Sábado 4 Maio 2024

A rede Investigal reclama á Xunta que deixe de penalizar as baixas por maternidade

O colectivo de investigación denuncia que non se ten en conta o suposto destes permisos na situación producida pola pandemia da Covid-19

A Rede Galega pola Investigación (Investigal), que reúne a representantes de diversos colectivos do sector (científicos, docentes, xestores e persoal técnico, entre outros), denunciou esta semana a penalización cara a varias das persoas que participan no programa posdoutoral financiado pola Xunta de Galicia nas universidades galegas. O motivo, explican, débese a que, no marco da pandemia da Covid-19, non se ofrecen solucións a un mínimo de catro persoas que ven comprometida a súa carreira investigadora ao acollerse a permisos de maternidade durante a vixencia do seu contrato.

Segundo expoñen nunha nota de prensa, “a Xunta deixa de novo desamparado a este colectivo ao ampliar 6 meses as figuras contractuais de tódolos investigadores e investigadoras pre e posdoutorais que dela dependen (concretamente, 436), pero deixando fóra ás tres mulleres e un home que se acolleran o ano pasado aos permisos de maternidade e paternidade“. Explican que estas persoas “do mesmo xeito que as demais investigadoras e investigadores viron interrompidos ou seriamente retardados os seus traballos durante a presente situación, reclaman o seu dereito a rematar as súas investigacións, tal e como estaba previsto nos seus contratos, en igualdade de condicións aos seus compañeiros e compañeiras cos que terán que medirse en convocatorias futuras”.

Publicidade

Unha das afectadas, Inés Viana, do grupo de investigación de Ecoloxía Costeira da Universidade de Vigo, conta que a situación aféctaa despois de prorrogar o seu contrato debido á baixa de maternidade, o que incrementa as posibilidades de recibir unha avaliación negativa para o paso da Modalidade A (etapa inicial da formación posdoutoral) á Modalidade B (a continuación). “A Xunta entende que nós, ao comezar no 2016, xa acabamos a formación posdoutoral, polo que xa non estamos ao amparo do programa, e vémonos abocados ao paro”, lamenta Viana.

Situacións como a de Inés Viana son habituais, segundo Investigal: “Nestas convocatorias de concorrencia competitiva, a porcentaxe de avaliacións finais negativas da Modalidade A (que impide concorrer á subseguinte Modalidade B) aumenta de forma anómala naqueles casos onde hai maternidade, polo que se entende que esta situación ten que ver cunha problemática estrutural”.

Engaden desde a rede que “de feito, existen varios procedementos en curso, tanto administrativos como xudiciais, relacionados cos permisos de maternidade dentro das axudas posdoutorais da Xunta e doutras investigadoras contratadas por entidades dependentes da Xunta (SERGAS)”, o que demostra, “a falta de interese en resolver situacións de discriminación vixentes e en implementar as medidas precisas para evitar que se sigan repetindo no tempo”.

Máis casos

A denuncia que fai Investigal apóiase na análise do seu grupo de traballo de Igualdade, Xénero e Conciliación, no que tomou parte a investigadora María de la Fuente, que conseguiu despois de máis de un ano de reivindicacións que a Acción Estratéxica de Saúde, pola que se rexen as convocatorias para acceder ao financiamento para investigacións que concede o Goberno español, incorporase medidas para que os supostos de interrupción por embarazo ou de baixa por maternidade non se teñan en conta á hora de avaliar os méritos.

Aínda que a rede denuncia a situación de catro persoas afectadas, “o máis probable é que haxa máis casos que non foron denunciados publicamente debido á normalización de certas condutas, e a non contar co apoio de colectivos”, expón a análise realizada por este grupo de traballo. “Non queremos que isto siga acontecendo; parécenos extremadamente grave que as situacións de discriminación se repitan no tempo e que a Xunta só achegue solucións ante a presión social que pode representar un colectivo, de modo reactivo e non proactivo”, lamenta Investigal.

A problemática deste ano hérdase de convocatorias anteriores. En 2019, despois das protestas do colectivo de investigadores posdoutorais, a Xunta de Galicia e as Universidades asinaron un convenio para financiar a investigación de decenas de científicos mentres agardaban pola resolución (positiva ou negativa) do paso á Modalidade B.

Naquel momento, o colectivo de investigadores xa lamentara que a situación afectaba especialmente ás persoas que dispoñían dun permiso de maternidade ou paternidade, e que “sufrían un alto grao de discriminación, xa que debido ao deseño da convocatoria quedaban descolgadas durante longos períodos da seguinte (Modalidade B, á que un/ha investigador/a só se pode presentar nunha única ocasión, na convocatoria que lle corresponde) ao ter gozado dos permisos relacionados coa maternidade”.

Ao xurdir de novo o problema, a rede presentou reclamacións a diferentes instancias, como a Valedora do Pobo, a Consellería de Educación e a Axencia Galega de Innovación, “sen obter respostas efectivas”. Este xoves presentaron novos rexistros, ademais das institucións xa citadas, á Presidencia, a Secretaría Xeral de Igualdade, a Consellería  de Economía, Emprego e Industria, a Consellería de Sanidade, e a Axencia de Coñecemento en Saúde (ACIS). Reclaman que a situación se resolva “dada a urxencia dos casos, pois estamos a falar de resolver proxectos vitais de 4 personas que foron completamente abandonadas polas institucións”.  Investigal conclúe a súa demanda pedindo que “se resolvan e emenden as demais situacións de discriminación vixentes, mediante satisfacción extraprocesal, e que se tomen medidas a nivel lexislativo para evitar que estas situacións se sigan repetindo ano tras ano”.


Máis información sobre a situación, no web de Investigal.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Convocado o IX Premio de Xornalismo Científico Celia Brañas

Os traballos poden enviarse a partir do 15 de abril. A dotación económica do galardón será de 5.000 euros, cun accésit para o segundo mellor valorado

▪️ Expertos en tecnoloxía, ciencias e humanidades asesoran a Xunta para o uso ético da IA

A comisión de especialistas elabora recomendacións para impulsar accións formativas e a sensibilización na administación e empresas

O Goberno reúne datos de Xunta e concellos para exixir indemnización polos 'pellets'

O executivo central solicitará unha compensación polos servizos de Salvamento Marítimo durante o episodio de contaminación mariña

Comesaña: "O Centro de Protonterapia tratará pacientes de cancro en 2025"

O conselleiro de Sanidade fala da situación da sanidade galega e dos novos proxectos de terapias oncolóxicas