A Real Academia Galega celebra un seminario sobre alcumes

A Real Academia Galega celebrará o sábado 20 de outubro no Museo de Pontevedra a 3ª Xornada de Onomástica Galega. Nesta edición, o programa estará dedicado aos alcumes con sete relatorios que abordarán, entre outras cuestións, a súa presenza nos apelidos e as súas raíces na antropoloxía. O dicionario define ‘alcume’ como “nome que se lle dá coloquialmente a unha persoa en lugar do seu propio, tomado dos seus defectos físicos, morais ou doutras circunstancias”.

Haberá tamén achegas que irán desde os alcumes na Galicia medieval ata os nomes de usuarios e usuarias das persoas editoras da Wikipedia. A xornada, aberta a todo o público, rematará cunha mesa redonda que amosará como os topónimos poden verter luz en disciplinas tan variadas como a botánica, a literatura ou a historia.

Publicidade

A reunión abordará os alcumes desde a Galicia medieval ata os dos usuarios da Wikipedia

A xornada estará coordinada pola académica correspondente e membro do Seminario de Onomástica da RAG Ana Boullón. O encontro, como os dous anteriores, celebrarase coa colaboración da Deputación de Pontevedra e o Museo de Pontevedra, que acollerá as sesións que se desenvolverán en horario de mañá e tarde.

Tras a inauguración ás 9:30 horas, o profesor Xoán Carlos García Porral abordará a antropoloxía do alcume deténdose na casuística nunha comunidade rural; a profesora e membro da Asociación Galega de Onomástica (AGOn) Rosario Soto Arias falará dos alcumes e sobrenomes na Galicia medieval e a tamén integrante da AGOn Lidia Gómez Martínez ofrecerá unha aproximación á clasificación lingüística dos alcumes en Galicia.

Publicidade

O programa retomarase ás 12:30 horas cunha nova sesión na que a profesora Anxos Rial falará dos alcumes da Moureira, mentres que académica correspondente Luz Méndez, membro da AGOn e asesora lingüística da CRTVG, profundará nos alcumes nos apelidos. Xa pola tarde, a partir das 16:30 horas, David Rodríguez, técnico de normalización lingüística do Concello de Cedeira, ofrecerá un relatorio sobre alcumes colectivos no Portal de ditados tópicos galegos e Adrián Estévez Iglesias, da Fundación Otero Pedrayo, outro dedicado aos nomes de usuario das persoas que editan a Wikipedia e as motivacións destas escollas.

Unha mesa redonda sobre perspectivas multidisciplinares no estudo da onomástica poralle o ramo á xornada a partir das 18:00 horas. Nesta última sesión amosaranse as posibilidades que os topónimos ofrecen para verter luz sobre campos de estudos tan diversos como a literatura ou a botánica. O catedrático de Filoloxías Galega e Portuguesa da Universidade da Coruña Manuel Ferreiro achegarase á toponimia pondaliana; Jaime Fagúndez, investigador da mesma universidade, abordará o valor dos fitotopónimos para os estudos botánicos; e José Carlos Sánchez Pardo e Marcos Fernández Ferreiro, da Universidade de Santiago de Compostela, falarán sobre a importancia da identificación e xeorreferenciación dos topónimos altomedievais.

As sesións serán presentadas polos membros do Seminario de Onomástica da RAG Xesús Ferro Ruibal, Antón Palacio, Gonzalo Navaza e a propia coordinadora do programa, Ana Boullón.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Desfeita, foliada, loia, lume, retrinco e xenocidio optan a Palabra do Ano 2025

A iniciativa impulsada pola RAG e a Fundación Barrié inicia o seu período de votacións, que pechará o 21 de decembro ás 23:59 horas

O manuscrito no que Castelao descoñece a súa elección como membro da RAG

A institución publica en formato dixital documentos vinculados ao ingreso do escritor galego o 25 de xullo de 1934

Esta aplicación de IA axudarache a mellorar o teu galego

LanguageTool é unha ferramenta informática que permite a corrección de textos en galego e noutros 30 idiomas.

‘Outeiro’, non ‘Otero’: esta é a guía definitiva dos apelidos en galego

A Real Academia Galega presenta un buscador en liña para incentivar a recuperación das formas propias nos nomes de familia