O turismo enfronta retos importantes con esta crise de mobilidade.

O turismo morreu. Longa vida ao Turismo!

Maite Vence, directora da certificación de calidade OBSERVER®, analiza neste artigo os retos para o turismo na situación que deixa a Covid-19

Temos un turismo cuxo obxectivo está, como na maioría das outras industrias, e acorde ao sistema económico imperante, orientado ao crecemento e a obter beneficios económicos a calquera prezo, incluso a costa de empeorar a experiencia do propio turista. Tamén a costa dos residentes do destino, e por suposto, a costa do medio ambiente e da conservación do patrimonio natural e cultural do que se nutre.

Digamos que o turismo a gran escala vén xerando rexeitamento entre residentes e turistas durante anos. E digamos tamén que, con esta pandemia e a súa conseguinte crise económica, o que antes era unha queixa xeral con moita teoría e boas intencións, agora terá que converterse nun verdadeiro plan de acción, cuxas estratexias deberían definirse e reorientarse cara un turismo verdadeiramente máis sostible social, económica e ambientalmente.

Dende a súa creación como actividade económica, o turismo foi sempre unha boa ferramenta para a distribución da riqueza e, aínda que continúa a  selo cando se planifica, se protexen os seus recursos e se regula ben, o certo é que hai rexións nas que os seus planificadores aínda pensan que promover o turismo de volume, tamén chamado “de masas”, segue sendo a mellor e única estratexia. Porén, ao contrario do que poida parecer, o turismo de masas non é, para os destinos receptores, o máis rendible economicamente. Só entre o 5% ou o 10% do diñeiro que cada turista gasta queda no destino.

No entanto, as insatisfaccións que presenta o actual modelo turístico, non son só as derivadas do exceso de volume, senón tamén as relacionadas coa súa alta estacionalidade, o que sumado, contribúe a alimentar a sobrecarga en certos lugares e meses concretos. Isto produce unha clara descompensación entre destinos turísticos dentro dun mesmo país, e incluso dentro dunha mesma cidade.

As estratexias deberían reorientarse cara un turismo verdadeiramente máis sostible social, económica e ambientalmente

En España temos practicamente os mesmos estereotipos e iconas turísticas que cando comezou a desenvolverse esta industria. Seguen a promocionarse practicamente os mesmos lugares e os viaxeiros internacionais, agás excepcións, seguen querendo visitar aos mesmos sitios ou rexións e na mesma época do ano. Todo isto conleva, como parece lóxico pensar, ao abarrotamento de certos monumentos, rúas ou espazos naturais máis populares.

Poderíase dicir que ao turismo de masas lle ocorre o mesmo cá riqueza mundial, que está mal distribuída e, como consecuencia, xéranse demasiados desequilibrios: algúns destinos están moi ateigados e outros apenas reciben visitantes. Pero, por que pasa isto?

Algúns poderán pensar que é inevitable, que hai certos puntos de interese en cada país ou rexión, que espertan o interese natural das “masas”. Iconas ineludibles, monumentos imprescindibles, paisaxes de incalculable beleza, e que teñen, necesariamente, que ser visitados, porque do contrario, parecería que a nosa viaxe foi en balde. Porén, aínda que poda haber algo de atracción natural, o certo é que tamén hai moito de promoción e marketing turístico, xa que os puntos de interese máis visitados adoitan ser os principais, e, ás veces, único reclamo, para visitar un país ou rexión.

As políticas turísticas dirixidas á promoción tenden a diversificar pouco, e centran a súa oferta naquelas iconas turísticas que representan a imaxe de marca dese lugar específico, deixando moitos recursos do patrimonio natural e cultural fóra da principal oferta de destinos.

Prevíase, antes da pandemia, que o volume de turistas superase o 4% anual nos seguintes dez anos: un ritmo insostible

Xeralmente, ademais, esta imaxe de marca, a mesma sempre, perpetúase década tras década, sen ter en conta que, en moitas ocasións, foi creada cando “veranear” comezaba a popularizarse e o chamado turismo de masas aínda estaba lonxe de ser un problema.

Corenta anos despois, o turismo evolucionou en formatos e medrou a ritmos frenéticos, no entanto, a oferta de destinos non cambiou tanto. En canto ao seu crecemento, prevíase, antes da pandemia, que o volume de turistas superase o 4% anual nos seguintes dez anos. Un ritmo insostible e nada compatible co quecemento global, e que agora, en tempos de pandemia, semella ciencia ficción.

Os problemas de sobrecarga dalgúns destinos, o aumento da presión dos servizos e infraestruturas públicas, a homoxeneización cultural e a crecente insatisfacción dos residentes locais, aos que se engaden os problemas inmobiliarios e ambientais, xerados nalgunhas cidades, son só algúns dos desequilibrios máis coñecidos derivados dun mal control regulatorio.

Antes da Covid-19 as medidas adoptadas para corrixilos eran, segundo os expertos, pouco contundentes, e a demanda dun turismo máis responsable, tivo, en consecuencia, unha resposta fragmentada. Tan só unha pequena parte de consultores, empresas e organizacións, realizan proxectos que realmente supoñan experiencias auténticas para os visitantes, e nas que se minimicen os efectos negativos sobre os ecosistemas e o patrimonio.

Agora, máis que nunca, o turismo tería que basearse en novos principios de crecemento, establecer estratexias onde o cambio climático estea realmente integrado, e centrar os seus fundamentos na sustentabilidade social e ambiental. Ao tempo que se fortalece o seu tecido empresarial e o emprego.

Tamén, a oferta de destinos turísticos, debería ser ampliada para reequilibrar a demanda e axudar a evitar as grandes masificacións nalgúns destinos. O “Eu estiven alí” a calquera prezo, hai moito non era sostible para moitos, pero agora, cando é necesaria a distancia social, faise pouco tolerable.

É a propia configuración do sector, e os paradigmas nos que se sustenta, onde están os verdadeiros problemas. E iso é, precisamente, o que agora con esta crise tería que mudar, a través dunha mellor regulación, planificación, e aplicando principios que controlen os impactos negativos.

Maite Vence é directora da certificación de calidade OBSERVER®, especializada en turismo científico (www.observersciencetourism.com)

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.

Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.