúde de profesores e alumnos, segundo indican estas investigadoras.

O deseño deste método eficiente, saudable e alternativo o uso do formol, é o resultado do traballo de colaboración mantido entre as profesoras Lombardero e Yllera coas docentes da Universidade de Porto Paula Ferreira Proença e María Joâo Oliveira, e con Antónico Costa-e-Silva, técnico especialista do Departamento de Anatomía do Insituto de Ciências Biomédicas Abel Salazar (Icbas) da Universidade de Porto. Esta colaboración xurdiu grazas á primeira edición (2014) do Programa Iacobus da Agrupación Europea de Cooperación Territorial Galicia -Norte de Portugal (GNP-AECT), mediante a cal a primeira asinante do artigo, a profesora Matilde Lombardero, realizou unha estadía docente na Universidade do Porto.

 

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Gciencia celebra o Día da Lingua Materna cun relatorio sobre a divulgación en galego

A xornalista Laura Filloy abordou a importancia de trasladar o coñecemento científico á sociedade nun acto celebrado no Campus de Lugo da USC

Atopado o talón de Aquiles da rata toupa, a praga que azouta a montaña luguesa

O estudo do órgano vomeronasal deste mamífero subterráneo avala o uso de químicos para diminuír a súa poboación e frear o seu impacto na agricultura

Os cubículos e corredores reducidos nas granxas de Lugo afectan a produción de leite

A tese de Sonia Verdes Gil conclúe que as superficies incómodas prexudican a saúde e a hixiene das vacas

Un equipo da USC vincula os produtos cárnicos con infeccións no tracto urinario

O estudo demostra que os animais destinados á produción de alimentos poden ser unha fonte de cepas bacterianas que causen doenzas extraintestinais