Luns 29 Abril 2024

Modelos animais, si ou non? Debate entre científicos e Comisión Europea

Investigadores publican unha carta en resposta á recomendación comunitaria de substituír modelos animais por virus na procura de anticorpos monoclonais

A obtención de anticorpos monoclonais a partir de modelos animais é unha das ferramentas prometedoras para afrontar a Covid-19 e outras patoloxías que afectan á especie humana nos últimos tempos, grazas ao avance da investigación. Estes compostos son un tipo de proteína xerada polo sistema inmunitario para facer fronte aos patóxenos, e resultan de utilidade para dirixirse de forma específica contra distintos virus ou bacterias e, do mesmo xeito, úsanse con éxito en técnicas de diagnóstico, terapia preventiva e curativa. Para estudar o seu uso e a información que xera a vacinación contra eles, a comunidade científica adoita usar modelos animais que permiten comprender a resposta que xeran no organismo. Porén, este procedemento está na actualidade no centro do debate, despois de que o pasado mes de maio, a Comisión Europea emitiu unha recomendación na que instaba a substituír a técnica de xeración de anticorpos mediante modelos animais por bibliotecas de virus bacteriófagos. Porén, un equipo de científicos acaba de asinar unha carta en resposta ao organismo comunitario na que expoñen que aínda que as dúas técnicas son complementarias, unha non pode substituír á outra.

A carta está asinada por África Gonzalez, catedrática de Inmunoloxía da Universidade de Vigo e expresidenta da Sociedade Española de Inmunología,Marcos López Hoyos, actual presidente da entidade e investigador no Hospital Universitario de Valdecilla, en Santander, Kirk Leech, director da Asociación Europea de Animais de Investigación (EARA); Javier Bermúdez, do IBIMA de Málaga; e os investigadores do CSIC Margarita del Val e César Cobaleda, do Centro de Bioloxía Molecular Severo Ochoa (CBMSO-CSIC-UAM), e Lluís Montoliu, do Centro Nacional de Biotecnoloxía (CNB-CSIC).

Publicidade

Os científicos expoñen na carta que as dúas tecnoloxías poden complementarse, pero en ningún caso a tecnoloxía de librerías de virus bacteriófagos pode substituír aínda á de obtención de anticorpos mediante animais, é dicir, mediante a elaboración de hibridomas (liñas celulares híbridas obtidas da combinación dun linfocito B que produce o anticorpo que se busca, cun linfocito B que non produce o anticorpo propio).

“Nós estamos de acordo en substituír a experimentación animal por métodos alternativos cando isto sexa posible”, sosteñen os investigadores na carta. “Eses métodos requiren unha validación científica que xustifique substituír o uso de animais, sen afectar os resultados desexados do experimento”, engaden.

Os investigadores indican que a tecnoloxía con librerías de virus bacteriófagos aínda ten carencias e segue sendo imprescindible o uso de modelos animais para estudar a inmunización. A investigación en modelos animais “permite o desenvolvemento de anticorpos monoclonais cunha afinidade e especificidade moito maiores que os xerados pola tecnoloxía de virus fagos”, detallan.

A tecnoloxía con modelos animais (con hibridomas) “permite o illamento de anticorpos nativos xerados no contexto dunha resposta inmunitaria contra un antígeno determinado. Durante o desenvolvemento dunha vacina, este método proporciona información valiosa sobre como reacciona o sistema inmunitario a ese antíxeno, incluídos os xenes de inmunoglobulina involucrados, reordenamentos secundarios, insercións e delecións, maduración da afinidade, relacións clonais de diferentes anticorpos, isotipos, etc. Toda esta información crucial pérdese cando se utiliza tecnoloxía de librerías de fagos”, explican os investigadores.

Ademais, engaden que a técnica de xeración de hibridomas só require animais durante a fase de inmunización, mentres que para a produción de anticorpos xa non se requiren animais. Así mesmo, melloráronse os protocolos de inmunización para maximizar o benestar animal.

Argumentación da Comisión Europea

No anuncio da recomendación comunitaria, o pasado mes de maio, a Comisión Europea apuntaba que se baseaba na opinión do Comité Científico, destacando que cada ano se utilizan na Unión Europea un millón de animais para a xeración e produción de anticorpos “a pesar da dispoñibilidade de tecnoloxías que non requiren o uso de animais”, e que en casos causan “un sufrimento severo” a estes seres vivos.

O comité asesor da CE apuntaba tamén que algúns factores, como a limitada dispoñibilidade dalgúns reactivos de orixe non animal e “conceptos erróneos” sobre a calidad e a validez destas alternativas, estaban freando a transición cara ao uso desta alternativa.

Neste sentido, algúns dos investigadores asinantes da carta en defensa dos modelos actuais, como Lluis Montoliu, expuxeron o posible conflito de intereses entre o pronunciamento da Comisión e a vinculación dalgunhas persoas con empresas fabricantes de anticorpos monoclonais de orixe non animal.


Referencias:

Non-animal-derived monoclonal antibodies are not ready to substitute current hybridoma technology (Carta a Nature Methods).

Better antibodies without using animals (Nota da Comisión Europea).

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

A reconquista da oliveira galega: “As súas características botánicas fana única no mundo”

Este venres presentouse o ‘Grupo Operativo’ do CSIC que traballa na recuperación do oliveiral tras séculos abandonado na comunidade

As feces dos osos da cordilleira Cantábrica falan… e teñen boas noticias

Un estudo no que participa a USC investiga o estado actual de saúde destes exemplares para impulsar a recuperación das poboacións

Descobren características do VIH compatibles coa súa curación

Científicos de Sevilla estudaron a persoas cuxo organismo é capaz de dominar o virus sen necesidade de tomar un tratamento antirretroviral

O CSIC acha unha combinación de fármacos eficaz fronte ao SARS-CoV-2

A unión de ribavirina e remdesivir consegue eliminar de forma rápida o virus ao inducir un exceso de mutacións no seu xenoma que lle impiden multiplicarse con eficacia