Este é Hixía, o novo candidato a planeta anano do sistema solar

Unha colaboración internacional propón a inclusión deste corpo, ata agora considerado asteroide, grazas a novas medicións con maior detalle

Un equipo internacional de científicos, entre os que están varios de centros españois, publica hoxe en Nature Astronomy un traballo no que describen Hixía, un astro considerado ata agora como un asteroide do cinto que se move entre Marte e Xúpiter, cun detalle nunca acadado ata agora. E os resultados da investigación levan a que este corpo poida pasar a ser considerado como un novo planeta anano no noso sistema solar.

Segundo os criterios da Unión Astronómica Internacional, son precisos catro requisitos para catalogar un astro como planeta anano: estar en órbita arredor do Sol, non xirar arredor dun planeta, non ter limpado as proximidades da súa órbita e ter suficiente masa para acadar o equilibrio hidrostático e, por tanto, ter unha forma máis ou menos redonda. Moitos dos asterioides que vagan polo sistema solar teñen as tres primeiras características, pero non a cuarta. E esta é a condición que cumpriría tamén Hixía, segundo o artigo publicado esta semana.

Publicidade

Así é Hixía

Ata agora, ao ser considerado como asteroide, era un dos máis grandes do cinto que se move entre Marte e Xúpiter. En concreto, críase que era o cuarto maior, despois de Ceres (tamén considerado agora planeta anano) e os asteroides Vesta e Pallas. Foi descuberto no século XIX polo astrónomo italiano Annibale de Gasparis, e recibe o nome dunha deusa grega da saúde.

As novas medicións para este traballo, realizadas co Very Large Telescope (VLT) de Atacama, en Chile, rachan coas medidas de Hixía aceptadas ata agora: pensábase que era unha enorme rocha alongada de 350 por 500 quilómetros, e un enorme cráter de impacto nun dos seus lados. “Grazas á capacidade única do instrumento SPHERE do VLT, un dos máis potentes do mundo, puidemos resolver a forma de Hixía, polo que parece case esférica”, declarou o astrónomo Pierre Vernazza, do Laboratorio de Astrofísica de Marsella.

Ao parecer, o suposto cráter, que se debería ter orixinado polo impacto, un dos máis fortes que aconteceu no cinto de asteroides, non existe, xa que o corpo volveu acadar o equilibrio hidrostático despois da colisión. E, con esta forma esférica, Hixía cumpriría por tanto o requisito que lle faltaba para ser un planeta anano. Sería, ademais, o máis anano de todos, superando por abaixo a Ceres. Segundo os novos cálculos, Hixía tería un diámetro duns 430 quilómetros, cun período de rotación dunhas 13,8 horas, a metade do que se cría.

Tal e como explica o artigo de Nature, “as simulacións numéricas apuntan a que a forma esférica e familia de asteroides aos que dá nome Hixía poden explicarse por unha colisión cun gran corpo, de entre 75 e 150 quilómetros de diámetro. Crese que este impacto tivo lugar hai 2.000 millóns de anos”.

Se se acaba aceptando a súa catalogación como planeta anano, o achado de Hixía poderá ampliar o abano de corpos candidatos a esta categoría, xa que podería haber moitos máis potenciais planetas ananos alén da órbita de Neptuno.

O achado de Hixía foi posible grazas a unha gran colaboración na que participaron varios grupos de investigadores españois, tanto profesionais do Instituto de Astrofísica de Andalucía (CSIC), o Institut de Ciències del Cosmos da Universitat de Barcelona, como afeccionados, como é o caso de José Luis Maestre, do Observatorio de Albox, en Almería.

Referencia: A basin-free spherical shape as an outcome of a giant impact on asteroid Hygiea (Publicado en Nature Astronomy).

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Como ver dende Galicia o novo cometa que cruzará o ceo esta semana

O corpo celeste ATLAS C/2024 S1 será visible ata o día 21 de xaneiro á altura da constelación de Capricornio

Eclipses de lúa, de sol e chuvias de estrelas: os eventos astronómicos de 2025 en Galicia

O ano arrincou cunha aurora boreal e continuará co escurecemento total da lúa en marzo que se poderá observar a simple vista

O pico de actividade das Oriónidas coincidirá cunha Lúa case chea

O paso da Terra pola órbita do cometa Halley traerá unha chuvia de estrelas, cuxo pico de actividade terá lugar o 21 de outubro

Galicia vive unha semana de récord con mareas vivas históricas

Este xoves, as mareas vivas sacudirán as augas galegas a causa da aliñación de Terra, Lúa e Sol nun mesmo plano, con efectos maiores sobre a ría de Foz