Hai un ano, os investigadores do Instituto Español de Oceanografía alzaron a voz. Un manifesto asinado por máis de 300 traballadores alertaba de que os atrancos burocráticos e os recortes estaban poñendo en serio perigo o prestixio dun organismo de referencia, e centros como o Oceanográfico de Vigo, con máis dun século de historia. Dous exemplos eran o do montacargas e un autoclave da institución viguesa, que levan case dous anos averiados, sen ter aínda aprobación orzamentaria para a súa reparación. Por isto reclamaban medidas para solucionalo.
A situación podería mellorar co anuncio realizado hoxe polo Consello de Ministros. A reunión do Executivo español aprobou un decreto-lei de “medidas urxentes” que ten por obxectivo “facilitar o traballo dos investigadores e que poidan centrarse no avance do coñecemento científico e a súa aplicación á sociedade”.
Segundo explicou o Goberno, as medidas “céntranse en reducir as cargas administrativas que dificultaban o desenvolvemento dos proxectos científicos, facilitar a contratación áxil e estable de investigadores, aumentar os medios para evitar atrasos nas convocatorias e outras medidas para mellorar a igualdade de oportunidades entre investigadores”.
Estes atrancos, segundo denunciaron en varias ocasións os responsables de varios organismos públicos de investigación, provocaban unha perda de prestixio internacional e de competitividade, xa que a incerteza sobre o orzamento impedía entrar a formar parte de proxectos que requerían de investimentos importantes.
Esta é a principal medida tomada hoxe: o decreto-lei “substitúe a intervención previa nos Organismos Públicos de Investigación (OPIs), recuperando a situación de 2014″ e introducida polo ministro de Facenda Montoro, que traía consigo un control financeiro permanente, e obstaculizando o traballo diario dos científicos.
Un dos atrancos cos que se atopaban eran as limitacións para a compra ou reparación de materiais e instrumentos. O novo decreto permitirá tamén que “os centros de investigación e universidades poderán executar contratos menores de servizos e subministracións ata importes de 50.000 euros co mesmo provedor para distintas unidades, aínda que anualmente supérense devanditos límites coa suma total dos contratos (por exemplo, a compra de material de laboratorio para dous proxectos da mesma universidade)”.
A norma aprobada este venres permitirá tamén que “os centros e universidades poidan contratar persoal de forma indefinida con cargo a proxectos que teñan financiamento específico”, modificando a Lei da Ciencia de 2011. A medida súmase á estabilización de 1.454 prazas temporais en OPIs aprobada en xaneiro, e contribuirá así “a rebaixar a temporalidade e inestabilidade dos científicos, en especial os mozos”.
Máis medidas
Alén destas medidas, o acordo do Consello de Ministros comprométese a achegar “máis medios externos para reducir os prazos de comprobación das subvencións de proxectos” xestionados pola Axencia Estatal de Investigación; e á igualdade de oportunidades en situacións de maternidade e paternidade (tal e como solicitaba a campaña da científica galega María de la Fuente), entre outros acordos.














