Moitos son os adxectivos e as descricións que poden definir a figura de Andrés Avelino Comerma e Batalla (Valls-Tarragona, 1842-Ferrol, 1917). A de humanista pode ser a máis completa e rigorosa, xa que, como fin último, na cabeza de Comerma sempre estivo por diante, segundo todas as mencións á súa figura, a vontade de servir á sociedade na que viviu, contribuíndo ao progreso científico, técnico, cultural e social dos lugares que formaron parte da súa vida. O legado máis visible hoxe en día é o dique da Campá, aínda en funcionamento en Ferrol, pero alén do tanxible, a súa capacidade para contribuír ao proceso de Ferrol, e por extensión, de Galicia, non ten parangón no seu tempo.
O neno Comerma pasou os seus primeiros anos na localidade de Valls, onde naceu o 9 de xullo de 1842. O seu pai, Pere Comerma, era arquitecto, e a súa nai, Rosa Batalla, mestra. Á morte de seu pai, cando tiña 11 anos, un relixioso, familiar da súa nai, faise cargo da súa educación e Andrés ingresa no seminario de Tarragona, onde comeza a formarse, xa con destacadas cualificacións nos seus estudos. Aos 15 anos, en 1857, trasládase a Madrid para preparar o seu ingreso na Escola de Enxeñeiros de Camiños, que acada en 1860. E en 1863, con 21 anos e un expediente brillante, obtén a praza que o acabaría unindo para sempre á cidade de Ferrol, na Escola de Enxeñeiros da Armada. Ao pouco tempo falecería a súa nai, quedando orfo con menos de 25 anos.
Desde a súa chegada a Ferrol, con 21 anos, comeza a mergullarse nos círculos sociais e culturais da cidade
Nada máis chegar á cidade ferrolá, onde comeza a mergullarse nos círculos sociais e culturais, dá os primeiros pasos nos estudos para proxectar a construción dun dique de mareas na dársena do Arsenal. Foi, sen dúbida, un traballo formidable xa que as obras do dique da Campá comezarían en 1873, dez anos despois da súa chegada á cidade, e despois de verse suspendidas debido á revolución de 1868. Antes disto, Comerma é nomeado como profesor de Física e Xeometría da Maestranza e enxeñeiro auxiliar do estaleiro ferrolán.
No mesmo ano no que ten lugar La Gloriosa, o enxeñeiro publica o libro Curso práctico de construción naval e casa con Ángela Pérez Montero, que faleceu en 1870, coa que tivo dúas fillas (Rosa e Ángela). En 1872 contrae matrimonio coa irmá de Ángela, Elvira, coa que ten sete fillas máis. Cinco delas morren bastante novas, pero outras días, Pilar e Matilde, acompáñanos durante o resto da súa vida, e delas, xunto a Rosa e Ángela, proceden os descendentes que a familia Comerma aínda ten hoxe na Coruña e Ferrol.

Nestes primeiros anos en Galicia, Comerma tivo tempo tamén para obter a licenciatura en Farmacia pola Universidade de Santiago de Compostela e traballar como correspondente do xornal catalanista La Renaixensa, que impulsou a recuperación da lingua e cultura catalás durante o século XIX ao tempo que en Galicia se producía o Rexurdimento. Ademais, dá xa forma a outras ideas, como a creación dun criadeiro de ostras na zona de Pontedeume.
O Dique da Campá
A que é considerada unha das maiores e máis innovadoras obras da enxeñaría naval do século XIX en España construíuse entre 1873 e 1879 no ángulo nordeste da dársena de Ferrol. O contexto, como era norma na política española, foi convulso. Os problemas de financiamento, a propia magnitude do proxecto e as dúbidas sementadas debido a isto estiveron a piques de abortar a obra, pero o proxecto seguiu adiante.
As dimensións do dique (máis de 25 metros de manga, 145 de eslora e 12 de altura nas partes máis amplas) requiriron o movemento dunha inxente cantidade de terra. Foron case 174.000 toneladas, cargadas por máis de 200 mulleres en case 12 millóns de capazos. Posteriormente, para consolidar a obra usáronse 139.500 toneladas de formigón, máis de 40 millóns de pedras de mampostería e 10.000 toneladas de cal. En total, participaron máis de 1.200 obreiros, para un custo total de 25 millóns de reais da época, o que supuxo un estímulo económico e social de grande envergadura para Ferrol. Dun ou doutro xeito, boa parte da cidadanía local estivo inmersa na construción do dique.
Mais a fazaña científica do dique da Campá non colmaba a actividade de Comerma. Antes de que finalizasen as obras (que visitou o rei Alfonso XII en 1877), o enxeñeiro viaxa á Exposición Internacional de París, de onde volve cun fonógrafo, e adquire tamén un teléfono en Barcelona. Neses anos e os vindeiros, establece relacións con célebres inventores e empresarios como Thomson, Edison, Bell, ou os irmáns Siemens. Segundo recolle o xornalista e investigador Henrique Neira, Comerma foi a persoa que instalou, posiblemente, a primeira liña telefónica en Galicia, entre a Capitanía e o Arsenal de Ferrol. Alén disto, instala unha ostreira artificial en Ortigueira, realiza algunhas das primeiras experiencias con raios X en Galicia, proxecta unha grada para construír barcos de ferro na propia dársena e realiza un estudo comparativo de 33 mostras de carbón procedentes de Asturias, Gales e Inglaterra para ver cales son máis axeitados para o seu uso en arsenais e navíos de guerra. Finalmente, en agosto de 1879, inaugúrase o Dique da Campá coa chegada da fragata Vitoria. Os ecos do fito da enxeñaría que supuxo a obra percorreron España, e Valls, vila natal do artífice do proxecto, realizoulle unha gran homenaxe nunha visita que fixo. Máis de 140 anos despois, o dique da Campá segue dando servizo para reparar buques que chegan á dársena, e que se contan por máis de 2.500 desde a súa inauguración.
Despois disto, o enxeñeiro foi nomeado xefe do estaleiro, un cargo desde o que dirixiu a construción de fragatas acoirazadas ou cruceiros, entre outras embarcacións. E tamén se involucrou noutras obras relevantes para a cidade, coma os xardíns das Angustias e o Hospital da Mariña en Ferrol ou a instalación do alumeado e o tendido eléctrico.

Alén disto, Comerma participou activamente na actividade cultural na cidade que o acolleu, mesmo despois do seu pase á reserva. Na etapa final da súa vida, a pesar de que viviu temporadas longas en Madrid, foi presidente do Casino Ferrolán en 1900, director do Ateneo Ferrolán entre 1903 e 1906 e presidente da xunta de accionistas do Teatro Jofre, ademais de presidente da rondalla Airiños da Miña Terra, publica un libro sobre os castelos feudais de Moeche, Narahío e Andrade e colabora con artigos de divulgación en medios como El Correo Gallego, que daquela se editaba na cidade, e o Almanaque de Ferrol. Cómpre salientar que coñecía oito linguas (galego, catalán, castelán, portugués, francés, inglés, aleman e italiano) e foi o introdutor do esperanto en Galicia. En 1910 regresou de forma permanente a Ferrol, xa coa categoría de xeneral, onde faleceu en 1917.
O soño sen cumprir: o túnel do estreito de Xibraltar
Se a obra do dique da Campá saíu adiante, aínda con moitos obstáculos, e Andrés Avelino Comerma fixo posibles numerosos proxectos que desenvolveu ao longo da súa vida, tamén pasou á historia por outro plan faraónico que finalmente non se fixo realidade: o túnel baixo o estreito de Xibraltar, unha idea que moitos tiveron despois do enxeñeiro catalán, pero que hoxe aínda non se materializou.
A comezos da década dos 80, despois de visitar as primeiras obras do túnel da canle da Mancha, cando Comerma se atopaba en Londres como delegado do Goberno español na Exposición Internacional de Pesca, comeza a cavilar na idea de unir a península ibérica e o norte de África. Un dos seus principais apoios no desenvolvemento do proxecto foi Bernardo García, editor do periódico La Discusión, que difundiu o plan entre as autoridades políticas españolas. Debido á boa acollida nun principio, Comerma ponse a traballar nun proxecto técnico que cruzaría o estreito desde Tarifa ata Ceuta. Algúns dos bocetos, que se conservan hoxe, describen un túnel duns 19 quilómetros de lonxitude, de ata 800 metros de profundidade nalgúns tramos, que requeriría un investimento duns 300 millóns de pesetas da época.
Porén, a idea perdeu opcións de converterse en realidade cando o entón embaixador de España en Inglaterra, Manuel Rancés y Villanueva, lle expuxo a Comerma que o túnel “era imposible desde o punto de vista internacional”, xa que “Inglaterra opoñería o seu veto en canto tivese noticia do propósito”, tal e como revelou o enxeñeiro nunha entrevista con El Correo Gallego.
O proxecto do túnel entre España e África quedou soterrado polo rexeitamento diplomático de Inglaterra
Ante isto, Comerma acabou desbotando a idea: “Nin a gloria do magno proxecto nin toda a felicidade que puidera agardarme se triunfásemos valen tanto como a tranquilidade de España”, engadindo: “Non me perdonaría ser nunca a causa ocasional dun conflito con Inglaterra, coa que non teríamos medios de loitar. Bote vostede terra ao proxecto como lla boto eu, querido amigo. Morto está e morto queda”, respondeu ao embaixador español.
A súa gran rede de amizades e contactos profesionais reportoulle, nas últimas décadas da súa vida, unha importante listaxe de recoñecementos. En 1882, o Goberno francés concédelle a Cruz de Cabaleiro da Lexión de Honor. En 1897 recibe a Gran Cruz do Mérito Naval e, en 1903 e a Gran Cruz de San Hermenegildo, polos corenta anos de servizo militar.
Foi membro honorario da Sociedade de Enxeñeiros de Telégrafos e Electricistas, Socio fundador da Sociedade Internacional de Electricistas de París, membro da Real Sociedade de Artes e Arquitectos Navais de Londres, membro da Sociedade Económica de Amigos do País, académico da Sociedade de Xeografía e Historia Natural e académico da Academia de Ciencias Exactas, Físicas e Naturais, estas dúas últimas con sede en Madrid.
Unha vida que, dalgún xeito, se resume no epitafio que publicou El Correo Gallego co gallo da súa morte, cando lembraba tamén o “entrañable cariño” que prestou a Galicia: “Foi tan bo como sabio”.














