A ciencia galega estará moi presente no deseño dun dos proxectos máis ambiciosos da historia da Física de partículas. Se xa é abraiante o tamaño do LHC, o colisionador de hadróns de 27 quilómetros que funciona entre Francia e Suíza, o Futuro Colisionador Circular (FCC) practicamente cuadriplicará a estrutura actual. Este mércores, a colaboración científica internacional do CERN de Xenebra enviou o informe do deseño no que analiza as diversas opcións para construír o anel, que terá 100 quilómetros de diámetro.
O novo gran colisionador fará posibles os choques entre electróns e positróns (a súa antipartícula), entre protóns e entre ions a unhas enerxías e intensidades nunca conseguidas na historia, o que abrirá unha enorme fiestra de oportunidades para a investigación e o coñecemento da materia e as orixes do universo. Agora, nos vindeiros dous anos, a comunidade científica que participa no experimento actualizará a Estratexia Europea de Física de Partículas, na que se trazará o futuro da investigación nesta disciplina. Con esta folla de ruta tomaranse as decisións que marcarán a construción do FCC. Outra das opcións, tamén contemplada, é a do acelerador lineal CLIC, que tería entre 50 e 60 quilómetros de lonxitude.
O novo acelerador utilizaría unha nova xeración de imáns superconductores (un eido no que traballa o galego Juan Carlos Pérez) que axudarán a acadar enerxías de máis de 100 TeV, o que fará posible estudar a interacción do bosón de Higgs con partículas semellantes, entre outros experimentos.
O descubrimento, hai varios anos, do bosón de Higgs nas colisións realizadas no LHC abriron un novo e interesante camiño na investigación. As análises realizadas sobre este achado marcan, por tanto, a estratexia que guiará o futuro FCC. Ademais, algunhas evidencias do experimento suxiren estender a investigación alén do Modelo Estándar, para ter en conta as observacións arredor da materia escura e o dominio da materia sobre a antimateria.
A participación galega
No estudo publicado esta semana participan máis de 1.300 investigadores de 150 universidades, centros de investigación e empresas. E Galicia toma parte importante no traballo. Así, no vídeo co que o CERN anuncia a presentación do documento aparece a física compostelá Mar Capeáns, directora do departamento de Tecnoloxía de Detectores. “O FCC será o seguinte instrumento que temos que construír se queremos seguir neste camiño de descubrimentos”, sinala Capeáns.
E ademais da decenas de científicos, enxeñeiros e persoal técnico de orixe galega que traballa no CERN, a Universidade de Santiago de Compostela, a través do Instituto de Física de Altas Enerxías (IGFAE), tomou parte activa na presentación deste informe.
Un proxecto a moi longo prazo
O investimento que precisará o FCC será de arredor de 9.000 millóns de euros, nos que se inclúen os máis de 5.000 que costará a obra do túnel de 100 quilómetros. A isto habería que engadir o custo estimado para a máquina supercondutora de protóns que usaría o túnel, que sería duns 15.000 millóns de euros. A máquina comezaría a funcionar a finais da década de 2050.