Retiran varios premios ao ‘pai’ do ADN por opinións racistas

Aos seus 90 anos, un dos pais dun dos achados científicos máis importantes do século XX vese envolto de novo na polémica. O biólogo estadounidense James Watson, que xunto a Francis Crick, Maurice Wilkins e Rosalind Franklin describiu a estrutura da dobre hélice do ADN, saíu de novo á palestra debido aos seus comentarios racistas, que xa realizara en ocasións anteriores, sostendo que a intelixencia das persoas negras é menor que nas brancas. “Hai unha diferencia na media dos tests de intelixencia; e diría que é xenética”, afirmou Watson nun documental da cadea estadounidense PBS.

No documental, que leva por título Decoding Watson, ofréceselle ao premio Nobel de 1962 a posibilidade de retractarse polas súas declaracións anteriores. Pero o científico reafírmase: “Gustaríame cambiar de opinión porque houbese novos achados científicos que amosasen que o adquirido é moito máis importante ca o innato, pero non os vin”, sostén.

Publicidade


Estas frases acabaron coa paciencia do Cold Spring Harbor Laboratory (CSHL), o centro que Watson dirixiu durante décadas. Nun comunicado, o laboratorio sinalou que “rexeita sen ningún xénero de dudas as inconsistentes e temerarias opinións persoais” de Watson. “Son palabras reprensibles e insostibles por parte da ciencia, e de ningún xeito representan as visións do laboratorio, polo que condenamos o mal uso da ciencia para xustificar estes prexuízos”.

Numerosos científicos e asociacións de todo o mundo manifestaron de novo o seu rexeitamento ante as palabras do biólogo estadounidense.

Publicidade

Racismo e homofobia

As afirmacións de Watson, que se fixeron públicas o pasado 2 de xaneiro, obrigaron ao centro que dirixiu entre 1968 e 1993 a revocarlle as honras de catedrático e profesor emérito e fiduciario de honra. Estes recoñecementos xa foran suspendidos en 2007 cando Watson afirmara tamén que a intelixencia dos africanos era menor ca a do resto dos cidadáns do mundo, aínda que lle foron restablecidos despois dunha carta de desculpa escrita polo propio Watson. Así, o laboratorio só lle manterá o recoñecemento de honra por respecto ás súas contribucións á ciencia.

Noutra ocasións, o biólogo tamén xerou un gran rexeitamento debido a declaracións homófobas: chegou a afirmar que unha muller debería ter dereito a abortar se as análises previas ao parto evidenciaban que o seu fillo ía ser homosexual.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Salas: “A xenética dos galegos ten máis compoñente norteafricana que a andaluza”

O investigador do IDIS foi un dos poñentes na xornada 'Pontevedra Multicultural. Ciencia pola Igualdade', organizada polo Concello de Pontevedra e GCiencia con motivo do 25N

Pontevedra convoca unha xornada para analizar os nesgos na ciencia co gallo do 25N

O encontro, organizado por GCiencia e pola Concellería de Igualdade, celebrarase o sábado 29 de novembro no centro social O Gorgullón

Diagnósticos inventados: a lista negra de trastornos mentais que nunca existiron

A histeria, a síndrome postaborto e a neurastenia son etiquetas inventadas que non foron máis que formas de manipulación e control

Un estudo do CSIC descobre sinais de inflamación arterial no ADN despois dos 50 anos

Os investigadores identifican tamén células inmunitarias 'esgotadas' que poderían explicar por que a inchazón persiste na enfermidade denominada arterite de células xigantes