“O risco dun brote de ébola en Europa é nulo”

O responsable do Laboratorio de Microbioloxía do Complexo Universitario Hospitalario de Ourense explica á xornalista Verónica Fuentes, da Axencia Sinc, por que o ébola se estendeu polo oeste de África dende que se detectaron os primeiros casos en febreiro. Segundo este médico virólogo, membro da Rede Europea de Enfermidades Víricas Importadas (ENIVD, polas súas siglas en inglés), aínda que non é imposible que algún paciente infectado chegue ao Vello Continente, aquí é descartable o avance do virus.

Por que é tan letal o ébola?
Porque o virus entra ao torrente sanguíneo e logra ter acceso ao resto do corpo. É o que se chama unha viremia masiva. Afecta a todos os órganos do paciente e ao endotelio vascular, o que orixina un sangrado tanto interno coma externo e un fallo multiorgánico. Isto, unido ás malas condicións sanitarias das áreas afectadas, provoca a súa alta taxa de mortalidade.

Publicidade

Mapa de distribución do ébola no actual brote._
Mapa de distribución do ébola no actual brote._

Pódese loitar contra o virus?
Pódense emprender actuacións preventivas para controlar a transmisión. Tamén deben tomarse medidas restritivas sobre os grupos poboacionais de risco, os turistas de regreso das zonas afectadas, o persoal sanitario en contacto co brote e os pacientes con síntomas (aos que lles hai que realizar un seguimento médico se están en zonas fóra da orixe do brote), os pasaxeiros e o persoal expostos en voos que tivesen relación coa zona afectada.

Cales son as probabilidades de sobrevivir á infección?
A taxa de mortalidade tras o contaxio é do 60-90%, segundo a literatura médica. Os datos do 8 de abril eran de 151 casos sospeitosos e confirmados en Guinea con 95 falecementos (aproximadamente unha taxa do 63%). Pero non podemos deixar de contextualizar estas cifras: a zona xeográfica afectada posúe un nivel sociosanitario moi baixo e sen apenas medios cos que combater o brote. Ademais, a isto engádese a dispersión xeográfica, unha característica de todos os brotes de ébola, que aparecen diseminados nun mesmo espazo temporal e algúns a centos de quilómetros dos outros.

Publicidade

Altísima mortalidade

Que o distingue doutras epidemias?
A diferenza estriba en que é un virus tremendamente patóxeno cunha alta taxa de mortalidade. Ademais, o ébola foi protagonista de películas que aumentaron a súa aurea de enfermidade fatal. Non obstante, considero que o tratamento mediático do brote está a ser bastante correcto. En xeral os medios de comunicación non foron demasiado alarmistas.

Canto tempo se tarda en confirmar un caso de ébola?
Grazas aos novos métodos de diagnóstico molecular, o prazo reduciuse moito. Os primeiros datos dunha posible aparición dun brote foron notificados sen máis difusión o 9 de febreiro de 2014 a escala local; os días 12 e 14 de marzo declaráronse os primeiros casos de falecemento e posteriormente se deu a alerta sobre a posible orixe do foco. Inmediatamente, cinco ou seis mostras enviáronse ao Centro Nacional de Referencia en Febres Hemorráxicas do Instituto Pasteur de Lyon (Francia), onde se identificou como virus ébola homólogo á cepa Zaire. Na actualidade, o problema non é o tempo que se tarda en facer o diagnóstico virolóxico (horas ou días), senón o que se tarda en sospeitalo, comunicalo e poñer en marcha as medidas oportunas.

Onde hai máis risco de contaxio do virus?
O maior risco coñecido encóntrase nas zonas onde xa se han declarados brotes, rexións que poderiamos chamar endémicas aínda que non cumpran exactamente esta definición. Postúlase que o virus se mantén en estado de latencia en animais salvaxes, principalmente en monos, chimpancés e herbívoros de bosque; e o seu vector de transmisión poden ser os morcegos.

Por que xurdiu agora nesa parte de África?
Ata o momento sempre se presentara no centro de África, pero neste caso o brote xurdiu na zona oeste. O porqué descoñécese, como se descoñece o mecanismo de persistencia do virus fóra dos episodios agudos. Quedan moitas preguntas por resolver: onde se acantoa, como se transmite, que mecanismo orixina a súa reactivación despois de longos períodos de ausencia, por que aparece nun mesmo momento en zonas afastadas?

Baixo risco de recibir a un infectado

E para cando unha vacina?
Descoñezo se algún equipo está a traballar sobre o tema, aínda que supoño que se hai algún será en investigación básica. As grandes dificultades deste tipo de patoloxías son a súa baixa difusión, a súa aparición esporádica, a súa alta taxa de letalidade -que dificulta o seguimento dos pacientes que sobreviviron- e o baixo nivel económico e sanitario das áreas afectadas.

É posible que o ébola chegue a Europa?
En ciencia non se pode facer unha afirmación absoluta deste xeito. O risco de que algún paciente infectado chegue a Europa é moi baixo -sobre todo despois de que o brote fose detectado-, pero non é imposible. En contra, temos a velocidade do transporte actual: en poucas horas se chega de Guinea a Europa. Pola contra, o risco dun posible brote pódese considerar nulo porque non temos hospedadores nin vectores descritos que poidan contribuír a iso.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Dentro do ‘Odón de Buen’, o buque ‘vigués’ que navega cara á nova campaña científica na Antártida

O oceanográfico construído en Galicia participará por primeira vez nas operacións de apertura das bases españolas do polo sur

Galicia facilita o acceso a Lenzetto dende o estranxeiro ante o desabastemento do fármaco para a menopausa

A falta de tratamento indicado para tratar os síntomas da deficiencia de estróxeno tras a menopausa ten outras alternativas financiadas

Que é o efecto Fujiwhara? O fenómeno polo que un tren de borrascas regará Galicia

Unha fronte activa avanzará polo oeste peninsular e deixará choivas que se manterán canto menos ata o xoves

As emisións bioxénicas de CO2 aumentaron o 64% en Galicia dende 1990

Se se contabilizasen nos inventarios oficiais, elevarían nun 20% o balance galego de gases de efecto invernadoiro