A empresa TecdeSoft traballa nestes resucitadores co patrocinio da GAIN.

Resucitadores adaptados por control remoto á respiración do paciente

A empresa coruñesa Técnicas de Soft deseñou durante o confinamento un proxecto que contempla o deseño e operativa dun resucitador autónomo reutilizable baseado nun equipo Ambú, o cal bautizaron como RAR (Resucitador Autónomo Reutilizable). O equipo disporá dun controlador electrónico e interface táctil que permitirá ao persoal sanitario interactuar co sistema  parametrizando de forma sinxela os distintos modos de funcionamento. Poderase controlar de forma electrónica e seleccionar, tanto o grao de aporte do dispositivo Ambú, como a velocidade.

Desta forma, o persoal sanitario poderá adaptar o volume de aire  insuflado, a cadencia e a presión ás necesidades de cada paciente. O proxecto, consistente  na fabricación de 4 prototipos con diferentes accionamentos, está financiado pola Axencia Galega de Innovación (GAIN), a través dun convenio asinado para tal efecto.

O proxecto consiste na fabricación dun ventilador invasivo para UCIs baseado no accionamento coordinado dunha bolsa de resucitador tipo Ambú. Estes dispositivos resucitadores adoitan estar dispoñibles tanto nas UCIs como nas ambulancias, e son fáciles de conseguir. Tomando como base esta idea, o que pretende o proxecto é crear todo un ecosistema ao redor do ventilador que mellore a xestión da respiración invasiva para pacientes de Covid-19.

Modelo do prototipo de TecdeSoft.

Os ventiladores pódense conectar a un centro de control cun software que permite a monitoraxe integral de varios equipos, así como a integración de cámaras para a supervisión dos pacientes na UCI. “Desta forma reducimos as veces que o sanitario ten que achegarse ao paciente, permitindo que un mesmo técnico poida supervisar varios dispositivos, diminuíndo así a exposición ao virus”, afirma Juan Jesús Pardo, director técnico de Tecdesoft.

Se o hospital o desexa, e a lexislación do país o permite, este centro de control pódese conectar a unha plataforma na nube que facilita a monitoraxe e o seguimento dos datos anonimizados. Esta plataforma dispón de mecanismos de ciberseguridade e non permite a actuación sobre o dispositivo, simplemente a monitoraxe do histórico. Está pensada para que poidan interactuar diversos especialistas que achegan coñecemento para a mellora da atención aos pacientes desde lugares remotos. Esta ferramenta conta ademais cun motor de intelixencia artificial co que se poden identificar patróns non adecuados ou correlacións entre diferentes prácticas.

No mercado xa existen números equipos baseados en accionamento de bolsa tipo Ambú. Trátase dun tipo de ventilador rápido de implementar e sinxelo de certificar, xa que as pezas que entran en contacto co aire que se insufla ao paciente xa veñen de serie coas certificacións médicas oportunas. Con todo, a bolsa  Ambu é un resucitador e non un ventilador. É dicir, é un elemento que está pensado para unha actuación curta no tempo. “O reto que perseguimos nestes dispositivos é conseguir un equipo que poida funcionar durante longos períodos de tempo asegurando en todo momento a idoneidade da mecánica  ventilatoria”, asegura Juan Jesús Pardo. Ademais, ha de ser un equipo industrializable para fabricación en serie e moi  robusto, “para iso baseámonos en tecnoloxía de automatización e control industrial amplamente probada e fácil de conseguir, así como en sensores médicos de alta precisión xa certificados”.

“A fabricación destes equipos non é complexa: debemos autoabastecernos”

Pero realmente, a gran vantaxe que ten este dispositivo é a  algoritmia que corre no seu interior. A maior parte dos equipos que vimos dispoñen de modos de regulación de volume/minuto, frecuencia ou presión, que sería a metodoloxía básica. Neste incorporan ademais métodos parecidos aos dos  ventiladores avanzados de UCI. O equipo RAR é capaz de detectar o impulso natural respiratorio do paciente e adaptarse a el. “Desta forma favorecemos que o paciente, unha vez está a superar a enfermidade, empece a respirar por si mesmo, nun primeiro momento axudado polo respirador, para conseguir o destete. Isto é especialmente relevante para conseguir unha pronta recuperación e reducir as secuelas da ventilación mecánica”, comenta o director técnico e de negocios de Tecdesoft.

Os prazos para que o equipo médico estea no mercado dependerán do calendario de probas necesarios para a súa validación e da autorización da Axencia Española do Medicamento. “O noso obxectivo é estar en disposición de empezar a produción en serie en 3 meses”, afirma Juan Jesús Pardo, que recorda que cando expuxeron a idea, comezaba o confinamento, e estaban centrados en buscar unha solución para o problema español. Estes equipos son clave para a atención aos enfermos de Covid-19 máis graves, e hai unha grande escaseza deles. “A sociedade civil non pode ser allea a este feito. En España hai grandes empresas con enorme capacidade de innovación e fabricar estes equipos non é complexo. Debemos autoabastecernos”.

Técnicas de Soft é unha empresa con varias décadas de historia, pero non tiña ningunha experiencia no ámbito médico. Traballaron en hospitais con sistemas auxiliares e contan con experiencia en industria alimentaria, química e farmacéutica, pero non en industria médica. “Por iso partimos das bolsas Ambú, que están xa certificadas para uso médico. Os nosos enxeñeiros están afeitos a programar a  algoritmia necesaria para multitude de procesos. O que temos que conseguir é programar a lóxica de operación necesaria para que as bolsas Ambú se accionen de forma continua e coordinada, segundo a mecánica respiratoria que precise o paciente. Sen dúbida, un reto moi bonito”, conclúe o director técnico.

2 COMENTÁRIOS

  1. gran profesional galego Juan Jesus Pardo natural de Celeiro de Mariñaos Concello de Barreiros LUGO

  2. Grandes solucions inmediatas para grandes problemas e todo inventado e diseñado por excelentes profesionais galegos como Juan Jesús Pardo.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.

Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.