A galega María de la Fuente gana a batalla polas nais científicas

O goberno modifica as condicións de acceso ás axudas de excelencia que dificultaba a concorrencia no caso de embarazo

O anuncio realizado polo Consello de Ministros o pasado 21 de decembro foi a culminación do traballo iniciado hai case un ano por María de la Fuente, directora da Unidade de Nanooncoloxía do Instituto de Investigacións Sanitarias de Santiago. O Goberno comprometeuse aquel día a poñer fin á desvantaxe que afrontaban as nais científicas que non renunciaban a ter unha carreira de excelencia, e que se vían penalizadas polo seu embarazo. “Foi unha alegría enorme, porque ves que o traballo prospera, despois de moitos meses de esforzo”, lembra María despois de ver que a súa batalla chegou a bo porto.

O acordo de finais de 2018 vese materializado na nova Acción Estratéxica de Saúde 2019, que por incorpora medidas para que os supostos de interrupción por embarazo ou de baixa por maternidade non se teñan en conta á hora de avaliar os méritos. De la Fuente coñece esta situación moi de preto: estivo 13 meses de baixa en total ao nacer os seus dous fillos mentres traballaba na primeira etapa do contrato Miguel Servet. E cando ía presentar as súas credenciais e as do seu equipo para optar á segunda fase das axudas, atopose cun muro: “Vin que non había xeito de alegar que estivera de baixa por maternidade para que me ampliaran o prazo de avaliación”, contaba a GCiencia en marzo de 2018. Deste xeito, tiña un ano menos que en condicións normais para optar á renovación dun contrato que, xa de por si, é dun gran nivel.

Publicidade

María de la Fuente comezou entón un periplo de reclamacións e contactos con administracións, partidos políticos e medios de comunicación para contar a situación que padecían tanto ela como moitas outras nais científicas. Acadou 300.000 apoios na plataforma Change, que presentou nun encontro coa nova Secretaria de Estado de Ciencia e Innovación, Ángeles Heras. Mesmo o novo presidente do Goberno, Pedro Sánchez, se fixo eco da petición.

“Foron meses duros – recoñece María – porque ao principio era difícil que se falara do tema, e incluso era complicado que algúns compañeiros e compañeiras saíran en público a botar unha man. Pero co tempo demostrouse que non estamos soas”.

O novo texto

Así, o compromiso do Goberno púxose negro sobre branco na nova convocatoria de axudas do Instituto de Salud Carlos III, publicada a comezos de ano. No seu artigo 9 (ver PDF) o texto destaca que se exclúen do período de avaliación as interrupcións debidas a permisos de paternidade ou maternidade, adopción ou garda, así como a incapacidade temporal durante o embarazo por causas vinculadas ao mesmo. A investigadora galega sinala que esta medida é “un cambio de actitude claro respecto ao primeiro momento. O único que pediamos, que non é tanto, é que non se discriminara ás científicas polo feito de ser nais”.

Os contactos de María de la Fuente tamén se estenderon aos partidos e ao Parlamento Galego, onde se aprobou en abril unha iniciativa que pedía a inclusión de cláusulas nas convocatorias públicas que eviten estes problemas, aínda que se rexeitou un mes despois unha moción que pedía “medidas de acción positiva no ámbito universitario e da investigación” en materia de igualdade. “Hai que ir das palabras aos feitos, e tócalle tamén ao Sergas mover ficha, porque somos as súas empregadas, e queda moito que facer a nivel autonómico”, conclúe María.

2 COMENTÁRIOS

  1. Noraboa! Et gracias por facer avanzar a sociedade, as mulleres temos 2 vidas nunha et non pode ser discriminatorio sinon debian agradecernos prolongar a especie co noso corpo et a nosa saude

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Xavier Montalbán: “O virus de Epstein-Barr é unha condición sine qua non para padecer esclerose múltiple”

O neurólogo é recoñecido polas súas aportacións nos últimos avances na mellora do prognóstico e tratamento da enfermidade

Un equipo de Santiago demostra que a música modula a expresión dos xenes na saliva

O proxecto Sensoxenoma podería servir para buscar novas dianas terapéuticas en enfermidades como o alzhéimer

Un asteroide recibe o nome do astrofísico galego Manuel Carreira

Na súa etapa nos Estados Unidos, Manuel Carreira traballou co descubridor dos neutrinos, Clyde Cowan: a súa pegada vese agora no ceo

Soledad Torres, de atlanTTic: “Pertencer a un colectivo minorizado como o da muller é un desafío”

A enxeñeira e investigadora do centro atlanTTic da Universidade de Vigo participa en proxectos de fomento relacionados coa presencia femienina en STEM