Galicia conta cun amplo e variado catálogo de actividades para a divulgación da ciencia, ainda que ten eivas como a falla dunha estrutura empresarial estable neste eido ou a ausencia dunha política da Xunta a este repecto. Estas son algunhas das conclusións do Consello da Cultura Galega no seu Informe sobre a divulgación da Ciencia en Galicia, presentado esta semana.
O traballo, coordinado polo científico Xurxo Mariño, fai unha descrición xeral e unha visión crítica dos distintos proxectos que se desenvolven na comunidade, co obxectivo de salientar a importancia social e os avances na capacidade de comunicación que se foron sucedendo nos últimos anos, pero tamén coa finalidade de identificar as eivas e os atrancos que dificultan a creación de novoso proxectos ou o mantemento a longo prazo dos xa existentes.
O documento, que se atopa dipoñible en pdf na web, quere ser, ademáis, unha ferramenta útil para aqueles divulgadores, colectivos, xestores e institucións.
A falta de financiamento público frea a creación e mellora de proxectos de calidade
Entre as conclusións xerais destaca a falta de financiamento público neste tipo de proxectos, en especial a escala autonómica, cunha excesiva dependencia de fondos estatais como os que achega a Fundación Española para la Ciencia y la Tecnología (FECYT). Malia esta eiva, o informe destaca a existencia dunha variedade extraordinaria de actividades. “Aínda que non funciona como un catálogo, senón máis ben como unha reflexión de propostas, vese unha gran variedade, riqueza pero tamén calidade” destacou Xurxo Mariño. Porén, obsérvanse tamén importantes déficits, como a desaparición de suplementos especializados na prensa escrita, a inexistencia de revistas de comunicación popular da ciencia, a inexistencia de programas ben asentados nas canles de TV e radio ou a práctica inexistencia dunha industria dedicada á divulgación científica. Moitas das actividades que se manteñen cunha certa estabilidade deben a súa existencia “ao traballo persistente dunha única persoa ou un grupo pequeno de colaboradores, circunstancia que fai máis fráxiles aínda os programas de divulgación”, explica o informe.
Esta quizais excesiva dependencia de axudas externas podería solucionarse en parte poñendo claramente en valor o papel da comunicación da ciencia para a sociedade, de tal xeito que a cidadanía estivese disposta a pagar por recibir divulgación científica. Outra eiva importante na maioría dos proxectos estudados está na ausencia de mecanismos de avaliación, que fornecerían a divulgadores, institucións, administración e público dunha idea máis axeitada do impacto e do valor que o coñecemento da ciencia ten na sociedade.
A irrupción de Internet de xeito masivo na vida cotiá a finais do s. XX puxo nas mans da comunicación da ciencia unha ferramenta poderosa, rápida e eficaz. O informe destaca que, na actualidade, en Galicia só existe una plataforma dixital en galego dedicada á ciencia de maneira global e con actualizacións diarias: GCiencia.
GCiencia é o único diario dixital en galego dedicado á ciencia de maneira global
O inforrme eloxia a actividade de GCiencia como “a plataforma de referencia en Galicia para a comunicación das achegas da ciencia, cunha énfase importante na ciencia feita no noso país, pero tamén con artigos e seccións que abranguen todo o espectro da ciencia e a tecnoloxía“.
O informe destaca que no 2015, GCiencia contaba con máis de 80 000 visitantes únicos e máis de 100 000 páxinas vistas por mes. Na listaxe de medios xornalísticos galegos na rede, GCiencia sitúase como o primeiro portal dedicado á ciencia e á tecnoloxía. No estudo do Consello da Cultura Galega saliéntase tamén a gran audiencia que ten GCiencia, “que está situado entre os 20 primeiros postos de todas as webs escritas en galego, feito que indica un claro interese, en Galicia e en galego, polas novas relacionadas coa ciencia e a tecnoloxía”.
O informe do CCG gaba os contidos que GCiencia presenta diariamente aos seus lectores: “Os contidos do portal teñen un núcleo central de carácter xornalístico, de actualización diaria, que se complementan con, entre outras opcións, unha serie de bitácoras de natureza especificamente divulgativa, escritos na súa maioría por científicos e xornalistas. Ademais da aposta pola divulgación da ciencia e a tecnoloxía, é destacable o feito da implicación social de GCiencia para promover e impulsar tanto a propia divulgación como o desenvolvemento de ideas e empresas, a través do premio de comunicación científica Contar a ciencia” .














