Publicidade
Martes 18 Marzo 2025
Publicidade

Os fitos da ciencia galega en 2013

Nematodo parásito dalgunhas especies de peixes.
Nematodo parásito dalgunhas especies de peixes.

En 2013, a Terra deu unha volta completa ao Sol convertendo o bosón de Higgs na estrela do ano. Aclamado polos medios como a “partícula de Deus”, foi observado o 14 de marzo no acelerador do CERN en Xenebra. E o seu descubridor, Peter Higgs, gañou por iso o Nobel o 8 de outubro.

Á marxe do popular, as revistas Science Nature teñen o seu propio ránking do mellor do ano, que encabeza o investigador Fen Zhang, do MIT, que en xaneiro demostrou que as células eucarióticas (que conforman os organismos complexos) usan os mesmos métodos que as bacterias para cortar secuencias de ADN. Os analistas pensan que de aquí sairán tratamentos médicos personalizados. E resaltan tamén avances no cultivo de células nai ou na localización de planetas extrasolares.

Publicidade

Fóra destas clasificacións, Galicia remata 2013 como un ano con fitos científicos importantes. A ciencia vinculada ao mar mantense como un dos puntais do país. En setembro, o Instituto de Investigacións Mariñas de Vigo (CSIC) inauguraba o primeiro Biobanco Mundial de Parasitos Mariños. Supuxo un traballo enorme, cuxos resultados prácticos se farán tanxibles dende agora.

Científicos do mesmo organismo publicaban en outubro un traballo sobre sedimentos mariños nas rías con contaminación por cobre. Antes, en xaneiro, concluía un estudo de 6 anos para caracterizar as rías do Norte de Galicia. E o profesor Ángel Guerra participaba no grande estudo internacional que determinaba que só hai un “kraken“, unha soa especie de lura xigante fronte ás 21 que se consideraban ata agora.

Publicidade

O Cesga cumpríu 20 anos e aprobou a actualización do súpercomputador “Finisterrae”

Do mar ao espazo exterior, 2013 foi o ano do lanzamento do satélite Humsat, da Universidade de Vigo. Co respaldo da ONU, o equipo do profesor Fernando Aguado lograba poñer en órbita, en novembro, o seu segundo enxeño espacial tras o Xatcobeo. A eles, seguirán outros dous satélites, xa en marcha, no que quere ser o xerme dunha industria espacial galega.

Ademais, en decembro, a ESA poñía en órbita o satélite Gaia, para cartografíar millóns de estrelas, coa participación de científicos da Universidade da Coruña.

Esqueleto cueva O Courel
Restos humáns atopados nunha das covas do Courel.

Cos pés na Terra, a Misión Biolóxica de Galicia presentaba en decembro a súa colección das variedades da vide, 55 delas preferidas para elaborar viño entre as máis de mil existentes.

E un éxito en transferencia tecnolóxica foi o estudo do Grupo de Bioquímica do Chan do IIAG, que comparou durante catro anos a eficacia da adición de palla e a de sementar herbáceas para recuperar chans tras os incendios forestais. A palla era o mellor recurso. E, só un mes máis tarde, xa se estaba a empregar tras os lumes dramáticos en Ézaro e Dumbría.

Dúas noticias leváronnos do pasado ao futuro. En xullo, o investigador Manuel Vaquero atopaba no Courel, na Cova de Valdavara, o fósil humano máis antigo de Galicia. Trátase dun dente con 17.000 anos de antigüidade, case o dobre do máis remoto coñecido ata agora. Mentres que, en decembro, o Centro de Supercomputación de Galicia (CESGA) cumpría 20 anos, anunciando a actualización da súa máquina máis potente, o “Finisterrae”, para 2014.

En Química e Física continúan os avances. Entre outros, os traballos con nanomateriais desenvolvidos pola Universidade de Santiago de Compostela. En Medicina, 2013 alumeou o nacemento de Biocaps, o proxecto investigador impulsado pola Universidade de Vigo e avalado por fondos europeos.

Unha vez máis, artigos realizados en Galicia apareceron nas máis importantes revistas científicas. “Nature”, por exemplo, facíase eco en verán dos estudos do profesor Antonio Ferriz sobre a influencia dos planetas no magnetismo solar.

Ciencias Sociais e Humanidades

En Ciencias Sociais e Humanidades, avanzouse en lingüística e computación. Para a lingua galega, foi un fito o estudo do profesor Henrique Costas sobre o Valego, a fala galega en Estremadura. E foi noticia o achado do documento co testamento do mariscal Pardo de Cela.

Merecen recoñecemento divulgativo o grupo Divulgare, que gañou varios premios cos seus vídeos científicos. E o avance no “Álbum da Ciencia” do Consello da Cultura Galega.

En canto a aniversarios, 2013 celebrou os 70 anos do Instituto de Estudos Galegos Padre Sarmiento (CSIC-Xunta). Mentres que outro ilustrado, o Padre Feijoo, se levaba o protagonismo no seu recordo no Día da Ciencia.

O ano que se vai tivo tamén espazo para a protesta. As mobilizacións de científicos foron numerosas, ante as dificultades polos recortes profundos nas partidas para investigación. Os efectos da falta de fondos observaranse no medio prazo.

Así se vai 2013, un ano cargado de historias para a ciencia en Galicia. Comeza 2014, un ano no que GCiencia narrará día a día os novos fitos da ciencia galega.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Que é a renaturalización? A alternativa a unha paisaxe galega dominada polo eucalipto

A aprobación do informe de impacto ambiental da macrocelulosa que Altri proxecta en Palas de Rei reabre o debate sobre o modelo forestal que queremos en Galicia

As asombrosas imaxes de falsos percebes adheridos a unha lámpada e á coiraza dunha tartaruga

A Coordinadora para os Estudos dos Mamíferos Mariños retirou 59 cirrípedos do animal, que apareceu nunha praia de Fisterra

Do Galiñeiro a Ourense: os xacementos que fan de Galicia unha posible potencia en terras raras

O xeólogo Pablo Nuñez enumera as diferentes zonas da comunidade que poden albergar elementos esenciais para a industria tecnolóxica

ChatPEC: a iniciativa con selo galego que usa o sarcasmo para concienciar sobre o clima

A ferramenta en liña responde con reprimendas humorísticas para mentalizar ao público do impacto ambiental que ten a intelixencia artificial